DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Mércores, 07 de abril do 2010

A 15ª Mostra Internacional de Teatro Universitario desenvolverase entre os días 11 ao 29 de abril

A MITEU situará a Ourense na vangarda teatral con 38 actividades e sete países invitados

O vicerreitor asegura que “cada euro que se inviste en teatro repercute no campus”


Image“É a mostra máis ambiciosa, con máis grupos e actividades paralelas das que se teñen celebrado ata o de agora”. Así cualifica o director da MITEU –Mostra Internacional de Teatro Universitario- Fernando Dacosta a décimo quinta edición do certame que se desenvolverá entre os días 11 ao 29 de abril en distintos escenarios da capital ourensá “e que situará á cidade á vangarda do teatro” segundo a concelleira de Igualdade do Concello de Ourense, Marta Arribas. O programa do certame inclúe 38 actividades entre as que haberá non só representacións escénicas senón tamén proxeccións de documentais, conferencias, exposicións e ata un curso de esgrima e combate escénico. Para o vicerreitor do campus de Ourense Juan Francisco Gálvez cada euro que se inviste en teatro "é un euro que repercute no campus sobradamente".

Raquel Feijóo | Ourense
“É a mostra máis ambiciosa, con máis grupos e actividades paralelas das que se teñen celebrado ata o de agora”. Así cualifica o director da MITEU –Mostra Internacional de Teatro Universitario- Fernando Dacosta a décimo quinta edición do certame que se desenvolverá entre os días 11 ao 29 de abril en distintos escenarios da capital ourensá “e que situará a cidade á vangarda do teatro” segundo a concelleira de Igualdade do Concello de Ourense, Marta Arribas. O programa do certame inclúe un total de 38 actividades destinadas aos incondicionais do teatro, entre as que haberá non só representacións escénicas, senón tamén proxeccións de documentais, conferencias, exposicións e ata un curso de esgrima e combate escénico. Desta volta os países invitados son Costa de Marfil, O Salvador, Polonia, Honduras, Francia e Palestina que amosarán na mostra a súa cultura, costumes e tradicións a través de creativas montaxes escénicas de vangarda. Tamén visitarán a cidade aulas de teatro procedentes de universidades de toda Galicia, doutros puntos de España como Navarra, Zaragoza, Cáceres, Alicante e tamén de Portugal.
Na presentación desta nova edición da mostra os seus promotores fixeron especial fincapé na colaboración existente entre as diferentes institucións para a posta en marcha do certame. A xerente do Teatro Principal, Olga Mojón, subliñou “a importancia que ten para a cidade que varias institucións se unan nun proxecto común”, mentres que o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, centrou a súa intervención “no papel que debe desempeñar a universidade como punto de unión entre as diferentes entidades para a posta en marcha de proxectos como a MITEU”.

Pezas de xadrez pola rúa e monólogo con humor

Na xornada inaugural da mostra, o 11 de abril, unhas pezas de xadrez cobrarán vida entre a rúa do Paseo e a Praza de San Martiño para amosar un trepidante xogo entre a vida e a morte. O espectáculo da Aula de Teatro Universitaria de Ourense Rosaura marcará o comezo desta nova edición da MITEU. Ese mesmo día o actor Carlos Blanco interpretará un monólogo titulado Só no Auditorio, centrado no Camiño de Santiago e utilizando como único recurso escénico o humor. 
Dos espectáculos programados, Fernando Dacosta destaca dous: a obra Zoo da compañía madrileña Illana, o día 13, no Auditorio, que amosa a aventura duns intrépidos exploradores na xungla para capturar un exótico animal en vías de extinción e o circo musical no que a compañía francesa Les Petits Detournements porá en escena o día 27 malabarismos, música, maxia, manipulación de obxectos e acrobacias. Así mesmo todas as noites despois das funcións os espectadores poderán participar nun coloquio cos directores e actores das obras no Café Auriense.
Entre as actividades paralelas figura un curso de esgrima e combate escénico que impartirá Juan Udaondo no campus os días 24 e 25 de abril. Haberá tamén unha conferencia sobre Honduras: sociedade e cultura o día 23 de abril na Librería Torga, a presentación do libro Aula de Teatro (20 anos) e MITEU (25 anos) no campus, o día 28, e a proxección de documentais no Auditorio. O programa de actividades complétase con tres exposicións no Auditorio que recollerán en imaxes a historia da MITEU e da Aula de Teatro Universitaria.

Investir en teatro é investir en educación

O orzamento desta décimo quinta edición da mostra ascende a 90.000 euros, unha cantidade á que habería que engadir as viaxes dos grupos universitarios que saen de balde grazas a un programa de intercambio entre as diferentes institucións académicas. Os promotores do certame non falan en ningún momento de gasto senón de investimento e así Juan Francisco Gálvez fixo fincapé no feito de que o campus de Ourense é o único de España que posúe tres aulas de teatro “funcionando con éxito” e amosou o seu convencemento de que “cada euro que se inviste en teatro é un euro que repercute no campus sobradamente”, unha liña argumental que o leva a defender a necesidade “de seguir apostando polo teatro de maneira decidida porque a aposta polo teatro é unha aposta pola cultura e a cultura é tamén educación”.
As entradas para asistir ás funcións estarán á venda dende o primeiro día da mostra en cada un dos espazos onde se desenvolverán os espectáculos. O prezo é de dous euros excepto para as actuacións de Carlos Blanco e dos grupos Illana, Krosny, Les Petits Detournements e Tres Magos que é de tres euros.
Na pasada edición a MITEU conseguiu engaiolar a uns 10.000 espectadores unha cifra que os organizadores esperan repetir e incluso mellorar nesta nova cita co teatro máis internacional.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós