DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 10 de xuño do 2010

Fermín Pérez Losada, historiador:

"Existe unha considerable demanda de arqueólogos no mundo laboral"

Dirixe un curso práctico de metodoloxía arqueolóxica que comezará o día 21 de xuño


ImageCompletar as carencias prácticas deducidas da inexistencia dunha formación específica en Arqueoloxía e formar especialistas para investigar, protexer e divulgar o patrimonio arqueolóxico son os dous obxectivos fundamentais do Curso Práctico de Metodoloxía Arqueolóxica sobre Rexistro e Análise de Xacementos e Materiais que se vai desenvolver no campus durante os días 21 a 24 de xuño, baixo a dirección académica do profesor Fermín Pérez Losada. O prazo de inscrición para participar nesta actividade remata o día 14 de xuño.

Raquel Feijóo | Ourense
Explica o historiador Fermín Pérez Losada que, na actualidade, non existe en España un título específico de Arqueoloxía “a excepción de contados e recentes novos graos que soamente poden ofertar universidades moi grandes como Madrid ou Barcelona”, matiza. Esta realidade motiva que a formación en arqueoloxía permaneza diluída nas titulacións de Historia, Xeografía e Historia, Antropoloxía ou similares nunha contorna que contrasta co mundo laboral onde, segundo o historiador, “existe unha considerable demanda de arqueólogos, ben sexa como autónomos ou integrados en pequenas empresas que traballan sobre todo no eido das intervencións arqueolóxicas e da posta en valor do patrimonio arqueolóxico”, declara.
Completar as carencias prácticas deducidas da inexistencia dunha formación específica e formar especialistas para investigar, protexer e divulgar o patrimonio arqueolóxico son, precisamente, os dous obxectivos fundamentais do Curso Práctico de Metodoloxía Arqueolóxica sobre Rexistro e Análise de Xacementos e Materiais que se vai desenvolver no campus durante os días 21 a 24 de xuño baixo a dirección académica do profesor Pérez Losada. O prazo de inscrición para participar nesta actividade remata o día 14 de xuño.

Emprego de ferramentas informáticas especializadas

O seminario está estruturado en dous módulos diferenciados. O primeiro deles estará dedicado ás ferramentas de análise e estudo dos xacementos e os seus territorios co uso do SIGs (Sistemas de Información Xeográfica), e no segundo abordarase o rexistro, estudo e conservación do material arqueolóxico moble aparecido neses xacementos. O director do curso engade así mesmo que, no seu transcurso, traballarase con pezas orixinais que se atopan en depósito no Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo (LAUV) “para explicar e practicar os sistemas de inventario informático, o debuxo arqueolóxico manual e dixital e as intervencións básicas de conservación pasiva e activa”, declara. O profesor Pérez Losada sinala tamén que a parte práctica, que terá un peso especial no curso, desenvolverana os investigadores do LAUV coa colaboración doutros relatores procedentes do Centro Superior de Investigacións Científicas así como da Universidade do Minho e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
O seminario espera reunir entre 30 e 40 alumnos e alumnas procedentes maioritariamente das titulacións de Historia, Arte, Belas Artes e Educación do campus de Ourense, “pero queremos atraer tamén estudantes de Vigo, Santiago, Pontevedra e outras universidades do norte de Portugal, como Braga e Porto”, segundo explica o historiador. Ademais do alumnado de titulacións afíns, o curso diríxese tamén á sociedade en xeral que poderá coñecer nestas clases o corpus metodolóxico necesario para a práctica arqueolóxica. Nas palabras do profesor, “o curso vailles proporcionar aos asistentes unha formación especializada que normalmente non se atopa nos programas dos seus estudos, capacitándoos tanto para a investigación como para o exercicio profesional”, declara.

Outros cursos sobre o mundo da arqueoloxía

Este curso de metodoloxía arqueolóxica constitúe o primeiro dedicado a esta temática que se celebra no campus co formato de curso de verán, pero o profesor Pérez Losada matiza que esta non é a única iniciativa organizada dende o departamento que dirixe. “De feito, o LAUV ven organizado dende hai varios anos outros cursos e xornadas dedicadas a diversos aspectos do mundo da arqueoloxía entre os que destacan a I e II reunión do Grupo de Estudos da Cerámica Antiga do Noroeste Peninsular, celebrada en Ourense nos anos 2007 e 2009”, unha liña de actividades que esperan consolidar con máis e novas propostas no futuro.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós