DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 13 de outubro do 2017

Coa presentación dun informe sobre as súas actuacións, no marco da Semana Forestal Europea

A EE Forestal pon en valor a súa implicación co plan da ONU para unha economía verde

O acto serviu tamén para pór en valor o papel dos bosques na loita contra o cambio climático


ImageNo ano 2008, a O Fao e Unece impulsaron a conmemoración da Semana Forestal Europea co propósito de incrementar a visibilidade do sector e incidir na importancia dos bosques en diversos eidos. Cinco anos despois, promovían a aprobación do plan de acción para o sector forestal nunha economía verde, un conxunto de medidas dirixidas a contribuír á transformación do sector, ao que se adheriu á Escola de Enxeñaría Forestal. Coincidindo coa avaliación intermedia deste proxecto das Nacións Unidas e coa conmemoración desta semana, o centro do campus fai tamén balance da súa contribución, nos eido científico e formativo, á estratexia da ONU.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
No ano 2008, a Organización da Agricultura e a Alimentación para as Nacións Unidas (Fao) e a súa Comisión Económica para Europa (Unece) impulsaron a conmemoración da Semana Forestal Europea co propósito de incrementar a visibilidade do sector e incidir na importancia dos bosques en diversos eidos. Cinco anos despois, promovían a aprobación, tamén no marco desta semana, do plan de acción para o sector forestal nunha economía verde, un conxunto de medidas dirixidas a contribuír á transformación do sector, ao que se adheriu á Escola de Enxeñaría Forestal. Coincidindo coa avaliación intermedia deste proxecto das Nacións Unidas e coa conmemoración desta semana, o centro do campus pontevedrés fai tamén balance da súa contribución, nos eido científico e formativo, á estratexia proposta pola ONU.

O director do centro, Juan Picos, e o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, presentaron este informe na Casa das Campás, nun acto dirixido a pór en valor as mensaxes difundidas pola ONU co gallo desta conmemoración. “Trátase dun plan de adhesión voluntaria e a escola comprometeuse a ir aplicando, na medida do posible, estas guías para desenvolver a súa estratexia”, sinalou Picos, quen lembrou que o plan aprobado na localidade finesa de Rovaniemi foi tamén un dos referentes para o proceso de análise estratéxica, que permitiu que “o único centro universitario exclusivamente forestal de Galicia” se convertese, como lembrou Corbacho, no primeiro de campus en obter a certificación á implantación do seu sistema de garantía interna de calidade por parte da ACSUG.

Balance de traballo e compromiso

O informe, explicou Picos, “é un esforzo por enumerar de xeito transparente aqueles resultados do noso centro que teñen ver co cumprimento deses obxectivos de economía verde”. Partindo dos cinco piares do plan e de máis de 40 indicadores, o texto enumera traballos desenvolvidos pola escola e os seu profesorado nos eidos investigador e formativo, así como a participación dos seus expertos en diferentes comités técnicos. Así, no relativo ao consumo e produción sustentable de produtos forestais, salienta a renovación do laboratorio de transformación química da madeira, con novos equipamentos que permiten traballar en  novos materiais baseados en madeira; o traballo desenvolvido polo grupo AF4 para un proxecto de apoio á certificación forestal para o Grupo Galego de Certificación Forestal e Cadea de Custodia ou a colaboración cos outros cinco centros formativos e de investigación relacionados co sector que existen en Pontevedra. Respecto do obxectivo dun sector forestal baixo en carbono, o documento sinala o labor da planta piloto de fabricación de combustibles densificados a base de biomasa e o laboratorio de enerxías xiloxeradas da escola, a participación de investigadores no proxecto europeo Domoheat ou o proxecto sobre o cabalo galego do monte, financiado pola Fundación Biodiversidad, que desenvolveu o grupo AF4.

O fomento do emprego verde no sector é outro dos piares do plan, eido no que a escola destaca os estudos sectoriais desenvolvidos para entidades e institucións, así como a súa estratexia de mobilización internacional de alumnado e PDI. Os traballos do grupo EcoEvo para a caracterización de especies e ecosistemas e o desenvolvemento de estratexias de conservación son unha das acción sinaladas respecto do obxectivo de provisión de servizos forestais ecosistémicos, mentres que no que atinxe ao desenvolvemento de políticas de seguimento do sector forestal, o informe sinala a participación da EE Forestal no grupo de traballo para o establecemento das directrices do Plan Forestal de Galicia e os convenios de colaboración e accións formativas con diferentes comunidades de montes veciñais en man común.

Da loita contra o cambio climático á convervación da biodiversidade

Picos aproveitou tamén a presentación para difundir as mensaxes promovidas polos organismos da ONU con motivo desta Semana Forestal Europea, como que “as mas forestais son o principal sumidoiro de carbono que podemos xestionar e, polo tanto, unha das ferramentas máis importantes que temos contra o cambio climático”, como amosa o feito de que a biomasa forestal retén cada ano unha media de 719 millóns de toneladas de CO2, o equivalente ao 9% dos gases de efecto invernadoiro que se emiten en Europa. Tamén que os bosques, que abarcan máis dun terzo da superficie terrestre do continente, son unha “conta de aforros” para moitas familias e comunidades e o papel que xogan na conservación da biodiversidade.

Medidas contra os lumes forestais

A preguntas dos xornalistas, Picos abordou un dos principais problemas das masas forestais, os incendios, que no caso do noroeste da península, apuntou, constitúen “un problema relativamente estrutural”, vinculado a factores como “a tradición do emprego do lume en áreas rurais, o incremento da biomasa vexetal e a existencia de períodos de seca”.

O director da EE Forestal sinalou como “un erro que todo o esforzo se centre na extinción”, e relatou nunha serie de medidas que poden contribuír á súa prevención, desde o uso do pastoreo a queimas prescritas “en épocas de baixo risco” ou accións de roza. Pero, dada a elevada porcentaxe de lumes “nos que está involucrado o ser humano”, este labor ten que abranguer tamén cuestións como a loita contra o abandono, xa que “por moito que digamos que facer, hai moitas masas forestais nas que xa non hai xente que as traballe”, a valorización dunha “diversidade de produtos do monte”, o traballo asociativo ou a “implantación efectiva” de seguros forestais.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós