DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 22 de setembro do 2009

A Universidade promove unha reunión pioneira entre os investigadores de nanoelectrónica e nanofotónica máis prestixiosos do mundo

Na xornada de hoxe visitaron os laboratorios do Departamento de Física Aplicada


ImageA nanotecnoloxía é un dos ámbitos de investigación con máis pulo a nivel mundial e no que a Universidade de Vigo conta xa cun importante elenco de especialistas. Pero trátase dunha rama moi ampla baixo a que conviven varias disciplinas que, en moitos casos, viven de costas. Por este motivo o Grupo de Novos Materiais, co profesor Stefano Chiussi á cabeza, decidiu organizar un workshop internacional que reunise aos principais expertos mundiais de nanoelectrónica, nanofotónica e fotovoltaica nun simposio que estes días congrega en Vigo á elite da investigación nestas áreas. Na xornada de hoxe, os asistentes realizaron unha visita ao campus para coñecer os laboratorios do Departamento de Física Aplicada.

M. Del Río | Vigo
A nanotecnoloxía é un dos ámbitos de investigación con máis pulo a nivel mundial e no que a Universidade de Vigo conta xa cun importante elenco de especialistas. Pero trátase dunha rama moi ampla baixo a que conviven varias disciplinas que, en moitos casos, viven de costas. Por este motivo o Grupo de Novos Materiais, co profesor Stefano Chiussi á cabeza, decidiu organizar un workshop internacional que reunise aos principais expertos mundiais de nanoelectrónica, nanofotónica e fotovoltaica nun simposio que estes días congrega en Vigo á elite da investigación nestas áreas. Na xornada de hoxe, os asistentes realizaron unha visita ao campus para coñecer os laboratorios do Departamento de Física Aplicada.

Unha reunión pioneira

O 1st International Workshop on Si based nano-electronics and -photonics é unha iniciativa pioneira que ten como obxectivo “reunir aos representantes destas disciplinas que, en moitos casos solapan contidos, pero non tiñan desenvolvido unha colaboración estreita”, explica Chiussi, presidente do comité organizador.
Deste xeito, conseguiron dar cita en Vigo dende o domingo e ata mañá aos máis prestixiosos investigadores destes campos, “xente que os nosos alumnos estudan nos libros de texto, os avances tecnolóxicos en microelectrónica saíron das súas mans”. En total son arredor de 70 expertos de todo o mundo, cunha destacable representación xaponesa procedente de seis universidades niponas, así como do centro máis importante do mundo neste campo, o MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts). Segundo comenta Chiussi “colaboramos moi estritamente cos investigadores da Universidade de Minho, pero tamén temos participantes de Italia, Francia, Bélxica, Alemaña ou Reino Unido, os mellores do mundo”.

O obxectivo: unha posta en común

Dispositivos que reemprazarán no futuro a ordenadores, sensores, detectores de todo tipo, así como o deseño de novos materiais dependen do resultado das investigación en nanotecnoloxía, especialmente en nanoelectrónica e nanofotónica. E o obxectivo deste workshop é que o principais investigadores destas áreas teñan un foro no que facer unha posta en común dos seus traballos. “A nosa idea”, comenta o profesor do Departamento de Física Aplicada, “é que esta reunión se repita, que se converta nun congreso bianual” organizado polas diversas universidades e institutos tecnolóxicos e “está sendo un éxito, agora están puxando polo do 2011 o MIT e a delegación xaponesa”.
Ao longo das tres xornadas tratáronse temas como o desenvolvemento de dispositivos semicondutores con aplicacións en nanoelectrónica, nanofotónica e fotovoltaica e cada delegación presentou os seus últimos avances nesta tecnoloxía. Todos os traballos presentados recóllense nun libro que editou a organización e que conta con textos de 250 autores de 15 setenta países.

Visita aos laboratorios

Na xornada de hoxe, os participantes no workshop aproveitaron a hora de xantar para facer unha visita aos laboratorios de Física Aplicada da ETS de Enxeñeiros Industriais. Guiados por profesores do centro, coñeceron de primeira man o equipamento da escola para este tipo de traballos de investigación. Entre outros, os profesores Stefano Chiussi, Pío González ou Betty León, exerceron de anfitrións dos diversos grupos e contestaron ás dúbidas dos visitantes que puideron coñecer as liñas de investigación nas que se está a traballar do departamento, o equipamento ou incluso o resultado dalgunha das investigacións en novos materiais, como os que lles amosou Pío González, “implantes dentais ou intervertebrais elaborados con materiais novos derivados de madeiras como sapelli, piñeiro ou eucalipto, con todas as vantaxes de ser compoñentes naturais, e que poden substituír aos tradicionais de metal”.
Segundo explica Chiussi, o potencial da Universidade de Vigo no ámbito da nanotecnoloxía é moi destacable e “contamos con dous grupos potentes, o do profesor Luis Liz centrado en nanopartículas e o noso, que traballa con novos materiais e cabe salientar tamén o equipamento co que conta o CACTI, que é punteiro en España”.
O congreso, que se está a celebrar no Centro Social Caixanova, remata mañá mércores.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós