DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 26 de xaneiro do 2009

Coa colaboración da Xunta e as Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña

Bugalicia presenta un orzamento de 5 millóns de euros que favorecerá a investigación e a produción científica on line

Cada un dos 6.441 investigadores do SUG contará cunha axuda de 765 euros


O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia presentou o seu orzamento para 2009 e a previsión de gasto en recursos electrónicos de información para a comunidade científica das universidades galegas, docentes e estudantes de terceiro ciclo. 5,1 millóns de euros é a cantidade á que ascende este ano o orzamento de Bugalicia, dos cales 3,2 proceden do esforzo inversor das tres universidades e o 1,9 do Goberno galego. Desta cifra, 4.930.324 euros empregaranse na contratación de recursos electrónicos de información científica repartidos entre os 6.441 investigadores adscritos na actualidade ao Sistema Universitario de Galicia, o que supón un investimento de 765 euros per cápita.

Image Lucía Costas | Vigo
O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia presentou o seu orzamento para 2009 e a previsión de gasto en recursos electrónicos de información para a comunidade científica das universidades galegas, docentes e estudantes de terceiro ciclo. 5,1 millóns de euros é a cantidade á que ascende este ano o orzamento de Bugalicia, dos cales 3,2 proceden do esforzo inversor das tres universidades e o 1,9 do Goberno galego. De esta cifra, 4.930.324 euros empregaranse na contratación de recursos electrónicos de información científica repartidos entre os 6.441 investigadores adscritos na actualidade ao Sistema Universitario de Galicia, o que supón un investimento de 765 euros per cápita.
Victoria Millor, directora técnica de Bugalicia, sinalou que “o Consorcio de Bibliotecas Universitarias ten como obxectivo fundamental o apoio continuo aos servizos bibliotecarios das tres universidades galegas a través da cooperación interbibliotecaria”. O seu propósito é favorecer a produción científica que se está a desenvolver en Galicia, a través da cooperación interbibliotecaria das tres universidades, poñendo a disposición dos estudantes, docentes e investigadores unha ferramenta tecnolóxica útil como é o acceso a través da rede a un alto número de recursos electrónicos de información científica que son, fundamentalmente, bases de datos, revistas e libros electrónicos, xestores bibliográficos e ferramentas para potenciar a publicación dos investigadores das universidades en revistas de alto impacto.
Millor explica que froito da cooperación interbibliotecaria universitaria e a Xunta de Galicia xurde unha das actividades fundamentais de Bugalicia, “como é a negociación conxunta de contratacións de interese común ás tres universidades coas editoriais provedoras de información científica na rede, como grupos de revistas entre as que se atopan as máis prestixiosas a nivel internacional”. Neste senso, “o feito de que o consorcio actúa como un único interlocutor das tres entidades proporciona máis capacidade negociadora, multiplica o número de recursos con prezos mais competitivos e minimiza a burocracia e os riscos das operacións”, engade Millor.

E-revistas, e-books e bases de datos referenciais

Na actualidade a comunidade científica universitaria galega ten acceso a múltiples bases de datos, libros e revistas electrónicas. A día de hoxe, o volume de e-revistas accesibles grazas a Bugalicia ascende a 20.673 títulos a texto completo, que se suman aos 4.359 libros da biblioteca on line e ás 46 bases de datos referenciais. Así mesmo, tamén se proporciona outro tipo de material a través da rede como actas de congresos e os denominados estándares, elementos de consulta indispensable no eido das enxeñarías.
Os últimos datos, relativos a 2008, indican que os usuarios dos recursos realizaron mais de medio millón de consultas sobre estas bases de datos, das que o 32% proceden da Universidade de Vigo, o 13,9% da Coruña e 54,1% de Santiago. Neste mesmo período, polo que respecta á consulta de e-revistas, producíronse máis de 700.000 descargas de artigos, sendo a Universidade compostelá a que máis acumula cun 55% seguida de Vigo co 28% e da Coruña co 16%. Por último, as descargas a texto completo de libros foron case 2000 e en relación ás consultas de estándares ou actas de congresos de enxeñaría acumuláronse 21.482, das cales Vigo realizou o 57% , Coruña o 18% e o 15% Santiago.

Racionalización do investimento

O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia leva investido, entre o ano 2002 e 2008, unha media anual de 3,6 millóns de euros na adquisición e ampliación de recursos de información científica on line e desenvolve estudos da produción científica para adaptar os recursos de información ás liñas de investigación do Sistema Universitario de Galicia.
A traxectoria de Bugalicia está sustentada pola racionalización e adecuación dos recursos ás necesidades da comunidade científica universitaria galega. “Unha parte fundamental da labor do Consorcio é a racionalización de todos os recursos que proporciona, adecuándoos ás liñas de investigación do SUG, a través do estudo pormenorizado e continuado da produción científica dos seus investigadores, que entendemos e que desenvolvemos como unha das principais liñas do noso traballo”, sinala Millor.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós