DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Mércores, 18 de novembro do 2009

En colaboración co Instituto de Nanotecnoloxía de Barcelona

Investigadores da Universidade participan no desenvolvemento dun biosensor que axiliza e simplifica a detección de células canceríxenas

O biosensor que emprega partículas de ouro foi realidade tras dous anos de traballo


ImageDetectar a presenza de células tumorais sobre dispositivos similares aos empregados na detección da glucemia en pacientes diabéticos, mediante nanopartículas de ouro e anticorpos é a finalidade do biosensor nacido da colaboración do Centro de Nanobioelectrónica e Biosensores do Instituto de Nanotecnoloxía de Barcelona (ICN) e o Grupo de Inmunoloxía –Unidade Compartida do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
A rapidez e simpleza na detección e cuantificación de células canceríxenas no organismo son dúas das características deste biosensor sobre o que os equipos liderados polo doutor Arben Mercoçi no caso do ICN e a catedrática do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, África González no da Universidade de Vigo, levan traballando máis de dous anos.


Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Detectar a presenza de células tumorais sobre dispositivos similares aos empregados na detección da glucemia en pacientes diabéticos, mediante nanopartículas de ouro e anticorpos é a finalidade do biosensor nacido da colaboración do Centro de Nanobioelectrónica e Biosensores do Instituto de Nanotecnoloxía de Barcelona (ICN) e o Grupo de Inmunoloxía –Unidade Compartida do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
A rapidez e simpleza na detección e cuantificación de células canceríxenas no organismo son dúas das características deste biosensor sobre o que os equipos liderados polo doutor Arben Mercoçi no caso do ICN e a catedrática do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, África González no da Universidade de Vigo, levan traballando máis de dous anos. “A nosa achega ao biosensor céntrase no traballo con anticorpos monoclonais e a coa idea de poder facer medrar células tumorais sobre ese soporte, mentres que o grupo que dirixe Mercoçi é experto en nanopartículas e no desenvolvemento de biosensores”, explica África González. Sobre o funcionamento do biosensor, a catedrática da Universidade de Vigo explica que “se temos unha célula tumoral que expresa un marcador de membrana, este pode ser recoñecido por anticorpos unidos a boliñas de ouro. Posteriormente, unha reacción electroquímica dará un sinal que pode ser detectado. Sen embargo, se a célula non é tumoral e non expresa ese marcador, non haberá sinal electroquímico”.
A investigación publicada na revista Analytical Chemistry permitirá, ademais de axilizar o proceso de detección de células canceríxenas , abaratar custes respecto dos procesos actuais que precisan da utilización de aparellos que requiren de importantes desembolsos económicos. “Incluso agora estamos traballando”, explica a catedrática da Universidade de Vigo, “nun modelo de biosensor máis pequeno que poida estar presente en ambulatorios, clínicas e quirófanos”.

Os froitos da colaboración entre institucións

A participación do grupo de dirixe África González nun proxecto Consolider facilita o contacto e o apoio entre investigadores de diferentes universidades españolas. Neste caso como explica González “eles tiñan unha liña de biosensores e eu lidero a de anticorpos. Ocorréusenos ver se podiamos cultivar células sobre estes soportes e poder identificar tumores e comprobamos que si se pode”.
O traballo desenvolvido ao longo de máis de dous anos e cuxa parte experimental se desenvolveu na súa totalidade en Vigo, a onde o equipo liderado por Mercoçi desprazou todo o instrumental, deu como froito un modelo cuxa patente foi solicitada en decembro de 2008 e vén de publicarse na revista ACS.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós