DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 11 de outubro do 2017

Ciencias da Educación e do Deporte acolle o vindeiro xoves unhas xornadas da Rede RIES

Unha rede sobre inmigración afondará no campus na importancia de achegar a investigación á sociedade

Con inscrición gratuíta, o curso está dirixido a analizar recursos para dar a coñecer traballos científicos


Image“Unha das tarefas máis importantes dun investigador é a divulgación do coñecemento científico, dada a importancia deste para a vida das persoas”, salienta a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino, coordinadora das xornadas que, o vindeiro xoves 19, reunirán nesta facultade a investigadores e investigadoras das tres universidades galegas. A Rede de Inmigración, Educación e Sociedade (RIES) abordará nesta xornada os diferentes recursos e ferramentas que os investigadores e investigadoras teñen á súa disposición para facer chegar os seus traballos á sociedade.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
“Unha das tarefas máis importantes dun investigador é a divulgación do coñecemento científico, dada a importancia deste para a vida das persoas”, salienta a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino, coordinadora das xornadas que, o vindeiro xoves 19, reunirán nesta facultade a investigadores e investigadoras das tres universidades galegas. A Rede de Inmigración, Educación e Sociedade (RIES) abordará nesta xornada os diferentes recursos e ferramentas que os investigadores e investigadoras teñen á súa disposición para facer chegar os seus traballos á sociedade.

Con inscrición gratuíta, as Xornadas de Grupos de Investigación da Rede RIES, Investigación e Divulgación Científica, contarán coa participación con preto de 30 investigadores e investigadoras, pertencentes a sete grupos de investigación das sete universidades galegas, entre os que se atopa o GIES-10, que coordina Pino. “Que a sociedade e, neste caso, os profesionais da educación, coñezan os resultados das nosas investigacións redunda na calidade do sistema educativo e, polo tanto, na mellora do rendemento do alumnado”, salienta a presidenta do comité organizador deste seminario, promovido por unha rede que centra o seu labor nos eidos da educación, a inmigración e a inclusión social o seu traballo. As xornadas, das que o tamén profesor do centro Jorge Soto é o secretario do comité organizador, inclúen no seu programa diferentes relatorios sobre o impacto social da investigación científica, a creación de perfís de investigadores, a súa comunicación en proxectos europeos ou as políticas para mellorar a calidade das publicacións.

“A divulgación científica pode realizarse en calquera formato, como unha revista, un programa de televisión ou un sitio de internet”, engade Pino, responsable do comité organizador destas xornadas, que nese senso, parten do uso de diferentes ferramentas para achega á sociedade o labor investigador.

Fluxos migratorios e inclusión social

Coordinada polo investigador da USC Miguel A. Santos, a Rede RIES ten como ámbitos de traballo a educación e os fluxos migratorios, o deseño de vías de intervención e desenvolvemento educativo para mellorar a inclusión social das persoas procedentes da inmigración, o desenvolvemento de programas dirixidos a este colectivo, a pegadoxía cultural ou o papel das TIC no eido formativo. Está financiada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como polo Fondo Europeo de Desenvolvemento.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós