DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 27 de febreiro do 2009

Nunha campaña da Área de Normalización Lingüísitica

Xa se deu a coñecer o/a amante galego-falante

A Universidade promove o galego a través dun concurso baseado nunha historia ficticia


ImageBaixo o lema Dálle uso á lingua, faite amante presentábase hoxe, no Edificio Miralles do campus vigués, a nova campaña da Área de Normalización Lingüística da Universidade, á que o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, se referiu como “unha acción de dinamización lingüística, que continúa na liña das anteriores Quen sabe galego sabe máis e Chámate con xeito”. Dirixida á comunidade universitaria, ademais de propor un debate sobre a lingua, “con esta acción preténdese tamén dar a coñecer a existencia dun servizo de normalización lingüística ao dispor de todos a través da ANL”, sinalaba Cristina Ricart técnica da área.

Lucía Costas | Vigo
Baixo o lema Dálle uso á lingua, faite amante presentábase hoxe, no Edificio Miralles do campus vigués, a nova campaña da Área de Normalización Lingüística da Universidade, á que o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, se referiu como “unha acción de dinamización lingüística, que continúa na liña das anteriores Quen sabe galego sabe máis e Chámate con xeito”. Dirixida á comunidade universitaria, ademais de propor un debate sobre a lingua, “con esta acción preténdese tamén dar a coñecer a existencia dun servizo de normalización lingüística ao dispor de todos a través da ANL”, sinalaba Cristina Ricart técnica da área.

Busco amante galego-falante

Durante toda esta semana, centos de carteis penduran dos taboleiros e paredes de facultades, escolas e demais edificios dos tres campus. Alumnos, profesores, persoal de administración e servizos e todo aquel que se paraba a lelos quedaba coa curiosidade de saber quen era o ou a estudante que estaba na procura dun amante galego-falante. Trátase dunha campaña baseada nunha ficción, “cun arranque orixinal e atractivo, coa finalidade de suscitar o desexo de saber máis”, apuntaba Sechu Sende do estudo de deseño Desoños, encargado da parte gráfica da campaña. “Empregamos o humor, como arma cargada de futuro, xunto cunha visión optimista de encontro e de abrir relacións entre persoas”, engadía.
Sende, creador da idea, explicaba que o obxectivo céntrase en conseguir que, a través de temas que realmente lle interesan ao público obxectivo, como son a sexualidade, o coñecer xente, etc, se vexa que o galego é unha lingua moito máis útil do que se cree. Tanto o lema de lanzamento, Busco amante galego-falante, como o xa definitivo, Dálle uso á lingua, faite amante, chaman á participación, “trátase dunha lección sociolingüística para perder calquera prexuízo cara á nosa lingua, como o feito de falarlle castelán, e non galego, a un estranxeiro”, sinalaba Sende. Foi precisamente a partir de aí como xurdiu a iniciativa de levar a cabo esta campaña, pois, como explicaba Area “foi a raíz dun estudante estranxeiro, de intercambio na Universidade de Vigo, que nos preguntou cómo podía aprender galego”.
No anuncio do cartel aparecía un contacto web (http://webs.uvigo.es/contactos) co obxectivo de incitar á xente, interesada en coñecer a ese ou esa amantegalegofalante, a que visitase o sitio en Internet no que se pode ver o anuncio completo e un espazo para rexístrate e contactar con el ou ela. No momento en que se cubre a ficha cos datos e se preme en continuar, o usuario introdúcese xa na segunda fase da campaña coa aparición da mensaxe “Isto é un concurso!”

Unha campaña-concurso na que se premiará a orixinalidade

Despois de chamar a atención cunha acción de impacto que dese pé a estar en boca de toda a comunidade universitaria, incluso máis alá destas fronteiras, a segunda parte da campaña céntrase en elaborar unha mensaxe en resposta ao anuncio co fin de participar nun concurso. “O enxeño, a creatividade e orixinalidade serán as calidades valoradas para optar ao premio final”, subliñaba o vicerreitor.
Ricart explicaba que cada membro da comunidade universitaria pode enviar unha soa mensaxe, ben sexa de texto, vídeo ou audio. Así mesmo, todos os participantes recibirán un agasallo, dende chapas e clips a camisetas e lapis de memoria USB.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós