DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 03 de xuño do 2009

A Facultade de Filoloxía e Tradución reivindícase como berce do concepto de paratradución

Acolle o II Coloquio Internacional sobre este concepto, creado en Vigo no seo do grupo T&P


ImageComo concepto creado en Vigo, a paratradución volve esta semana á súa cidade natal coa celebración do II Coloquio Internacional sobre Paratradución que reunirá na Facultade de Filoloxía e Tradución a expertos de varias universidades europeas. Segundo explicou o profesor José Yuste Frías, investigador principal do grupo Traducción & Paratraducción que organiza este evento, “o concepto de paratradución, creado en Vigo, quere afondar na análise de todas as circunstancias que, na era dixital, rodean, envolven, presentan e introducen os fenómenos da tradución e da interpretación”.

Image
Peeters, Yuste e Fdez. Ocampo
M. Del Río | Vigo
Como concepto creado en Vigo, a paratradución volve esta semana á súa cidade natal coa celebración do II Coloquio Internacional sobre Paratradución que reunirá na Facultade de Filoloxía e Tradución a expertos de varias universidades europeas. Segundo explicou o profesor José Yuste Frías, investigador principal do grupo Traducción & Paratraducción que organiza este evento, “o concepto de paratradución, creado en Vigo, quere afondar na análise de todas as circunstancias que, na era dixital, rodean, envolven, presentan e introducen os fenómenos da tradución e da interpretación”. Ao longo desta semana presentaranse once ponencias de expertos internacionais para retomar logo este segundo coloquio entre o 28 e o 30 de setembro e, posteriormente, no mes de novembro.

Un concepto estreitamente ligado a Vigo

Aínda que varios dos investigadores que interveñen nestas xornadas proceden de diversas universidade de toda Europa, a orixe da paratradución atópase en Vigo e, máis concretamente, no grupo de investigación T&P. “O noso grupo, composto xa por vinte membros, quere abrir espazos innovadores para reflexións críticas ofrecendo novas perspectivas teóricas, didácticas e profesionais nos estudos sobre tradución”, explicou Yuste, e o concepto de paratradución “pretende encher un baleiro no discurso tradutolóxico, ofrecendo novas achegas de reflexión crítica sobre a tradución actual”.
A organización deste coloquio comeza catro anos despois da primeira edición mantida ao redor das seis conferencias que conformaron o Seminario L’horizon philosophique de la traduction (O horizonte filosófico da tradución), impartido en 2005 polo profesor Alexis Nouss na Universidade de Vigo. Segundo Yuste, o termo de paratradución “quere afondar na necesidade dun posicionamiento ético, político, ideolóxico, social e cultural ante o acto nada inocente de traducir. A idea da paratradución desexa fundamentar unha anovada epistemoloxía que cuestiona, problematiza e desconstrúe esta transdisciplina que é a tradución”.
No acto de apertura, que deu paso á primeira das conferencias, o profesor Yuste salientou tamén o importante papel desenvolvido polo grupo T&P dende a Universidade no eido da paratradución, organizando actividades, seminarios e congresos e “sendo pioneiros na celebración do Día Mundial do Tradutor”. Ademais, como para todos os grupos de investigación universitarios, salientou a importancia da transferencia de coñecementos a través, entre outras iniciativas, de ZigZag, un programa de TV en rede, o primeiro de divulgación científica en Internet dedicado a la tradución “que xa conta con catro episodios”. Este tipo de apostas, xunto co programa de doutoramento e o máster de investigación en Tradución e Interpretación, sitúan á Facultade de Filoloxía e Tradución como un centro de referencia neste campo.

Jean Peeters, o primeiro dos relatores

Jean Peeters, docente e investigador da Université de Bretagne Sud, foi o conferenciante encargado do primeiro dos relatorios destes días de coloquio. Peeters afondou na sociolingüística e socioloxía da tradución e en todos os condicionantes do acto de traducir e defendeu que a tradutoloxía sexa considerada unha ciencia “aínda que non teña a pureza técnica doutras áreas”. Para o experto francés, a tradución comprende tres condicións ou fundamentos básicos que axudan a entender o complexo do proceso. Por unha banda destacou que “a tradución está nas palabras pero tamén fóra das palabras, é un proceso rico que non se limita á lingüística” e subliñou como outra das condicións que “a tradución é un compromiso no que inflúe a posición na que se coloca o tradutor e na que coloca ao público”. Finalmente explicou que a teoría da tradución é a teoría da acción e da historia, “os tradutores non son simples enlaces, son parte da historia, interveñen na acción tradutora, que non pode ser controlada”.
Ata o venres intervirán no coloquio Alberto Álvarez Lugrís, Burghard Baltruch, Teresa Caneda, Anxo Fernández Ocampo, Xoán Garrido Vilariño, Martín Urdiales Shaw e José Yuste Frías da Universidade de Vigo, Pilar Godayol da Universitat de Vic, Reine Meylaerts da Katholieke Universiteit Leuven e Teresa Tomaszkiewicz da Uniwersytet Im. Adama Mickiewicza.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós