DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 11 de outubro do 2017

A proba HELA foi elixida pola Universidad de Granada para acreditar aos seus docentes

Vigo, referencia española en acreditación do profesorado para a docencia en inglés

Este mes desprazouse a Andalucía persoal do Centro de Linguas para examinar alí a 36 persoas


ImageA proba HELA -Higher Education Lecturing Accreditation- da Universidade de Vigo, que acredita ao profesorado para a docencia en inglés, foi a elixida pola Universidad de Granada para realizar a acreditación do seu profesorado, solicitando, ademais, que fose o propio persoal do Centro de Linguas da institución académica viguesa o que se desprazase ata Andalucía para examinar alí aos 36 docentes que participaron nesta primeira convocatoria de exames da UGR. Granada convértese así no primeiro centro de ensino superior en adoptar a proba viguesa como acreditación oficial, pero o interese por este sistema chegou xa dende diferentes universidades, tanto españolas como estranxeiras.

D. Besadío | Vigo
A proba HELA -Higher Education Lecturing Accreditation- da Universidade de Vigo, que acredita ao profesorado para a docencia en inglés, foi a elixida pola Universidad de Granada para realizar a acreditación do seu profesorado, solicitando, ademais, que fose o propio persoal do Centro de Linguas da institución académica viguesa o que se desprazase ata Andalucía para examinar alí aos 36 docentes que participaron nesta primeira convocatoria de exames da UGR. Granada convértese así no primeiro centro de ensino superior en adoptar a proba viguesa como acreditación oficial, pero o interese por este sistema chegou xa dende diferentes universidades, tanto españolas como estranxeiras.

“Nalgunha das nosas convocatorias tivemos representantes doutras universidades -Salamanca, por pór un exemplo- que viñeron coñecer o desenvolvemento da proba e o proceso de avaliación”, explica a vicerreitora de Estudantes, Dolores González, exdirectora do Centro de Linguas, que fixo fincapé en que “aparte dunha enorme satisfacción o máis importante é que este recoñecemento supón un importante aval ao noso traballo”.

A Universidad de Granada aprobou a principios de 2017 un Plan de Política Lingüística e, máis recentemente, un Protocolo para la impartición de docencia en inglés u otras lenguas extranjeras e, neste último, recolle como requisito para o profesorado que imparte docencia en inglés a necesidade de “estar en posesión de una acreditación para la docencia en esa lengua similar a los sistemas de verificación de competencias para la docencia bilingüe desarrolladas por las universidades de Vigo (HELA, Higher Education Lecturing Accreditation) o de Copenhague (TOEPAS, Test of Oral English Proficiency for Academic Staff)”. “Pero non só importan a proba, senón que é a propia Universidade de Vigo a que acredita, pois piden que sexa o profesorado do noso Centro de Linguas quen a leve a cabo”, insistiu González.

Na Universidade xa se acreditaron con esta proba preto de 200 docentes

A proba HELA foi creada e posta en marcha en 2013, ao abeiro da posta en marcha do Plan de Internacionalización Lingüística da Universidade de Vigo. Dende entón acreditáronse para impartir docencia en inglés 191 profesores e profesoras que foron examinados por docentes do Centro de Linguas, especialistas en docencia de inglés como lingua estranxeira, avaliación e pronuncia.

“HELA é unha proba de dominio específica que avalía non só o dominio da lingua estranxeira senón tamén a fluidez e habilidades comunicativas do profesorado para a docencia e a presentación oral e a súa capacidade de interacción co alumnado”, explica a vicerreitora de Estudantes. Consta dunha proba escrita e unha proba oral, e segue unha rúbrica elaborada e pilotada por un grupo de expertos, tanto da propia Universidade como do Centro de Linguas.

A maiores da acreditación en si, esta proba ten tamén un obxectivo formativo secundario, xa que ao finalizar cada convocatoria o Centro de Linguas envía a cada candidato/a as súas cualificacións e un informe que inclúe os comentarios do comité sobre os puntos destacables da súa competencia comunicativa, así como todos aqueles aspectos susceptibles de mellora. Naqueles casos en que os docentes non posúan as destrezas lingüísticas necesarias para conseguir a habilitación, o test proporciónalle información sobre o tipo de formación e/ou apoio lingüístico que necesita para capacitarse para a docencia en inglés en convocatorias futuras.

Cinco anos de HELA en Vigo

“Un logro importante é que o noso profesorado xa teña asumido que é necesario medir a competencia lingüística para a docencia nunha lingua estranxeira para garantir a calidade dos programas bilingües/plurilingües”, explica Dolores González, que apunta tamén que o profesorado acepta máis facilmente ser avaliado mediante unha proba como HELA, que semella unha clase e, por tanto, mide a súa capacidade de usar a lingua estranxeira en contextos docentes.

Con respecto ao alumnado, a vicerreitora explica en que en xeral os estudantes que asisten a materias impartidas en inglés amósanse moi satisfeitos coa competencia lingüística do profesorado que as imparte. “Isto non significa que a proba non teña posibilidade de mellora, o obxectivo é que a docencia nunha lingua estranxeira non comprometa o nivel de contidos das materias nin os resultados de aprendizaxe do alumnado”, engadiu.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós