DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 11 de maio do 2009

Florentino Fernández, director do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación:

"O CITI está practicamente rematado e funcionando de xeito autónomo"


Image Florentino Fernández Riverola será coñecido a partir de agora, ademais de como profesor do Departamento de Informática, como o novo director do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, CITI. Nestas primeiras semanas no cargo, Fernández, que foi alumno da primeira promoción da ESEI, está poñéndose ao día co estado das instalacións e os equipos; unha vez realizada esta toma de contacto, “vou a entrevistarme persoalmente cos responsables dos grupos de investigación para coñecer os seus proxectos e necesidades”.

Image
Florentino Fernández, director do CITI
Noelia V. Vilanova | Ourense
Florentino Fernández Riverola será coñecido a partir de agora, ademais de como profesor do Departamento de Informática, como o novo director do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, CITI. Nestas primeiras semanas no cargo, Fernández, que foi alumno da primeira promoción da ESEI, está poñéndose ao día co estado das instalacións e os equipos; unha vez realizada esta toma de contacto, “vou a entrevistarme persoalmente cos responsables dos grupos de investigación para coñecer os proxectos que teñen en marcha e as súas necesidades para desenvolvelos”.
Moitas son as expectativas postas nestas instalacións situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia, “o CITI foi pensado para fomentar as accións de transferencia de resultados de investigación co tecido empresarial”, pero sobre todo para “detectar as necesidades que teñen as empresas e que os equipos investigadores poden abordar”, explica Fernández.
Pouco a pouco as novas instalacións comezan a encherse de vida, nas pasadas semanas "xa se realizou o traslado dos grupos de investigación" e a pesar de que faltan algúns equipos e hai que solucionar cuestións de última hora, "o novo centro está practicamente rematado e funcionando de xeito autónomo”. A pesar diso, a inauguración aínda non está fixada porque a intención é que esta se realice “cando realmente todos os grupos estean instalados e o CITI teña unha actividade investigadora plena no seu día a día”, indica Fernández.

Instalacións e grupos investigadores

O CITI conta con laboratorios especializados en diferentes áreas de investigación, fundamentalmente ciencias e informática, “de xeito esencial eses serán os dous ámbitos nos que nos movamos contando con investigación básica e aplicada”. Pero, ademais deste equipamento, o CITI conta cunha planta piloto que acollerá “maquinaria que polas súas dimensións ou requirimentos de potencia necesiten un espazo amplo”. Esta instalación daralle unha maior flexibilidade ao CITI, o que permitirá “realizar investigacións que nun principio non estaban contempladas”.
Para Fernández, a construción deste centro “é un síntoma do bo nivel investigador do campus e unha mostra de apoio aos grupos que levan traballando durante anos e que agora están alí instalados”.

Actividade para investigadores

Todos os días se aprenden cousas novas e ninguén mellor que os investigadores poden afirmar a veracidade desta sentencia. Por iso, para mellorar as súas competencias e por segundo ano consecutivo, realizarase nos próximos meses no campus o Curso de comunicación para investigadores. Nesta ocasión, non se tratará de mellorar as súas habilidades cara os medios de comunicación, senón que estará orientado ás relacións coas empresas. “Pretendemos que sirva de formación aos investigadores para que realicen as accións de transferencia de coñecemento co sector empresarial de xeito óptimo”, explica Fernández.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós