DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 10 de marzo do 2010

No marco do proxecto europeo Termared de impuso ao sector termal

Visitan o campus os representantes das principais rexións termais de Francia e Portugal

A Universidade e a Secretaría Xeral para o Turismo son os socios españois do proxecto


ImageDoce representantes das principais rexións termais de Francia e Portugal visitaron este mércores o campus no marco do seminario itinerante do proxecto europeo Termared, unha iniciativa que botou a andar o pasado ano co obxectivo de consolidar o termalismo como sector competitivo no suroeste europeo e que conta como únicos socios españois co grupo de investigación de Física Aplicada da Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia.

D. Besadío | Vigo
Doce representantes das principais rexións termais de Francia e Portugal visitaron este mércores o campus no marco do seminario itinerante do proxecto europeo Termared, unha iniciativa que botou a andar o pasado ano co obxectivo de consolidar o termalismo como sector competitivo no suroeste europeo e que conta como únicos socios españois co grupo de investigación de Física Aplicada da Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia.
Recibidos pola vicerreitora de Investigación, Elsa Vázquez, os membros da delegación francesa e portuguesa teñen estes días a oportunidade de intercambiar experiencias e modos de traballo cos investigadores vigueses, un equipo dirixido polo profesor José Luis Legido e cuxa principal achega ao proxecto se centra no desenvolvemento dun catálogo de augas mineiro medicinais que polas súas particulares características deben ser postas en valor.
Este catálogo desenvolto polos profesores vigueses será publicado nos tres idiomas do proxecto –español, francés e portugués- e nel recolleranse arredor de vinte augas que deberían ser postas en valor, ben pola súa localización estratéxica, pola propia composición da auga, polos seus posibles usos “ou mesmo polo entorno, natural, patrimonial ou turístico”, explicou a catedrática Lourdes Mourelle, unha das súas coordinadoras.

O venres reuniranse na Toxa todos os socios do proxecto

A visita a Galicia iniciouse o luns e, dende entón, os doce integrantes da comitiva visitaron xa os balnearios de Cuntis, Compostela, Caldas de Reis e Mondariz. Completarán o programa, tras visitar o campus, co Talaso Atlántico de Baioana e Isla La Toja, onde o venres se reunirán todos os socios integrantes do proxecto, incluída a secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo.
“Cada país ten dous socios, un de carácter máis científico e outro máis relacionado co desenvolvemento local”, subliñou Mourelle, ao tempo que explicou que en Francia se están a centrar no desenvolvemento dun prototipo para hixienizar piscinas de auga termal e, en Portugal, onde participan a Universidade de Oporto e a Asociación do desenvolvemento do Alto Támega, investigan a influencia que suporá o cambio climático nas fontes de auga mineromedicinais.

Congreso na primavera do 2011

Na recepción no campus a vicerreitora destacou o termalismo coma un sector en puxanza en Galiza, “foi un sector que xa tivo moito éxito no pasado, sobre todo a principios do século XX, despois abandonouse máis, pero na actualidade ten moitísimo empuxe”, resaltou a vicerreitora, quen tamén destacou a relevancia social “dun sector que axuda ao desenvolvemento de zonas nas que o abandono e a carencia de industrias é importante”.
Neste marco, Mourelle avanzou que na primavera do 2011 se celebrará en Galicia un congreso no que se achegarán os principais resultados do proxecto Termared, que ten como principal obxectivo consolidar o sector termal como sector competito, cunha xestión da oferta do turismo termal diferenciado e de excelencia.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós