DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 23 de novembro do 2009

No II Encontro de estudos sobre cerámica antiga no noroeste peninsular

Trinta historiadores analizarán as pegadas da historia na cerámica antiga

As xornadas inclúen unha charla divulgativa e un obradoiro sobre as ánforas tardías de importación mediterránea


ImageA Facultade de Historia acolle este 26 e 27 de novembro o II Encontro de estudos sobre cerámica antiga do Noroeste peninsular. O día 26 o profesor Michel Bonifay, un dos máis destacados especialistas en cerámica tardorromana do panorama investigador europeo, ofrecerá unha conferencia divulgativa sobre o comercio mediterráneo na época tardorromana. E o 27 de novembro o propio Michel Bonifay dirixirá un obradoiro teórico-práctico sobre as cerámicas tardías de importación mediterránea. No encontro participarán 30 historiadores.

Raquel Feijóo | Ourense
As cerámicas antigas constitúen un obxecto de estudo para os especialistas, pero a súa importancia aparece marcada tamén por outro aspecto que as define. En palabras de Fermín Pérez, profesor de Arqueoloxía, “funcionan tamén como o principal vestixio, a pista máis importante, para reconstruír o comercio no Mediterráneo na época romana e bizantina, un comercio especialmente voluminoso e desenvolvido que forma parte esencial da historia da civilización europea occidental”. Daquela viaxaban polo mar as cerámicas e os alimentos e manufacturas que contiñan, “pero xunto a estes produtos viaxaban tamén as persoas e as ideas”, subliña o profesor.
A cerámica antiga do noroeste peninsular vai ser o eixe sobre o que xirará un encontro de estudos que se celebrará na Facultade de Historia os días 26 e 27 de novembro. A iniciativa desenvolverase priorizando a actividade formativa sobre esta temática dende unha perspectiva teórica e práctica e, na mesma, “amosaranse as investigacións realizadas neste campo, exporase a problemática actual do mesmo e proporanse solucións e liñas de investigación futuras”, segundo explica Fermín Pérez.

Conferencia divulgativa e obradoiro sobre cerámicas tardías de importación mediterránea

O encontro comezará o 26 de novembro ás doce da mañá cunha conferencia divulgativa sobre o comercio mediterráneo na época tardorromana a cargo do profesor Michel Bonifay, un dos mellores especialistas a nivel mundial en cerámicas antigas fabricadas no norte de África.
Fermín Pérez explica que as cerámicas tardías de importación mediterránea son ánforas, “meros contentores de produtos alimentarios (viño, aceite, salazóns...) empregados sobre todo no transporte marítimo, e tamén pezas de vaixela doméstica, ben sexa tosca para uso culinario ou fina para por na mesa, producidas no norte de África”. Estas pezas inundaron os mercados do mediterráneo nos séculos III-VI d.C., e a elas vai estar dedicado o obradoiro teórico-práctico que se vai desenvolver o 27 de novembro no Laboratorio de Arqueoloxía. O obradoiro vai estar dirixido tamén por Michel Bonifay e inclúe o manexo de pezas orixinais, algunhas achegadas polo propio profesor (procedentes de Túnez e do sur da Galia) e outras depositadas no Laboratorio de Arqueoloxía, “tamén procedentes de Túnez e, especialmente, de varios xacementos vigueses recentemente escavados, como o de Mirambel en Toralla ou o da rúa Rosalía de Castro, e que se atopan en fase de estudo”, segundo Fermín Pérez.
No encontro participarán un total de trinta historiadores, un número que obrigou a ampliar as vinte prazas iniciais dispoñibles. Recibirán, nas palabras do profesor de Arqueoloxía, “unha formación moi especializada e un utilísimo coñecemento práctico sobre cerámicas africanas tardorromanas que dificilmente poderán atopar noutros cursos similares da Península no momento actual”.

Un espazo de información para arqueólogos e estudosos das cerámicas antigas

Estes encontros de estudos sobre cerámica antiga comezaron o seu desenvolvemento no ano 2007 cun obxectivo. Segundo Fermín Pérez, “tentabamos responder a unha necesidade amplamente demandada polos arqueólogos galegos, especialmente os estudosos das cerámicas antigas, que carecían dun espazo adecuado para expoñer problemas e intercambiar informacións”. A primeira edición da iniciativa estivo dedicada á discusión e posta en común das investigacións ceramolóxicas que se estaban a levar adiante no noroeste peninsular, e o seu balance é “moi positivo”. Para Pérez, supuxo a primeira reunión e posta en común da maior parte dos investigadores que se dedican ao estudo da cerámica antiga no noroeste peninsular”. Unha das conclusións daquel primeiro encontro foi que era moi necesario insistir na faceta formativa, “algo moi demandado polos arqueólogos profesionais e os investigadores noveis, que teñen que afrontar a catalogación e estudo dos milleiros de anacos cerámicos que recuperan das escavacións arqueolóxicas ou atopan nos depósitos dos museos”. O universo da cerámica antiga é, xa que logo, “demasiado vasto é complexo”, de aí que a formación teña que ser “moi especializada e cunha compoñente eminentemente práctica, de observación e manexo directo de fragmentos orixinais de cerámicas antigas”. Dous obxectivos –formación especializada e eminentemente práctica- que os organizadores do encontro tiveron moi presentes á hora de organizar esta segunda edición.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós