DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 17 de setembro do 2009

Presentado pola Universidade e a spin-off Imatia na World Fishing Exhibition ‘09

O software Elastic Aqua Business ofrece ás empresas a xestión en tempo real dos procesos produtivos do cultivo de peixes

A oferta científico-tecnolóxica no sector da acuicultura da institución está a resultar atractiva para os visitantes


ImageCo gallo da World Fishing Exhibition, a exposición de pesca e acuicultura profesional máis prestixiosa do mundo, a Universidade de Vigo está a presentar a súa oferta científico tecnolóxica en materia de acuicultura. A participación da institución neste evento, a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, supón unha clara aposta por afianzarse como un dos centros de referencia no estudo e coñecemento do medio mariño e unha excelente oportunidade para sentar as bases de futuros acordos de colaboración universidade-empresa.
O Elastic Aqua Business, un software especializado na xestión de procesos produtivos do cultivo de peixes, foi unha das demostracións que acaparou a atención dos visitantes esta mañá. Trátase dun proxecto, promovido polo Equipo de Deseño e Automatización de Compoñentes Avanzados da Universidade de Vigo e a spin-off Imatia, dirixida polo profesor Fernando Vázquez, presentado como unha solución vertical, sinxela e versátil para o sector da acuicultura.

Lucía Costas | Vigo
Co gallo da celebración no IFEVI da World Fishing Exhibition, a exposición de pesca e acuicultura profesional máis prestixiosa do mundo, a Universidade de Vigo está a presentar a súa oferta científico tecnolóxica en materia de acuicultura. A participación da institución neste evento, a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, supón unha clara aposta por afianzarse como un dos centros de referencia no estudo e coñecemento do medio mariño e unha excelente oportunidade para sentar as bases de futuros acordos de colaboración universidade-empresa.
O Elastic Aqua Business, un software especializado na xestión de procesos produtivos do cultivo de peixes, foi unha das demostracións, previstas durante a celebración da feira, que acaparou a atención dos visitantes esta mañá. Trátase dun proxecto, promovido conxuntamente polo Equipo de Deseño e Automatización de Compoñentes Avanzados da Universidade de Vigo e a spin-off Imatia, dirixida polo profesor Fernando Vázquez, presentado como “unha solución vertical, sinxela e versátil para o sector da acuicultura especializado na xestión dos procesos produtivos destinados ao cultivo de peixes”, explicaba María José Lago, da empresa.

Un software intelixente no sector da acuicultura

“Unha ferramenta feita a medida para unha empresa que, ata entón, non dispoñía deste tipo de tecnoloxías”, así foi como naceu o Elastic Aqua Business, segundo Fernando Vázquez. Trátase da piscifactoría Insuíña, pertencente ao Grupo Pescanova, que dende 2003, antes de constituírse a spin-off, leva traballando con esta aplicación, “obtendo uns bos resultados reflectidos na optimización a súa produción”, subliñaba Vázquez.
Este sistema de xestión integrado “ofrece información sobre a reprodución, cría, engorde, venda, planificación, trazabilidade, etc”, sinalaba Lago. Ademais, “supón un manexo sinxelo dos datos e sen límite de usuarios, podendo acceder á información en tempo real a través da rede”, remarcaba Óscar Rodríguez, un dos empregados da spin-off. Con esta aplicación existe a posibilidade de centralizar os datos para almacenalos e axudar na toma de decisións co fin de aumentar o rendemento económico. “Tamén permite a xestión de recursos físicos e humanos, dos lotes e dos ciclos produtivos e de diferentes documentos”, puntualizaba Lago.
Ámbolos dous empregados ofreceron ao público asistente unha demostración do software, na cal se puido observar a través de táboas e gráficos datos sobre alimentación, peso, tratamento, entradas, saídas, traslados... en cada un dos tanques e tipo de peixe. Ademais, a través do Elastic Aqua Business “podemos coñecer as existencias actuais e as pasadas para realizar clasificacións, valoracións e curvas estándar para ver, por exemplo, como está de poboado un tanque concreto”, explicaba Lago. “Trátase dun programa moi flexible que se desenvolve a medida do que precise o cliente, con máis ou menos aplicacións”, concluían.

Desenvolvemento de aplicacións de I+D

O equipo de traballo e o departamento en si “quedóusenos pequeno”, explicaba o profesor Fernando Vázquez, e "decidimos crear unha spin-off, unha das primeiras da Universidade de Vigo". Así naceu, no ano 2006, Imatia, unha empresa tecnolóxica especializada no desenvolvemento rápido de sistemas de información de alta calidade entre o que destaca o Elastic Aqua Business. Ata o de agora existían programas similares, “pero ningún tan completo e con tantas aplicacións, todas elas adaptadas sempre ás necesidades do propio cliente”. Nesta liña, e co obxectivo de mellorar os resultados, Imatia, a través dun programa de I+D, está a investigar técnicas de intelixencia artificial, coas que xa se están a facer simulacións. “Mediante esta aplicación poderemos saber que pasaría se unha empresa actúa dunha maneira ou doutra, vendo cal sería o xeito óptimo de producir”, sinalaba Vázquez.

Unha publicación coa oferta científico-tecnolóxica da Universidade

Con motivo da celebración desta feira, a Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) editou unha publicación coa oferta científico-tecnolóxica no sector da acuicultura que posúe a Universidade, co fin de facer posible a transferencia do coñecemento a empresas, institucións e á sociedade en xeral para atender ás súas demandas.
Os sistemas vivos no medio mariño, sistemas de medición e control de calidade ambiental, tecnoloxía de deseño de instalacións, visión artificial, automatización e monitorización son algúns dos ámbitos de coñecementos expostos nesta guía. Ademais, tamén se fai unha pequena presentación dos 22 grupos de investigación que traballan na Universidade relacionados coa acuicultura, incluíndo tamén a oferta de instalacións e servizos da ECIMAT e do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (CACTI).
A resposta por parte do público está a ser “bastante boa”, apuntaba Antonio González, xestor da I+D da ECIMAT. “A xente fainos preguntas concretas sobre os traballos que se están a desenvolver na Universidade, que é realmente o obxectivo de estar aquí”, engadía. Ademais, xa non só acude xente do país senón que tamén se amosan moi interesadas persoas estranxeiras, “en concreto, o Ministro de Pesca de Brasil, que parecía disposto a establecer colaboracións internacionais ao ver o alto grao de desenvolvemento que temos en acuicultura”. En xeral, centros de investigación e universidades de todo o mundo detéñense, cando menos, diante do stand para contemplar o traballo e coñecemento da Universidade de Vigo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós