DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 27 de maio do 2009

Supón un incremento dun 9% con respecto ao anterior exercicio

A Universidade ingresou no 2008 once millóns de euros por actividades de I+D+i

A Memoria da OTRI recolle tamén datos de patentes e de novas empresas spin-off


ImageA Universidade de Vigo desenvolveu no ano 2008 preto dun millar de actividades de I+D+i por valor de once millóns de euros, dos cales 7,3 se corresponden a contratos con empresas, 2,2 a acordos con fundacións, asociacións sen ánimo de lucro e centros tecnolóxicos privados, entre outros, e 1,5 á administración pública. A cifra, segundo se reflicte na memoria de OTRI, supón un despegue de case un 9% con respecto ao ano anterior, cando a institución xa ingresara por este concepto algo máis de 10 millóns de euros.
No ano 2008 foron contratados para realizar algún tipo de actividade de I+D+i 38 departamentos, que representan o 73% do total da Universidade de Vigo. Algún deles, como o Departamento de Pintura, contratou por 1ª vez nesta anualidade.
O maior volume de facturación deste ano correspondeulle ao Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, con máis de 1,5 millóns de euros, seguido do de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmico e Fluídos (1,4), Enxeñaría Telemática (1,3), Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía (1,05) e Organización de Empresas e Marketing (1,04).

Image
No 2008 tramitáronse 14 solicitudes de patentes
D. Besadío | Vigo
A Universidade de Vigo desenvolveu no ano 2008 preto dun millar de actividades de I+D+i por valor de once millóns de euros, dos cales 7,3 se corresponden a contratos con empresas, 2,2 a acordos con fundacións, asociacións sen ánimo de lucro e centros tecnolóxicos privados, entre outros, e 1,5 á administración pública. A cifra, segundo se reflicte na memoria de OTRI, supón un despegue de case un 9% con respecto ao ano anterior, cando a institución xa ingresara por este concepto algo máis de 10 millóns de euros.
No ano 2008 contrataron algún tipo de actividade 38 departamentos, que representan o 73% do total da Universidade de Vigo. Algún deles, como o Departamento de Pintura, contratou por primeira vez nesta anualidade.
O maior volume de facturación deste ano correspondeulle ao Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, con máis de 1,5 millóns de euros, seguido do de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmico e Fluídos (1,4), Enxeñaría Telemática (1,3), Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía (1,05) e Organización de Empresas e Marketing (1,04).
Polo número de actividades contratadas, hai que salientar o Departamento de Enxeñería Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, se ben unha alta porcentaxe (96%) destes contratos corresponden a informes de asesoría técnica, que representaron o 27% da facturación total do departamento no 2008. Entre os que máis contratan situariamos tamén outros como Enxeñaría Eléctrica, Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, Organización de Empresas e Marketing, Teoría do Sinal e Comunicacións e Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente.
A elaboración do plan estratéxico director da carne de Galicia, o deseño dunha batea modular para o engorde do polbo, a elaboración de múltiples informes económicos ou a análise de melloras de sistemas antispam son algúns exemplos do tipo de actividades as que nos estamos a referir.

Un bo ano en patentes e licenzas

No que a propiedade industrial e intelectual se refire, o 2008 foi tamén un bo ano: tramitáronse 14 solicitudes de patentes nacionais, fronte ás 11 solicitadas no exercicio anterior. En total, a Universidade suma xa a solicitude de 116 patentes nacionais, 4 patentes europeas, 8 patentes internacionais, 3 marcas e 14 modelos de utilidade.
Un sistema para a detección de vehículos que circulan por unha vía a partires do son; unha estación portátil de recarga de baterías de vehículos eléctricos con sistema de localización automática da estación: un procedemento para a identificación da centola europea do atlántico ou outro para a verificación da integridade dos documentos, son algúns exemplos do tipo de patentes que foron solicitadas durante o curso pasado.
Xunto ás patentes hai que falar tamén dos contratos de licenza, aqueles polos que se cede a unha empresa os resultados da investigación para a súa explotación e comercialización. O pasado ano asináronse dous correspondentes a dúas spin-off da propia Universidade, Bit Oceans Reserch, liderada polo profesor Fernando Pérez González, e Inbiogal S.L, na que participan doce investigadores da Universidade.

Catro novas empresas de base tecnolóxica

A través das axudas do programa Empresa-Concepto, impulsado polas tres universidades galegas e a delegación en Galicia do CSIC, o ano pasado constituíronse catro novas empresas spin-off da Universidade de Vigo: Ingeniería Insitu SL., Inbiogal SL, QCoach SL e Peloides Termales, SL.
Ingeniería Insitu SL é unha iniciativa dos profesores do Departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, Henrique Lorenzo e Pedro Arias, este último director da ETS de Enxeñeiros de Minas. A fotogrametría e teledetección cercanas son o obxecto desta empresa, coa que tratan de poñer en valor o traballo de investigación que o grupo desenvolveu nos últimos anos. Inbiogal, dirixida por Francisco Javier Rodríguez Berrocal, foi galardoada uns meses despois da súa creación no Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores na categoría Muller Emprendedora. Cun 70% do seu capital social en mans de mulleres, un dos principais obxectivos da empresa é dotar á sociedade dun centro no que, de xeito rutineiro e fiable, se leven a cabo análises xenéticos e bioquímicos que axuden ao diagnóstico e tratamento de diversos tipos de patoloxías, sobre todo cancros.
Dirixida polo profesor Joaquín Dosil, QCoach é unha organización dedicada ao desenvolvemento de competencias directivas dende varias perspectivas, así como ao asesoramento ao deporte profesional. Para isto, combina a formación de directivos e a psicoloxía deportiva e participan na integración de competencias directivas.
A derradeira creada no 2009, Peloides Termales, S.L., xurde das investigacións do grupo do Departamento de Física Aplicada en colaboración co Departamento de Medicina da Universidade da Coruña. A empresa está dedicada á consultaría sobre produción, emprego e propiedades de peloides a medida, tanto para aplicacións terapéuticas como cosméticas, enfocada a prestar servizos ao sector termal.

Proxectos internacionais

A Área de Proxectos Internacionais da OTRI xestiona, proporciona información e asesora en todo o tocante aos proxectos internacionais e europeos de I+D+i, promocionando a participación dos grupos de investigación da Universidade nos programas existentes. Neste sentido, durante o ano 2008, esta área achegou as distintas oportunidades de financiamento europeo ao personal investigador a través de 43 difusións de convocatorias, 40 xornadas informativas e 42 procuras de socios para posibles propostas internacionais.
O VI Programa Marco rematou no ano 2006, pero como froito aínda das convocatorias dese programa, séguense recibindo proxectos. Ademais, asináronse seis proxectos europeos fóra do Programa Marco por un importe de 150.210,00 euros e catro proxectos de diversas iniciativas internacionais ERA-NET financiados con fondos do Plan Galego.
No ano 2007 comezou o VII Programa Marco, cunha duración de sete anos (2007-2013) e un orzamento de 50.521 millóns de euros. Dentro deste programa, na Universidade asináronse o pasado ano catro acordos de subvención coa Comisión Europea por un importante de 1.617.624 euros.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós