DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 22 de outubro do 2009

Porque todo o que rodea a palabra non é ornamental, xurde o concepto de paratradución

O grupo de investigación Tradución & Paratradución búscalle un significado e traduce os elementos que envolven e introducen ao texto

Programas de televisión, un máster, unha liña editorial, presenza virtual e xuntanzas internacionais


Image“Se non pode haber un texto sen o seu paratexto, tampouco haberá tradución sen a súa correspondente paratradución”, así xustifica José Yuste Frías, doutor en Filosofía e Letras, a existencia deste último concepto. A raíz do nacemento deste termo en Vigo, no ano 2004, xurdiron diferentes iniciativas e proxectos, un campo de estudo ata o de entón inexplorado e con tal éxito que “en toda Europa xa se fala da l’École de Vigo, segundo as propias palabras de Jean Peeters da Université de Bretagne”, subliña Yuste.
O novo concepto daría nome tamén ao grupo de investigación que el mesmo dirixe, T&P; a unha liña editorial, que xa vai pola terceira publicación, así como ao programa de doutoramento, que vén de recibir a mención de calidade do Ministerio e que no vindeiro curso se transformará nun mestrado. Pero iso non é todo, “vimos a necesidade de difundir ao gran público o que estabamos a facer e creamos Zig-Zag”, o primeiro programa de divulgación científica en Internet dedicado ao mundo da tradución.

Duvi | Vigo
“Se non pode haber un texto sen o seu paratexto, tampouco haberá tradución sen a súa correspondente paratradución”, así xustifica José Yuste Frías, doutor en Filosofía e Letras, a existencia deste último concepto. A raíz do nacemento deste termo en Vigo, no ano 2004, xurdiron diferentes iniciativas e proxectos, un campo de estudo ata o de entón inexplorado e con tal éxito que “en toda Europa xa se fala da l’École de Vigo, segundo as propias palabras de Jean Peeters da Université de Bretagne”, subliña Yuste.
O novo concepto daría nome tamén ao grupo de investigación que el mesmo dirixe, T&P; a unha liña editorial, que xa vai pola terceira publicación, así como ao programa de doutoramento, que vén de recibir a mención de calidade do Ministerio e que neste curso se transformou nun máster de investigación. Pero iso non é todo, “vimos a necesidade de difundir ao gran público o que estabamos a facer e creamos Zig-Zag”, o primeiro programa de divulgación científica en Internet dedicado ao mundo da tradución, que se complementará con EXIT, outro espazo televisivo a punto de estrearse. De xeito paralelo, están a organizar tamén conferencias, seminarios e coloquios internacionais sobre paratradución e traballan na elaboración dunha nova páxina web, “revolucionaria e pioneira no eido da investigación”.

A Facultade de Filoloxía e Tradución, berce dun concepto único e innovador

Foi no despacho C33 da Facultade de Filoloxía e Tradución onde naceu o termo de paratradución, “durante as distintas sesións da miña dirección da tese de doutoramento de Xoán Manuel Garrido Vilariño”, explica Yuste, titulada Traducir a literatura do Holocausto e, precisamente, co subtítulo: Tradución/Paratradución de “Se questo è un uomo” de Primo Levi. Ante a necesidade de atopar unha ferramenta de análise que fundamentase teoricamente os cambios ideolóxicos, políticos, sociais e culturais que se producían na maneira de introducir e presentar a tradución da obra mencionada, unha vez publicada aos distintos idiomas “coas máis variadas producións verbo-icónicas nas distintas cubertas e portadas, pareceume adecuado suxerirlle a Xoán acuñar na redacción da súa tese o termo de paratradución que acabábamos de crear”, sinala Yuste. Deste xeito, a paratradución é a tradución dos paratextos, é dicir, “de todo aquilo que rodea, envolve e introduce ao texto e fai que este estea presente no eido editorial, isto significa que un texto non existe se non ten paratexto”, asegura o profesor.
O concepto de paratradución “está a encher un baleiro no discurso tradutolóxico”. Ata o momento, nos estudos de tradución nunca se lle dera moita importancia aos elementos non lingüísticos presentes nas producións paratextuais e o certo é que “todo o que está preto do texto é tan importante ou máis que o propio signo lingüístico”. Co termo de paratradución, Yuste reivindica a figura do tradutor “como axente presente en todo o proceso de publicación dunha tradución”, demanda “darlle visibilidade e poder de decisión a este profesional nos textos e paratextos. Nós fixámonos nos detalles finais da edición, porque aí é onde está a calidade”. A tradución, segundo este tradutor, “é sempre un acto de recreación, non traducimos palabras, traducimos imaxinarios e por iso mesmo as máquinas nunca nos substituirán”.

T&P, o primeiro froito

O primeiro resultado desta “revolución” foi a creación do grupo T&P, “que naceu para converter a tradución en auténtico paradigma transdisciplinar e que abranga non só aspectos lingüísticos e literarios, senón todas as cuestións semióticas, culturais, antropolóxicas, filosóficas, éticas, ideolóxicas, políticas e económicas da práctica da tradución”. Traballando con libros, cómics, filmes, videoxogos... “con todo o que se edita en papel e na pantalla queremos reflexionar sobre todo o que envolve, introduce e presenta o texto; no audiovisual e multimedia é onde máis importancia ten a paratradución”, subliña o profesor.
O grupo está formado actualmente por 20 membros, dez doutores e dez doutorandos; por unha banda, sete doutores titulares da Universidade de Vigo, tres doutores colaboradores pertencentes a outros grupos e o catedrático da Cardiff University, Alexis Nuselovici Nouss e, por outra, seis bolseiros de investigación, tres alumnos de doutoramento e un investigador contratado, Martiño Prada, a única persoa encargada de toda a postprodución dos programas que se están a emitir en Internet. Neste senso, dende o grupo T&P queren facer un chamamento ás vicerreitorías de Novas Tecnoloxías e Calidade e de Investigación “buscando a súa colaboración aportando máis recursos humanos”, sinala Yuste, “pois coa axuda de persoas especializadas en diferentes áreas, o ritmo de produción audiovisual, que é onde se atopa a nosa maior debilidade, marcharía moito mellor”.

Zig-Zag e EXIT, dous programas pioneiros na rede

Embarcados nunha política de auténtica transferencia do coñecemento o grupo de investigación T&P quixo “levar a bo porto” Zig-Zag, un novo programa de televisión en Internet de divulgación científica, para mostrar ao público os resultados obtidos nas diferentes investigacións. “Creamos Zig-Zag para lanzar novas miradas críticas, curiosas e divertidas sobre como, cando, onde, porque, para que e, sobre todo, para quen se traduce hoxe en día”, explica Yuste. “En Zig-Zag desciframos de maneira lúdica e algo impertinente as políticas e os xeitos culturais de traducir que xorden cando sociedades diferentes entran en contacto intercultural; Zig-Zag é crer comprender para poder interpretar e traducir”.
Polo de agora, están colgados na rede, emitidos a través de UvigoTV, dous capítulos: Papamoles y Filitesos, de Anxo Fernández Ocampo, e Para-traducir Carrefour (1ª parte), do propio Yuste. Agora publícanse dous episodios máis, o terceiro, de Martín Urdiales Shaw, Maus, de Art. Spiegelman e o cuarto, a segunda parte de Para-traducir Carrefour.
De xeito paralelo, o grupo está a traballar en EXIT, “unha nova IPTV na que se amosan os resultados das prácticas de campo levadas a cabo polos diferentes investigadores”. Así, difundiranse os catro primeiros capítulos deste espazo, gravados na saída de estudos a Fafe, localidade do norte de Portugal. Tres xiran arredor da simboloxía da raia, Miradas interpretativas para traducir o universo material e simbólico da raia, e o cuarto está dedicado ás rotondas.

Máster, web, liña editorial e coloquios internacionais

No mesmo ano en que naceu o termo de paratradución púxose en marcha o programa de doutoramento Tradución & paratradución: modos culturais e políticas de tradución. Dende o curso 2004/2005, “ten un éxito enorme con todas as prazas cubertas os cinco anos”, apunta Yuste. Agora, de cara ao EEES, estes estudos, que recibiron xa a mención de calidade, transformaranse nun máster de investigación.
Tamén é imprescindible, nos tempos que corren, estar presentes na rede, chegando así a todo o mundo. Non só basta con ter os vídeos dos diferentes programas colgados na web de UvigoTv, senón que crearon o seu propio espazo en Internet, no que actualmente estase a traballar nunha serie de melloras co obxectivo de facer “unha web dinámica, de diálogo e interacción. Trátase dun espazo revolucionario e pioneiro no eido da investigación”, asegura o profesor.
Despois de presidir o tribunal da tese de Xoán Manuel Garrido, Alexis Nuselovici Nouss, “fascinado polo novo concepto”, decidiu impartir un seminario sobre O horizonte filosófico da tradución, celebrado do 4 ao 9 de marzo de 2005. Este foi o I Coloquio Internacional sobre Paratradución. Este ano, o grupo T&P, está a organizar o segundo; a primeira das fases xa tivo lugar do 1 ao 5 do pasado mes de xuño e en novembro pecharase o ciclo.
Finalmente, para completar todo este abano de actividades e traballos o grupo creou a colección editorial T&P no Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, dirixida por Yuste e Alberto Álvarez Lugrís. Neste ano xa saíu á luz o terceiro volume, Signes et levées de pierre. Le clos et l’ouvert en Galice de Yves Bergeret e Anxo Fernández Ocampo. O primeiro dos tomos titulado Estudos sobre tradución: teoría, didáctica, profesión foi publicado en 2005, editado polos dous directores da escolma. Un ano despois difundiuse Tradución e política editorial da literatura infantil e xuvenil, o segundo dos volumes, editado polas profesoras Ana Luna Alonso e Silvia Montero Küper.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós