DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 13 de outubro do 2017

A través dun curso promovido pola EIO, que reúne alumnado de diferentes universidades

A teoría de xogos revindica os seus múltiples ámbitos de aplicación

O obxectivo do seminario é amosar a utilidade desta teoría matemática para investigar en diferentes áreas


ImageEmpregada fundamentalmente no ámbito da economía, a teoría de xogos é unha teoría matemática dirixida a promover a optimización en procesos nos que interveñen axentes e criterios diversos, pode ser tamén unha ferramenta cun “potencial enorme en áreas como as ciencias políticas, a xestión pública e a bioloxía”. Co propósito de dar a coñecer esta teoría como ferramenta de utilidade en diversos ámbitos e empresariais, a Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa promove en Pontevedra a terceira edición dun seminario que reúne na Casa das Campás a estudantes de doutoramento de diferentes universidades.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Empregada fundamentalmente no ámbito da economía e a investigación operativa, a teoría de xogos é unha teoría matemática dirixida a promover a optimización en procesos nos que interveñen axentes e criterios diversos, pode ser tamén unha ferramenta cun “potencial enorme en áreas como as ciencias políticas, a xestión pública e a bioloxía”, como sinala o profesor de CCSS e da Comunicación, Juan Vidal. Co propósito de dar a coñecer esta teoría como ferramenta de utilidade en diversos ámbitos e empresariais, a Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa (SIEO) promove en Pontevedra a terceira edición dun seminario que, nas xornadas de venres e sábado, reúne na Casa das Campás a estudantes de doutoramento de diferentes universidades, nacionalidades e áreas.

“Temos estudantes de matemáticas, economía, organización de empresas, socioloxía e mesmo un avogado”, sinala Vidal, presidente do comité organizador, dos e as participantes no seminario que imparten os catedráticos Ignacio García, da Universidade da Coruña, e Joaquín Sánchez, da Universidad Miguel Hernández de Elche, e que na mañá deste venres inauguraba xunto co vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e o investigador da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 Enrique Varela. Trátase, como sinala Vidal, dun curso que, co patrocinio do grupo de referencia competitiva Ecosot, da agrupación estratéxica Ecobas, do grupo de investigación SiDOR e do Campus CREA S2i, a Universidade de Vigo acolle por primeira vez e dirixido a dar a coñecer a teoría de xogos “dentro e fóra dos ámbitos onde xa se empregou con éxito”.

Matemática aplicada e conflitos de intereses

“A teoría de xogos trata de optimización cando existen criterios diferentes do que é óptimo”, salienta Vidal, quen exemplifica esta situación coa reforma dunha beirarrúa por parte dun concello, xa que neste caso o “óptimo” para os veciños sería facelo “con lousas de máxima calidade, en pouco tempo e sen que lles aumenten os impostos”, mentres que para a construtora pasaría por “utilizar baldosas baratas, con moita flexibilidade de tempo e a un prezo alto”.

Nese senso, Sánchez Soriano pón de relevo que esta ferramenta “é simplemente a análise de situacións nas que tes máis dun posible decisor e existen conflitos de interese”. Trátase, sinala dunha ferramenta que parte de analizar “comportamentos estratéxicos para ver como pode converxer esta situación”, o que, cando é “competitiva”, parte de “comprender cara onde nos levan esas decisións e buscar o que se coñece como equilibrio, que solucións son as que ao final se terminen implantando porque son estables nalgún sentido”.

Analizar como asignar cotas de co2 a certos sectores industriais e como estas lles afectan será un dos casos abordados por este catedrático da UDC nun seminario no que Ignacio García Jurado relatará experiencias como a súa participación xunto con outros teóricos no asesoramento para o deseño das tarifas que os operadores ferroviarios deberían aboarlle, trala liberalización do sector, ao operador ferroviario. Pero trátase dunha teoría, como sinala, aplicable “noutros moitos ámbitos, como por exemplo nas poxas, que son moi importantes para xestionar os mercados, ou para a análise de estruturas de votación”. Nese mesmo senso, Sánchez pon de relevo á chamada teoría de xogos inversa, a centrada no “deseño de mecanismos para que os mercados se comporten como ti queres que se comporten e cheguen a uns resultados que sexan xustos”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós