DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 24 de abril do 2009

Os días 29 e 30 de abril no Edificio de Ferro

As II Jornadas arqueológicas escavan na realidade tanxible desta profesión

Contarán con relatorios, mesas redondas e unha exposición fotográfica


ImageEscavar na terra, afondar nos segredos do pasado e descubrir misterios agochados durante anos é o que sempre nos imaxinamos se pensamos na arqueoloxía, pero na realidade esta disciplina abrangue máis cousas e, por iso, coa idea de amosar o que supón verdadeiramente esta profesión, dende a delegación de alumnos de Historia, organízanse, por segundo ano consecutivo, as Jornadas arqueológicas que se celebrarán no Edificio de Ferro os días 29 e 30 de abril. O seu obxectivo, segundo explica Marta Lorena Alonso, membro da organización, “é amosar e demostrar que a profesión de arqueólogo é unha realidade tanxible”.

Image
Cartel de Abraham Herrero
Noelia V. Vilanova | Ourense
Escavar na terra, afondar nos segredos do pasado e descubrir misterios agochados durante anos é o que sempre nos imaxinamos se pensamos na arqueoloxía, pero na realidade esta disciplina abrangue máis cousas e, por iso, coa idea de amosar o que supón verdadeiramente esta profesión, dende a delegación de alumnos de Historia, organízanse, por segundo ano consecutivo, as Jornadas arqueológicas que se celebrarán no Edificio de Ferro os días 29 e 30 de abril.
O seu obxectivo, segundo explica Marta Lorena Alonso, membro da organización, “é amosar e demostrar que a profesión de arqueólogo é unha realidade tanxible”. Ademais, as xornadas son unha boa oportunidade de facer entrar en contacto ao mundo universitario co mundo laboral, “sempre é interesante que veña xente de fóra a compartir o seu coñecemento e experiencias e que nos achegue novos puntos de vista”.
Esta iniciativa realizouse por primeira vez o ano pasado, coincidindo ao igual que esta edición coa festividade do seu patrón San Isidoro, para engadir “algo cultural á tradicional festa e ofrecer unha formación sobre temas nos que nas aulas non se afonda”, dixo Alonso. O “inesperado éxito” fixo que decidisen repetir este ano cun proxecto máis ambicioso.
As xornadas contarán coa participación de profesores e profesionais da arqueoloxía que ofrecerán diferentes relatorios afondando na materia, ademais os asistentes tamén poderán participar nun taller de antropoloxía física. Como actividade complementaria ás anteriores, tamén contarán cunha exposición fotográfica sobre o traballo do arqueólogo titulada La arqueología no es no que te han contado que se poderá visitar a partir do 30 de abril no primeiro andar do Edificio de Ferro.

A arqueoloxía real

As xornadas darán comezo o venres 29 ás 18.00 horas cunha mesa redonda sobre arqueoloxía e profesionalización. Esta actividade contará con “catro pequenas intervencións nas que cada relator ofrecerá a súa visión e culminará nun coloquio”, explicou Alonso. O primeiro en intervir será Jaime Almansa, da Universidade Complutense de Madrid, que falará da imaxe pública da arqueoloxía; despois Beatriz Comendador, profesora da Facultade de Historia, porá en relación esta disciplina ante o reto de Boloña; dende o mundo profesional chegará a visión de J. Carlos Castro e, para rematar, intervirá o profesor da facultade Fermín Pérez.
O xoves 30 de abril a xornada desenvolverase en horario matutino, comezando ás 10.00 horas cunha conferencia impartida por Pablo López e Rosa Benítez, estudantes da Universidade de Salamanca e críticos literarios, que cun enfoque máis teórico falarán da arqueoloxía do discurso. No seu relatorio trazarán unha ponte entre as prácticas arqueolóxicas e as do pensamento, establecendo un vínculo entre a actividade desta disciplina e da teoría da literatura, do arte e da filosofía.
Tras a súa intervención, ás 11.30 horas, chegará o momento do taller de antropoloxía física, impartido por Olalla López da Universidade de Santiago de Compostela, quen ofrecerá unha aproximación ao estudo dos osos e nocións para determinar o sexo e idade dos esqueletos con casos prácticos; amosará o equipo básico que hai que levar a unha escavación dunha tumba de inhumación en Galicia, exporá algúns casos patolóxicos atopados na nosa comunidade e, por último, falará da tafonomía, disciplina que se ocupa do estudo dos procesos de fosilización. Despois da súa intervención, algunhas series televisivas como Bones xa non parecerán o mesmo.
A xornada culminará ás 13.00 horas coa inauguración oficial da exposición La arqueología no es lo que te han contado, na que se amosará o traballo do arqueólogo na rúa, no campo, no laboratorio e, en definitiva, “o que se fai realmente”, dixo Alonso. Para esta finalidade dende a delegación de alumnos solicitouse a colaboración de empresas relacionadas con este mundo para que enviasen fotografías do seu labor e montar unha escenografía con todas as recibidas que será exposta no primeiro andar do Edificio de Ferro.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós