DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 18 de novembro do 2010

Ata o venres, a arqueoloxía e o territorio centrarán o debate no campus de Ourense

As Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste botan a andar cun notable éxito de participación


Image Como mostra do rexurdir que na actualidade están a experimentar os estudos clásicos, como a xeografía e a historia, nacen as Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste, unha iniciativa coordinada polo profesor Fermín Pérez, que as define como “un evento case xornalístico por tratar de achegarse ao que se está cocendo para o futuro no eido da arqueoloxía”. Ao longo das xornadas, que se desenvolven ata este venres no Edificio de Ferro, novos investigadores achegarán ao alumnado os seus estudos sobre arqueoloxía e territorio en referencia co noroeste español. O éxito da convocatoria foi tal que se superaron amplamente as expectativas iniciais ao contar con máis de 25 investigadores e arredor de 40 participantes.

Romina Vázquez | Ourense
Como mostra do rexurdir que na actualidade están a experimentar os estudos clásicos, como a xeografía e a historia, nacen as Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste, unha iniciativa coordinada polo profesor Fermín Pérez, que as define como “un evento case xornalístico por tratar de achegarse ao que se está cocendo para o futuro no eido da arqueoloxía”.
Ao longo das xornadas, que se desenvolven ata este venres no Edificio de Ferro, novos investigadores, entendidos tanto como estudantes de doutoramento como licenciados que acaban de presentar a tese, achegarán ao alumnado os seus estudos sobre arqueoloxía e territorio en referencia co noroeste español. O éxito da convocatoria foi tal que se superaron amplamente as expectativas iniciais ao contar con máis de 25 investigadores e arredor de 40 persoas inscritas como participantes. Os poñentes proceden, ademais da Universidade, de centros académicos de Londres, Cork, Braga e Aix-en-Provence, a nivel internacional, e de Barcelona, Madrid, Zamora e Santiago, no ámbito estatal.

As conferencias previstas divídense en tres módulos diferenciados que tratarán temas como o proceso de construción da Gallaecia romana e a súa transformación para dar lugar á Gallaecia tardoantiga, o poboamento e a estruturación social do noroeste ao abeiro dos asentamentos tipo castro, e por último a protohistoria e historia antiga. A intención dos organizadores é que as xornadas se repitan con certa periocididade para poder ampliar as temáticas, que “poderán retroceder tanto á prehistoria como avanzar cara idades máis modernas”, apunta o coordinador.

O formato de mesa redonda permitirá que cada investigador presente os seus traballos para que, posteriormente, os asistentes, tanto profesionais como estudantes e público en xeral, poidan facer as recensións que estimen oportunas. Deste xeito, impleméntase unha “espazo ideal de contacto entre os novos investigadores e os veteranos que permitirá un intercambio de ideas e coñecementos máis fluido”, segundo palabras de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, que conduciu a presentación das xornadas.

A necesidade de cursos de especialización

A alta participación que rexistran as xornadas pon de manifesto a demanda de cursos de especialización que existe no campo da historia. Así o sinalou Milagros Cavada, decana da Facultade de Historia, durante a inauguración ao mesmo tempo que instou aos asistentes a que aproveitasen a ocasión para resolver todas as súas dúbidas.

A realidade é que a aprobación de novas leis, como a do patrimonio, fan que a demanda de profesionais especializados no eido da arqueoloxía sexa crecente, polo que tanto estudantes como profesionais reclaman formación específica. “Os coñecementos que se adquiren ao longo da licenciatura non son suficientes, polo que estas xornadas van resultar moi útiles para axudar ao alumnado a mellorar a súa preparación e ser máis competitivos”, apunta Pérez.

Este renovado interese fai que as saídas profesionais dos licenciados en historia se amplíen notablemente, pois lonxe da clásica opción da docencia, xurden novas vías, como son a arqueoloxía e a xestión cultural, tanto en institucións como empresas e grandes fundacións.

Novos formatos para a mellorar a difusión

Para conseguir que as comunicacións presentadas cheguen ao maior público posible, serán grabadas por Uvigo TV e publicadas en formato dixital na serie Anejos Herakleion, podendo ser descargadas e visionadas por todos os que teñan interese na temática tratada. Isto é algo que o coordinador valora moi positivamente ao consideralo unha enorme ventaxa, posto que “ata hai pouco tempo, se querías coñecer o contido dun congreso tiñas que agardar dous ou tres anos a que saísen as actas e, aínda así, non recollían toda a información”, explicou.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós