DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 13 de outubro do 2017

Celebrarase os días 20 e 21 de outubro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

A produción e o consumo na industria do automóbil centrará o X Congreso España-Italia de Historia Económica


ImageA industria do automóbil en España e Italia: produción e consumo centrará a décima edición do Congreso España-Italia de Historia Económica, que se celebrará os vindeiros 20 e 21 de outubro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias da Universidade de Vigo. “A elección da sede en Vigo para este encontro ten que ver coa implantación na área metropolitana viguesa, desde a década de 1950, dunha industria automobilística importante arredor de Citröen e as empresas auxiliares, que actualmente proporcionan máis de 19.000 empregos totais e xeran uns 43.000 empregos directos e indirectos”, explica o docente e investigador da Universidade de Vigo e organizador do congreso, Rafael Vallejo.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
A industria do automóbil en España e Italia: produción e consumo centrará a décima edición do Congreso España-Italia de Historia Económica, que se celebrará os vindeiros 20 e 21 de outubro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias da Universidade de Vigo. “A elección da sede en Vigo para este encontro ten que ver coa implantación na área metropolitana viguesa, desde a década de 1950, dunha industria automobilística importante arredor de Citröen e as empresas auxiliares, que actualmente proporcionan máis de 19.000 empregos totais, xeran uns 43.000 empregos directos e indirectos, preto do 15% do PIB de Galicia, con máis de 8000 millóns de euros e case un terzo das exportacións totais galegas”, explica o docente e investigador da Universidade de Vigo e organizador do congreso, xunto á docente da Universidade de A Coruña Margarita Vilar, Rafael Vallejo.

Organizado polo grupo de investigación Ecosot, coa colaboración de Ecobas, o congreso articúlase en catro sesións nas que as e os participantes, chegados de institucións académicas españolas e italianas, ofrecerán cadansúa comunicación nas que abordarán temas como as luces e sombras das políticas industriais en España no caso do automóbil; o automóbil e o turismo en España entre 1900 e 1936; a metamorfose de SEAT; o papel das zonas francas no desenvolvemento ou os comezos e a consolidación de Citröen en España. O venres, trala inauguración, terá lugar unha conferencia inaugural a cargo de Juan José Areal, responsable de Proxecto Innovación en Procesos do Grupo PSA en Vigo, titulada Grupo PSA: cara á fábrica do futuro.

Unha década de congresos de historia económica

O Congreso España- Italia de Historia Económica chega a Vigo tras pasar por cidades de ambos os dous países, como Bari, Alacante, Padova, La Laguna, Xénova, Palma de Mallorca ou Catanzaro. “Os congresos xurdiron a finais da década de 1990. Neses anos creouse un comité Italia-España para a Historia Económica, no seo das asociacións de historia económica dos respectivos países”, lembra Vallejo, que sinala que trala celebración do primeiro congreso en Bari en 1999, o resto realizáronse con periodicidade bianual, organizados por universidades italianas e españolas, respectivamente.

“Os congresos significaron unha revisión e posta ao día de cuestións relevantes para a historia económica de ambos os dous países, como as industrias marítimas, a industria agroalimentaria, historia empresarial, economías insulares, patrimonio industrial, industria turística, facenda pública, sistemas de asistencia social e seguridade social, infraestruturas e medios de transporte e as respectivas industrias turísticas”, detalla o organizador do simposio.

20 estudantes da Universidade de Vigo poderán matricularse de xeito gratuíto no congreso do que recibirán o correspondente certificado de asistencia.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós