DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 14 de decembro do 2010

Méndez Ferrín, presidente da Academia Galega da Lingua:

“Galicia é o espazo de lingua románica que congrega un maior número de topónimos por metro cadrado”

Participou nas xornadas 'Como se chama ese sito?', organizadas pola ANL e o concello de Vigo


Image Galicia, coa súa poboación dispersa e en contacto permanente co medio natural, é, probablemente, o espazo de lingua románica que congrega un maior número de topónimos por metro cadrado. Con esta revelación comezou Xosé Lois Méndez Ferrín, presidente da Academia Galega da Lingua, o relatorio co que inaugurou as xornadas Como se chama ese sitio?, organizadas pola Área de Normalización Lingüística en colaboración co concello de Vigo. “Este encontro é froito dun traballo conxunto das dúas institucións a prol da normalización do galego, que segue sen ter un estutus xurídico equiparable ao do castelán”, sinalou Iolanda Veloso.

Romina Vázquez | Vigo
Galicia, coa súa poboación dispersa e en contacto permanente co medio natural, é, probablemente, o espazo de lingua románica que congrega un maior número de topónimos por metro cadrado. Con esta revelación comezou Xosé Lois Méndez Ferrín, presidente da Academia Galega da Lingua, o relatorio co que inaugurou as xornadas Como se chama ese sitio?, organizadas pola Área de Normalización Lingüística da Universidade en colaboración co concello de Vigo. “Este encontro é froito dun traballo conxunto das dúas institucións a prol da normalización do galego, que segue sen ter un estutus xurídico equiparable ao do castelán”, tal como sinalou a concelleira de Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, encargada de presentar as conferencias.

Partindo da consideración de que “vivimos nun país absolutamente toponímico”, o relator fixo un repaso pola historia da nosa comunidade dende o punto de vista dos topónimos, afirmando que “esta aglomeración non é caótica, senón que está sometida a unas normas resultantes da influencia dos distintos pobos e culturas que habitaron estas terras”. O que nos diferencia do resto de territorios é que ”nós non só lle poñemos nomes aos terreos e aos ríos, senón tamén ás pedras, ás augas e incluso ás árbores”, dixo.

A importancia da recuperación da toponimia propia da nosa comunidade reside no seu papel de nexo de unión entre a poboación e, polo tanto, de elemento destacado da identidade de Galicia.

A evolución da toponimia

Para explicar a evolución que teñen experimentado os nomes de lugar en Galicia e no norte de Portugal, Méndez Ferrín ideou o Complexo Toponímico Galego, CTG, con regras e ocorrencias diferenciais e centrípetas. Á hora de afondar na conformación diacrónica deste sistema hai que remontarse milenios atrás , posto que “hai cantidades inxentes de nomes prelatinos, usados na nosa comunidade antes da romanización”, explica Méndez Ferrín, que engade que “a metade deles son opacos e indescifrables, posto que proceden de linguas das que non temos noticia”. Isto fai que teñamos topónimos que, procedentes de poboacións galegas tan antigas, se descoñece o seu significado, como é o caso de Coia, Tui, Teis ou Baiona aos que o relator define como “ fósiles que empregamos todos os días na nosa conversa”.

Outro dos momentos decisivios para a creación do CTG foi a constitución de Galicia como provincia na época do imperio romano. “Lenta, segura e implacablemente fomos perdendo, en parte, a nosa consistencia colectiva para incorporar topónimos de base latina”, entre os que Méndez Ferrín destaca, sen dubidalo, o de Gallaecia, que arredor do 410 DC deu nome ao Reino de Galicia.

Finalmente, coa chegada á nosa comunidade dos suevos o CTG “queda máis ou menos rematado”, posto que fan unha colosal achega á toponimia a base de nomes de persoas que se converten en nomes de lugar. Entre eles destaca Marín, Romai, Samil, Guitiriz ou Allariz.

Para concluír o relatorio, Méndez Ferrín sinalou que a nova toponimia está relacionada coa política, xa que “as mudanzas están sometidas ás tensións históricas e á vontade das persoas”, pero en calquera caso o que “nunca debemos obviar é que os todos os nomes de lugares constitúen un tesouro patrimonial que precisa ser defendido por todos os medios, xa que resulta tan valiosos como o Pórtico da Gloria”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós