DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Venres, 26 de marzo do 2010

Fundaron o colectivo LIBA co obxectivo de loitar pola profesionalización do artista

Estudantes de Belas Artes rebélanse contra a industria cultural na mostra "Star System"

A exposición permanecerá na Sala Alterarte ata o día 19 de abril


ImageOs artistas que comezan a súa andaina no mundo da creación teñen moitos atrancos para atopar o seu oco no mundo da arte. Así o cren un grupo de alumnos da Facultade de Belas Artes que decidiron revelarse contra esta realidade creando o colectivo LIBA (Laboratorio de Investigación en Belas Artes) co obxectivo de loitar pola profesionalización do artista. O grupo presenta na Sala Alterarte a exposición Star System coa que queren subliñar a necesidade de conseguir a profesionalización do sector pero dende a ironía e o humor.

Raquel Feijóo | Ourense
Os artistas que comezan a súa andaina no mundo da creación teñen moitos atrancos para atopar o seu oco no mercado e para vivir do seu traballo como profesionais do sector. O estatismo dalgunhas institucións culturais, o paradigma do artista xenio como aval de calidade na produción, o traballo gratuíto a cambio de contactos ou currículo e a precariedade laboral son situacións que producen que os creadores noveis choquen co mundo institucional da arte. Así o cre un grupo de alumnos de doutoramento da Facultade de Belas Artes de Pontevedra que decidiron revelarse contra esta realidade creando o colectivo LIBA (Laboratorio de Investigación en Belas Artes) co obxectivo de loitar pola profesionalización do artista. Segundo explica María Marco, membro do colectivo, “atopamos que é moi difícil consolidarnos como artistas na industria cultural posto que a única opción para profesionalizarse é ser descuberto polos axentes culturais”, explica. Froito de todas estas reflexións nace a exposición Star System que o grupo amosa na Sala Alterarte do campus e coa que quere subliñar a necesidade de conseguir a profesionalización do sector pero dende a ironía e o humor. Nas palabras de María Marco “o que fixemos nesta proposta escénica é utilizar os recursos institucionais como ferramenta antisistema para consagrarnos, aínda que só sexa mediante unha ficción, como artistas verdadeiros”, declara.

Tres días de traballo a lapis de grafito

Para levar adiante a exposición cada membro do colectivo LIBA mercou unha estrela do hemisferio norte a través do International Star Registry, compra que acreditan amosando na sala os certificados que os avalan como propietarios e que simbolizan na mostra mediante un enorme mural do mapa astral do hemisferio norte feito a lapis de grafito nun laborioso debuxo no que empregaron tres días de traballo. A exposición complétase cun proxecto fotográfico inspirado no fotocool e cun servizo de mensaxería virtual que busca o contacto e a interacción co espectador. “O que queremos neste apartado da exposición é que as persoas que se acheguen ata a sala escriban os seus desexos, aspiracións, fracasos... o que lle poderían contar a unha estrela e formar con todas esas mensaxes unha especie de contedor dos desexos da xente”, declaran.

As necesidades dos artistas do futuro

Star System é unha exposición que fala das precariedades dun sistema que non se adecúa ás necesidades e esperanzas dos artistas do futuro. Para loitar contra esta realidade os seus creadores utilizan a mirada irónica para criticar conceptos como o éxito e o fracaso “que non deixan de ser imposicións sociais que naceron da man do sistema capitalista e que están moi vinculados ao feito de ter ou xerar cartos”. Os membros de LIBA escapan desta proposta desmarcando o concepto de triunfo do enriquecemento económico “propondo vías alternativas para conseguir aquilo que desexamos, o que en verdade da sentido ás nosas vidas”. A mostra permanecerá na Sala Alterarte ata o día 19 de abril.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós