DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 28 de maio do 2010

No curso de Condución Eficiente organizado pola OMA, o Plan Suma e Faimevi

A comunidade universitaria coñece as vantaxes da condución económica, limpa e segura

Permite diminuír o número de emisións contaminantes e aforrar ata un 15% de combustible


ImageApagar o motor cando se realiza unha parada prolongada e empregar as marchas longas son as pautas a seguir durante a condución para diminuír o número de emisións e aforrar ata un 15% de combustible. Estes son os principais obxectivos do curso de Condución Eficiente organizado pola Oficina de Medio Ambiente e o Plan SuMA, en colaboración coa Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo e a Asociación de Autoescolas de Pontevedra. Segundo os expertos, a boa combinación de velocidade marcha e inercia son as claves do aforro, que pode chegar ata os 200 euros anuais, e para a redución de media tonelada de CO2 ao ano.

Sara Alcázar | Vigo
Apagar o motor cando se realiza unha parada prolongada e empregar as marchas longas son algunhas das pautas a seguir durante a condución para diminuír o número de emisións contaminantes e aforrar ata un 15% de combustible. Estes son os principais obxectivos do curso de Condución Eficiente organizado pola Oficina de Medio Ambiente (OMA) e o Plan SuMA, en colaboración coa Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo, Faimevi, e a Asociación de Autoescolas de Pontevedra e que durante tres sesións se está a desenvolver no campus de Vigo.
Na primeira xornada do curso oito membros da comunidade universitaria de entre os 40 xa inscritos, aprenderon as técnicas na teoría e a práctica para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais da man do biólogo especialista en Medio Ambiente e monitor de Faimevi, Damián Cuadrado e os profesores de autoescola Ángel Graña e Evaristo Alonso.

A boa combinación de velocidade marcha e inercia, claves no aforro

Segundo os expertos, para acadar uns hábitos de condución económica, limpa e segura cómpre facer unha boa combinación de velocidade, marcha e inercia, “evitando acelerar demasiado e que o vehículo vaia moi revolucionado, empregando o freo cando sexa imprescindible e de forma suave e cambiar de marcha dun xeito áxil, para despois darlle un punto de gas aproveitando a inercia” explicou Alonso durante a proba. Por este motivo, facer o cambio de marcha entre as 2000 e as 2500 voltas nos motores de gasolina, e entre as 1500 e as 2000 nos diésel, foi unha das medidas recomendadas polo monitor. “Aplicando estas técnicas, unha persoa que faga 15.000 quilómetros ao ano, pode aforrar entre 180 e 200 euros”.
Pero ademais de aforrar cartos, a condución eficiente tamén supón unha importante redución da contaminación atmosférica e acústica. “Coa aplicación destas técnicas podería deixar de emitirse media tonelada de CO2 ao ano” indicou Cuadrado, que tamén fixo referencia á importancia de diminuír as revolucións para evitar o ruído. “Vigo é unha das cidades con maior contaminación acústica de España, e o noso país é o segundo máis ruidoso do mundo despois de Xapón. Esta posición débese na súa maioría ao tráfico” recalcou.
Entre os consellos ditados por Cuadrado tamén cabe salientar a necesidade de prescindir do punto morto, non abusar do aire acondicionado “mantendo unha temperatura entre os 20 e 21 graos” ou non levar a baca posta cando non é necesaria, posto que “aumenta un 20% o consumo, e cargada un 39%” afirmou.

Posta en práctica das técnicas de condución eficiente

Os asistentes ao curso comezaron por recbir unha sesión teórica na que aprenderon as técnicas de condución para controlar o consumo e as emisións, para a continuación comprobar a eficiencia destas técnicas, poñéndoas en práctica nun vehículo con medición de consumo. Na primeira proba, os conductores e conductoras puxéronse ao volante marcando o seu ritmo e cos seus hábitos cotiáns, cos que fixeron unha media de oito e nove litros/100 Km, sete minutos e 40 Km/h. Na segunda quenda, estes parámetros reducíronse considerablemente grazas á aplicación das técnicas, coas que algúns dos participantes no programa acadaron un consumo de 6,8 litros/Km e tamén chegaron a reducir o tempo de realización da proba a seis minutos ao aumentar a velocidade, “pero con custo cero” sinalou Cuadrado.
Ao finalizar a xornada, as persoas participantes foron obsequiados cun manual de condución eficiente e tamén recibirán un diploma acreditativo da participación no curso, expedido pola Consellería de Industria. As seguintes sesións do curso serán o vindeiro luns, 31 de maio, en horario de mañá e o mércores 2 de xuño en horario de tarde, sendo as clases teóricas na aula 5 e a aula 10 respectivamente.

Campañas a prol da sostenibilidade e o Medio Ambiente

O curso de condución eficiente enmárcase dentro do Programa Tp, desenvolvido polo Plan SuMA, no que tamén se contemplan outras actividades e estudos "para calcular a pegada ecolóxica derivada do trasporte con actuacións como a avaliación dos aparcadoiros nos campus ou o Día sen coches" indicou o coordinador do Plan SuMA, Jesús González. Ademais, este programa considera as iniciativas tendentes á redución do uso do transporte privado individual en beneficio do público ou múltiple, como a campaña Cheo, por favor! organizada pola OMA, consistente en compartir o medio de trasporte para reducir o número de vehículos que se desprazan aos distintos campus para diminuír a contaminación e compartir os gastos de combustible.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós