DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 20 de abril do 2009

O calendario aprobado polo Consello de Goberno prolongarase ata o 30 de xullo de 2010

O 21 de setembro comezará o vindeiro curso para os estudos oficiais de grao e posgrao

Takeshi Yasumoto será nomeado Doutor Honoris Causa


Image Do 21 de setembro de 2009 ao 30 de xullo de 2010. Este será o período lectivo do curso académico 2009-2010 para os estudos oficiais de grao e posgrao, despois que o Consello de Goberno aprobase por maioría este calendario de aplicación en todo o Sistema Universitario Galego. O calendario dividido nun primeiro cuadrimestre do 21 de setembro de 2008 ao 3 de febreiro de 2010 e un segundo do 4 de febreiro ao 7 de xuño (16 semanas en ambos casos), establece ademais das probas de avaliación do primeiro e do segundo cuadrimestre, outra convocatoria, que substitúe á que antes se celebraba en setembro e que queda fixada na primeira quincena do mes de xullo.
Ademais o Consello aprobou que o científico xaponés Takeshi Yasumoto sexa o vindeiro Doutor Honoris Causa respaldando así a proposta liderada polo director do Departamento de Química Analítica e Alimentaria e ex reitor da Universidade de Vigo, José Antonio Rodríguez Vázquez.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Do 21 de setembro de 2009 ao 30 de xullo de 2010. Este será o período lectivo do curso académico 2009-2010 para os estudos oficiais de grao e posgrao, despois que o Consello de Goberno aprobase por maioría este calendario de aplicación en todo o Sistema Universitario Galego. O calendario dividido nun primeiro cuadrimestre do 21 de setembro de 2008 ao 3 de febreiro de 2010 e un segundo do 4 de febreiro ao 7 de xuño (16 semanas en ambos casos), establece ademais das probas de avaliación do primeiro e do segundo cuadrimestre, outra convocatoria, que substitúe á que antes se celebraba en setembro e que queda fixada na primeira quincena do mes de xullo. En canto á convocatoria extraordinaria de decembro seguirá a desenvolverse do 14 ao 19 dese mes, sen que se suspendan as clases.
Sen embargo, este calendario que xa funciona no grao de Belas Artes e tamén nos posgraos, non será o único que se implante o vindeiro curso na Universidade de Vigo onde as titulacións a extinguir manterán o calendario vixente ata o de agora cun período lectivo que vai do 21 de setembro do 2009 ao 11 de setembro de 2010, incluíndo as convocatorias de setembro e decembro, esta última con suspensión das clases incluída.
Fronte á recriminación do voceiro dos Comités, Iago Varela, que lamentou que non se tivese consultado ao alumnado cuestións como a suspensión das clases na convocatoria de decembro, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago manifestou o desexo do equipo de goberno de “non molestar a ningún centro e transitar de xeito cómodo os vindeiros tres anos”, tendo en conta a convivencia de tres modelos nos centros como son aqueles nos que só haberá graos, outros nos que convivan graos con titulacións a extinguir (licenciaturas e diplomaturas) e outros nos que só haberá ata 2010-2011 titulacións a extinguir, como é o caso das enxeñarías.

Traballo de preparación dos planos de estudo de grao

Precisamente as enxeñarías, xunto coa licenciatura de Física, centraron un dos puntos da orde do día que maior debate xerou: o referido ao encargo da preparación de propostas de títulos de grao para a súa implantación no curso 2010-2011. Despois que a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, explicase que foi preciso agradar á publicación das fichas de profesións reguladas para poder iniciar o proceso de transformación, Carmen García Mateo, confirmou o contido do encargo ás respectivas xuntas de escola ou titulación para a elaboración das seguintes propostas de planos de estudo: un grao en Enxeñaría Técnica Forestal; un grao en Enxeñaría Agrícola; un grao en Enxeñaría Técnica de Telecomunicación, con varios itinerarios; seis títulos a determinar: catro con atribucións de enxeñeiro/a técnico/a industrial e dous títulos sen atribucións profesionais no caso da ETSE Industriais e da EUET Industrial; un título de grao a determinar de enxeñeiro/a técnico/a de Minas e un título derivado da transformación da licenciatura de Física. As explicacións da vicerreitora sobre as dúbidas que as propias fichas profesionais manteñen en relación cos nomes dos títulos e a posibilidade de que estes cambien “como xa ocorreu o ano pasado”, non evitaron as críticas da voceiro de Nova Universidade, José Luís Legido que asegurou que “aprobar varios títulos por determinar é como deixalo en branco. Isto non é aprobar nada”, asegurou. Pola súa banda o reitor, Alberto Gago interveu para sinalar que “sexan as xuntas de titulación as que traballen para definir o que máis lle interese aos centros. Trátase de buscar unha solución bastante limpa. Ata agora non nos foi mal”. A pesar dos votos en contra da oposición, o encargo foi aprobado por maioría do Consello de Goberno que tamén deu o seu respaldo ao calendario para a tramitación de propostas destes plans de estudo que deberán estar elaborados nun prazo de dous meses a partir da data de nomeamento da Xunta de titulación.

Encargo docente e recoñecemento da participación do estudantado en actividades

O Consello de Goberno tamén aprobou por maioría na sesión celebrada hoxe o encargo de docencia para o vindeiro curso. O cambio de departamento rexistrado en tres materias, centrou un debate no que participaron os directores e directoras dos departamentos de Deseño de Enxeñaría, Enxeñaría Electrónica e Organización de Empresas e os directores das escolas de Informática e Forestais e no que quedou patente o desacordo dos primeiros polo cambio de departamento de materias que ata o de agora lles eran asignadas.
Si se acadou o consenso de todo o Consello de Goberno á hora de aprobar dúas normativas que recoñecen a participación do estudantado en actividades culturais, deportivas, solidarias, de cooperación e de representación estudantil. Precisamente esta última cuestión foi recollida na modificación da normativa de libre elección na que a ata o de agora non se establecían as actividades de representación estudantil nin o número de créditos obxecto de recoñecemento que a partir de agora quedan fixados en 1,5 créditos ECTS por curso académico, sempre que se teña asistido como mínimo ao 75% das sesións convocadas. Como norma xeral o número máximo de créditos ECTS que se poden recoñecer é de seis optativos do plano de estudos de grao.

Takeshi Yasumoto, vindeiro Doutor Honoris Causa e axudas de investigación

O científico xaponés Takeshi Yasumoto será o vindeiro Doutor Honoris Causa despois que a proposta liderada polo director do Departamento de Química Analítica e Alimentaria e ex reitor da Universidade de Vigo, José Antonio Rodríguez Vázquez, fose aprobada polo Consello de Goberno. Unha decisión que Rodríguez Vázquez agradeceu e cualificou como “unha homenaxe non só do noso grupo de investigación co que Yasumoto colabora desde hai 25 anos, senón do conxunto da Universidade e da sociedade galega, polo importante traballo desenvolvido polo científico xaponés no campo das biotoxinas mariñas”.
Outra decisión destacada relacionada co ámbito da investigación adoptada polo Consello de Goberno foi a aprobación da convocatoria de axudas de investigación 2009. Axudas por importe total de 3.317.823 millóns de euros, divididos en varios programas, destacando polos cambios que se introducen o de bolsas e de axudas á formación “modificacións derivadas”, explicou a vicerreitora de Investigación, Elsa Vázquez, “dos cambios da nova estrutura de ensinanzas do terceiro ciclo”. Como novidade este ano se incorpora o Programa de axudas á incorporación de contratados do Programa Ramón y Cajal por unha contía de 30.000 euros, librados en dúas anualidades de 15.000 euros cada unha.
Na sesión celebra este luns, o reitor deu conta de dous nomeamentos relacionados co ámbito da investigación, o de Florentino Fernández Riverola como novo director do CITI de Ourense en substitución de Lorenzo Pastrana quen a súa vez pasará a ocupar o cargo que ata agora viña desempeñando Ángel Rodríguez de Lera á fronte da Área de Política de I+D que a partir de agora pasará a denominarse Dirección de Política de I+D. Ademais o vicexerente Alberto Bad incorpora a súa responsabilidade na área de planificación a de I+D.

Modificación da RPT e outros acordos

No capítulo de persoal, a modificación da Relación de Postos de Traballo do persoal de administración e servizos laboral e funcionario, previamente acordado pola Xerencia, a Xunta de persoal e os comités dos campus de Ourense e Pontevedra, obtivo o respaldo unánime do Consello de Goberno. A proposta recolle no caso do persoal de administración e servizos RPT persoal laboral a creación de cinco postos de técnico superior do Grupo I e dous de técnico especialista do Grupo II, así como incremento de cinco técnicos superiores do Grupo I, tres técnicos especialistas do Grupo III e un auxiliar técnico do Grupo IV. Ademais establécese a modificación da quenda de traballo para axustar a RPT nas bibliotecas centrais dos campus de Ourense e Pontevedra.
No caso do persoal de administración e servizos RPT persoal funcionario, acordouse a creación de dous xestores, un no campus de Ourense e outro no de Pontevedra coa finalidade de facilitar a desconcentración dos servizos administrativos. Ademais increméntanse as prazas con tres auxiliares administrativos e dous axudantes de arquivos bibliotecas e museos.
Aínda que a proposta contaba co acordo previo entre Xerencia e representantes dos traballadores, o presidente da Xunta de persoal, Xoan Cebro, non deixou pasar a ocasión para demandar “unha negociación global da RPT, xa que podemos ter problemas”. Unha demanda á que a xerente, Ana Fernández Pulpeiro, respondeu deixando clara a intención da Xerencia de “negociar as modificacións que sexan necesarias, tendo en conta que a RTP é dinámica e está suxeita ás necesidades dos servizos”.
Outros asuntos aprobados polo Consello de Goberno foron o número de prazas e bolsas das residencias universitarias para o vindeiro curso que incrementan o seu número en cinco, respecto deste curso. Ademais aprobouse o nomeamento de José Carlos Prado Prado como delegado da Universidade de Vigo no Centro Universitario da Defensa e de Esther González Pillado como representante do reitor da Escola Galega de Administración Pública. Pola súa banda a normativa de permisos e licenzas de estudos do persoal docente e investigador, tamén recibiu o voto a favor dos membros do Consello de Goberno.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós