DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 22 de marzo do 2010

Os traballadores da OMA plantaron un cedro de incenso para conmemorar o Día da Árbore

O campus conta con 700 árbores procedentes de diversos lugares do mundo

Os cedros son as especies máis representativas pola súa antigüidade, porte e idade


ImageA celebración do Día da Árbore é unha iniciativa que pretende facer fincapé na importancia dos recursos forestais para o benestar do planeta e tamén no coidado que se lle debe brindar a estas plantacións. Coincidindo con esta efeméride os traballadores da Oficina de Medio Ambiente (OMA) plantaron un Calocedrus Decurrens (cedro de incenso) no campus norte. Na actualidade hai no campus unhas 700 árbores procedentes de diversos lugares do mundo e pertencentes a máis de 120 especies diferentes -76 especies no campus norte e 46 no sur-.

Raquel Feijóo | Ourense
A celebración do Día da Árbore é unha iniciativa que pretende facer fincapé na importancia dos recursos forestais para o benestar do planeta e tamén no coidado que se lle debe brindar a estas plantacións. Coincidindo con esta efeméride os traballadores da Oficina de Medio Ambiente (OMA) plantaron un Calocedrus Decurrens (cedro de incenso) no campus norte, unha especie arbórea orixinaria dos Estados Unidos que escolleron polo seu comportamento á hora de medrar –pode alcanzar ata os 45 metros de altura-. Preparar un burato axeitado, situar a parte que separa o tronco da raíz a unha altura correcta, repartir ben a terra ao longo da raíz e regalo ben son algunhas das recomendacións achegadas dende a OMA para levar adiante con éxito iniciativas deste tipo.
Na actualidade hai no campus unhas 700 árbores procedentes de diversos lugares do mundo e pertencentes a máis de 120 especies diferentes -76 especies no campus norte e 46 no sur-. De todas elas José Manuel P. Teijeiro, técnico especialista en xardinería e zonas verdes, subliña moi especialmente os cedros, representantes das tres especies máis importantes deste xénero: Líbano, Atlántica e Deodara “pola súa antigüidade, posto que pertencen aos orixes do complexo hospitalario nos anos 20 do século pasado”, explica. Outras especies significativas sobre as que Teijeiro fai especial fincapé son a Metasequoia Glyptostroboides, “un auténtico fósil vivinte atopado na China no ano 1946” e o Abies Pinsapo, “único representante xenuinamente ibérico do xénero Abies –abetos verdadeiros-“, segundo explica.

Podas, control das ramas e mantemento do solo

Podas de mantemento, control das ramas potencialmente inseguras e o mantemento do solo son só algúns dos coidados que requiren estas plantacións nunha liña de traballo que ten por obxectivo, segundo explica Teijeiro, “aproximarse ao ideal de árbore no seu medio natural aportándolle mulch, composto polas propias follas e madeira triturada procedente da poda anual”. Dende a OMA puntualizan tamén que, salvo excepcións, non utilizan tratamentos químicos para o coidado das especies.
As árbores forman unha parte moi importante da natureza na que estamos integrados, unha realidade subliñada por Teijeiro para defender a idea de que “canto máis coñezamos delas máis nos implicaremos na mesma”. Nunha contorna como o campus esta filosofía cobra, se cabe, máis importancia posto que a variedade de plantacións existente permite que a comunidade universitaria e todas as persoas interesadas na temática que o desexen poidan coñecer non só as especies máis comúns do noso entorno senón tamén outras procedentes de diferentes países do mundo.

Respectar a contorna e os exemplares

Os traballadores da OMA encárganse do coidado das árbores pero o resto da comunidade universitaria así como todas as persoas que pasean polo campus teñen tamén unha importante responsabilidade á hora de contribuír na mellora e conservación das mesmas. Segundo explica Teijeiro “a mellor maneira é respectar o entorno e os propios exemplares, por exemplo non camiñando reiteradamente sobre as súas raíces e non mancando fisicamente o seu tronco e ramas”, declara.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós