DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Xoves, 08 de outubro do 2009

Inaugúrase este xoves na Sala X, onde permanecerá ata o 6 de novembro

Paco Peregrino propón unha experiencia onírica coa instalación "Caducas"


Image Unha singular instalación escultórica a base de follas secas, obra do artista Paco Peregrino, inaugura este xoves, ás 20.00 horas, o novo curso na programación da Sala X. Con motivo desta cita, o espazo expositivo do campus recreará unha escena case onírica xa que as follas cubrirán o completamente o lugar e delas elevaranse formas humanas que non contan con máis estrutura que a propia acumulación das follas e algunhas mesas e cadeiras, sobre as que se apoian. Trátase dun “diálogo co material”, segundo explica Paco Peregrino, no que derivou “nun momento de crise creativa” cando realizaba o penúltimo ano da carreira. En Caducas, non só a vista, tamén outros sentidos como o olfato, o oído ou o tacto entran en xogo. “O importante xa non só son as formas”, apunta o artista, “tamén o intenso olor ou o cruxido das follas ao camiñar”

Camino Carballeira | Pontevedra
Unha singular instalación escultórica a base de follas secas, obra do artista Paco Peregrino, inaugura este xoves, ás 20.00 horas, o novo curso na programación da Sala X. Con motivo desta cita, o espazo expositivo do campus recreará unha escena case onírica xa que as follas cubrirán o completamente o lugar e delas elevaranse formas humanas que non contan con máis estrutura que a propia acumulación das follas e algunhas mesas e cadeiras, sobre as que se apoian. Trátase dun “diálogo co material”, segundo explica Paco Peregrino, no que derivou “nun momento de crise creativa” cando realizaba o penúltimo ano da carreira.
En Caducas, non só a vista, tamén outros sentidos como o olfato, o oído ou o tacto entran en xogo. “O importante non son só as formas”, apunta o artista, “tamén o intenso olor ou o cruxido das follas ao camiñar”. E é que Peregrino explica que provén dun núcleo rural que fai que posúa “un punto de vista espiritual da natureza”, que agora comparte cos espectadores da Sala X.

O paso do tempo e o concepto de “intimidade colectiva”

Formado na Facultade de Belas Artes, en 2008 rematou a licenciatura e actualmente realiza o seu doutoramento. O paso do tempo e o sentir da vida e a súa influenza nos comportamentos sociais son os aspectos que máis lle interesan a este artista e é unha das vías cara ás que quere dirixir o seu traballo. Outro aspecto que centra a súa atención é “o concepto de intimidade colectiva”. E é que, aínda que poida parecer unha contradición, Peregrino explica como “existen sensacións que todos podemos experimentar e comportarnos ante elas dun xeito similar porque nelas subxace a convivencia social”.
Considérase un “personaxe multidisciplinar” que ademais da escultura tamén exerce outras disciplinas como a videocreación e afirma que “é necesaria unha reflexión sobre a verdadeira función da arte e do artista na sociedade actual” por iso o que máis lle interesa é “conseguir experiencias artísticas satisfactorias e non tanto xerar unha coherencia artística pola que ser recoñecido”.

Un curso ateigado de propostas expositivas

Logo de Caducas, que permanecerá aberta ata o 6 de novembro, a Sala X acollerá unha mostra de obras realizadas por profesores da Facultade de Belas Artes, creadas expresamente para o espazo da sala, á que seguirá unha exposición da obra de Elías Pérez, profesor na Universidad Politécnica de Valencia. Outros proxectos como o Circuito da Comunidad de Madrid, do que Pontevedra será a única sede fóra de Madrid, ou a mostra itinerante de novos valores saídos da Facultade, Novas da negra sombra, tamén pasarán polo espazo expositivo do campus en vindeiras datas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós