DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Martes, 17 de novembro do 2009

Gustavo Darrigrán, biólogo arxentino experto en “especies invasoras”:

“Hai tres mil especies de organismos que viaxan cada día arredor do mundo nas augas de lastre dos barcos”


ImageA Universidade conta na Ecimat, Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, cun centro exclusivo para o traballo con auga de mar e cultivos mariños. Neste lugar privilexiado o intercambio de experiencias investigadoras entre profesionais de diferentes países é continuo. Gustavo Darrigrán, unha das maiores autoridades internacionais no estudo de especies invasoras, pasou tamén por estas instalacións, onde intercambiou experiencias cos investigadores do centro.

D. Besadío | Vigo
A Universidade conta na Ecimat, Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, cun centro exclusivo para o traballo con auga de mar e cultivos mariños. Neste lugar privilexiado o intercambio de experiencias investigadoras entre profesionais de diferentes países é continuo. Gustavo Darrigrán, unha das maiores autoridades internacionais no estudo de especies invasoras, pasou tamén por estas instalacións, onde intercambiou experiencias cos investigadores do centro. Profesor da Facultade de Ciencias Naturais da Universidad Nacional de La Plata e xefe da sección de Malacoloxía do Museo de la Plata en Arxentina, estivo en Vigo convidado polo profesor Francisco Rocha.

A miúdo escoitamos falar de invasións biolóxicas pero, podería explicarnos que é un organismo invasor?
Desde mediados da década de 1980 empezou a xestarse, e xa está en pleno auxe, o que se coñece coma unha nova disciplina dentro da bioloxía dedicada en exclusiva ao estudo das invasións. Co concepto “invasión biolóxica” referímonos a todo organismo non nativo que chega a un lugar e provoca un impacto, tanto no ambiente humano como no natural. O ambiente humano é aquel que está modificando ou alterando recursos que afectan á economía do home, incluídos os recursos sanitarios.

Poderiamos dicir entón que son invasoras todas as especies non nativas?
Relativamente, porque ademais de non ser nativas teñen que cumprir unha suma de características, entre as que se debería destacar a súa gran capacidade adaptativa e reprodutiva, de maneira que, ao competir, coas especies nativas, gaña e desprázaas.

A situación en Europa e en América é similar ou transcorre por camiños diferentes?
No caso particular de bivalvo invasor aquí en España hai un serio problema co coñecido como mexillón cebra. En América aínda non temos este problema, pero si outro similar como é o mexillón dourado, que pertence a mesma familia dos mexillóns mariños, pero é o único xénero que é de auga doce. Vive coma calquera mexillón pero na auga doce, onde atopou un nicho vacante, xa que non había ningún organismo de auga doce que vivise fixo sobre un substrato duro e que tivese larva plantónica. Precisamente aproveitou este nicho para ocupalo en grandes cantidades.

Podería exemplificar a que se refire con grandes cantidades?
Cando eu detecto por primeira vez a presenza deste mexillón dourado nas augas do Río da Plata en América do Sur había catro ou cinco individuos por metro cadrado, falo do ano 91. Dous anos despois as franxas que xa había de densidade destes organismos eran de 150.000 individuos por metro cadrado.

Que consecuencias ten esta invasión sobre os organismos nativos?
Por suposto hai unha alteración a nivel natural enorme e, por outra banda, agarra todo o substrato duro dispoñible, xa sexan rochas, pedras, troncos, xuncos ou filtros para tomas de auga, canalizacións... polo que se ocasionan danos económicos moi serios. É aí onde o home comeza a darse conta de que as especies invasoras non son boas e que hai que emprender medidas de prevención e control.

Cales considera que poden ser as causas desta “onda de invasións biolóxicas” das últimas décadas das que vostede fala?
Fundamentalmente habería que falar de dúas. Por un lado, veñen derivadas da propia globalización na que estamos inmersos, un sistema no que todo o mundo comercia con todo o mundo; polo outro, é innegable que estamos sometidos a un proceso de cambio a nivel global que provoca que todas as especies estean tamén nun proceso de adaptación e, polo tanto, sexan máis débiles, sobre todo ante especies máis fortes como poden ser as invasoras.

Podería citar algúns exemplos...
Por suposto. Un dos máis importantes é a auga de lastre dos barcos, un dos maiores contaminantes. Esta auga leva un montón de larvas que o home está transportando sen decatarse dun punto a outro do planeta. Hai tres mil especies de organismos que viaxan cada día arredor do mundo nesta auga.

Como se poden previr estes fenómenos...
É moi sinxelo, aínda que politicamente sexa complexo. O que os gobernos terían que facer é unha etapa de xestión previa na que hai que previr as invasións. Unha vez que ingresou a especie, que se naturalizou nun novo ambiente é moi, moi difícil erradicala. En Arxentina, por exemplo, fíxose unha lei para impedir que os barcos que veñen de fóra liberen nas nosas costas as augas das súas embarcacións, pero non se nos ocorreu, nin pensamos nos demais e non fixemos ningún control para que os nosos barcos tampouco descargasen auga de lastre noutros países e así foi como, por exemplo, o mexillón dourado tamén se estendeu a Brasil.
Coa lexislación axeitada pódese facer unha boa prevención, sobre todo en puntos claves como portos, aeroportos, terminais de trens, camións... todo o que sexa transporte.

Vostede afirmou en numerosas ocasións que traballar con especies invasoras é fermoso. Como describiría o atractivo deste traballo?
Para calquera biólogo é un privilexio poder estudar unha especie e ver como se adapta a ese novo ambiente e condición, como interactúa coas nativas e as despraza... é todo un desafío para o científico.

Como valora a súa estancia na Universidade de Vigo?
Para min é un privilexio visitar esta Universidade, unha institución que me sorprendeu en moitísimos sentidos.

Podería comentarnos algún?
Estou marabillado tanto desde o punto de vista da investigación como dende o aspecto organizativo. A Ecimat realmente é onde me gustaría traballar, sería marabilloso ter un espazo coma este na Arxentina, é un instituto pensado e creado de forma específica para levar a cabo investigación mariña e gústame moito.
Doutra banda, encántame o campus, a súa estrutura, as súas instalacións, a biblioteca... Como suramericano, como arxentino, o que máis me sorprende é que non só hai cousas, senón que ademais funcionan, non como acontece no meu país, onde as cousas se fixeron ou ben como parches para cumprir un requisito ou si funcionan fano só para certas actividades ou, simplemente, deixan de funcionar por falta de funcionamento, de fondos, de interese... Aquí hai estruturas, hai organización e todo funciona, iso é o novidoso para min, é triste pero é así.
Tamén me sorprende a cantidade de espazo que teñen aquí os investigadores. Elementos tan sinxelos como unha ventá pola que entre o sol son alí un ben prezado ao que non todos os investigadores teñen acceso, e estou a falar dunha universidade con tradición e importante como é a Universidad Nacional de La Plata.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós