DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 25 de outubro do 2010

Participan máis de 50 técnicos de relacións internacionais de 10 países

O PAS internacionaliza o seu ‘chip’ coa Staff Training Week

Durante tres días debaterán sobre a xestión de financiamento europeo e da mobilidade co Plan Boloña


ImageCrear unha cultura de intercambios e que o persoal administrativo da Universidade comece a pensar en clave internacional. Esas son dúas das prioridades que se queren acadar coa International Staff Training Week, organizada pola Oficina de Relacións Internacionais no marco do Centro de Excelencia Europeo Jean Monnet e que ata o vindeiro 27 de outubro reunirá a máis de 50 técnicos e responsables de relacións internacionais de 10 países europeos (República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Polonia, Grecia, Turquía, Portugal e Países Baixos). “A internacionalización é unha das nosas prioridades estratéxicas, polo que estas xornadas servirán para coñecernos mellor, reforzar o diálogo e fomentar a cooperación”, asegurou Manuel Fernández, vicerreitor de Relacións Internacionais.


Noemí Rey | Vigo
Crear unha cultura de intercambios e que o persoal administrativo da Universidade comece a pensar en clave internacional. Esas son dúas das prioridades que se queren acadar coa International Staff Training Week, organizada pola Oficina de Relacións Internacionais no marco do Centro de Excelencia Europeo Jean Monnet, que ata o vindeiro 27 de outubro reunirá a máis de 50 técnicos e responsables de relacións internacionais de 10 países (República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Polonia, Grecia, Turquía, Portugal e Países Baixos). “A internacionalización é unha das nosas prioridades estratéxicas, polo que estas xornadas servirán para coñecernos mellor, reforzar o diálogo cos nosos socios europeos e fomentar a cooperación e o intercambio de boas prácticas e experiencias que nos fagan mellorar”, asegurou Manuel Fernández, vicerreitor de Relacións Internacionais.

Con profesorado e alumnado xa cos ollos ben postos en Europa, agora é a quenda do Persoal de Administración e de Servizos. Este foro de debate pretende converterse nun revulsivo co que ir incrementando a mobilidade do PAS, para que coñeza o xeito de traballar noutros centros e estableza contactos. As estadías de traballo de 7 persoas en universidades de Europa a través dos programas Stella ou Erasmus saben a pouco: a Oficina de Relacións Internacionais quere que a cifra vaia crecendo entre un 10 e un 20 por cento cada ano.

Durante os tres días que duran as xornadas, os participantes percorrerán os campus de Vigo e Pontevedra como primeira toma de contacto cos seus homólogos, pero tamén colaborarán en obradoiros nos que analizar os diferentes instrumentos que hai para mellorar o financiamento das actividades, para xestionar mellor o despunte da mobilidade que acompaña ao Plan Boloña, tratar a nova Axenda 2020, compartir boas prácticas e experiencias e “para acometer proxectos xuntos”. “Estamos en tempos de crise e é importante buscar solucións imaxinativas para progresar”, recoñece Manuel Fernández.

Os socios do Centro de Excelencia Jean Monnet

A Staff Training Week será a primeira de moitas reunións deste tipo que xa veñen de vello en Europa, aínda que a Universidade de Vigo pretende levalos a outros ámbitos. “A idea é traspasalo a áreas como bibliotecas ou xestión da investigación para ir avanzando e que Vigo contribúa a esa rede de formación de persoal de administración a nivel europeo”, explicou o vicerreitor. O que teñen en común os participantes é que todos pertencen a universidades asociadas ao Centro de Excelencia Jean Monnet, un proxecto financiado pola Unión Europea que promove a construción de Europa.

A idea do centro Jean Monnet é agrupar a profesores con certo recoñecemento internacional e excelencia, unha elite cultural á que é difícil acceder e na que a Universidade de Vigo colabora de xeito activo, con profesores fundamentalmente relacionados coa área de Dereito e Economía. De feito, a universidade viguesa é unha das poucas cunha Cátedra Jean Monnet ‘ad personam’, que obtivo tras un complexo proceso de selección o profesor de Historia Contemporánea, Luis Domínguez.

Campus do Mar

Durante a benvida no Edificio Miralles, o vicerreitor de Relacións Internacionais aproveitou a oportunidade de estar diante destes 50 técnicos para agradecerlles o apoio que os distintos centros europeos brindaron ao proxecto do Campus do Mar, no que están implicadas as tres universidades galegas e catro do norte de Portugal. “Queremos que este Campus de Excelencia se converta nunha referencia en Europa en todo o relacionado co mar. Só desexamos que este proxecto que para nos é tan importante e ilusionante sirva para que pouco a pouco podamos traballar máis xuntos”, rematou.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós