DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 15 de decembro do 2010

Na mesa redonda que a ETSE de Telecomunicación organiza con motivo do seu 25 aniversario

Expertos multidisciplinares debaterán en Vigo sobre o emprego das redes sociais e a Web 2.0 no ensino

O encontro celebrarase este xoves na sede da Fundación Caixa Galicia


Debater sobre aspectos e experiencias innovadoras no uso das novas tecnoloxías no proceso de aprendizaxe é o obxectivo da mesa redonda que baixo o título Redes sociais e educación 2.0 organiza a ETSE de Telecomunicación dentro dos actos conmemorativos do seu 25 aniversario. O encontro, que se celebrará este xoves na sede da Fundación Caixa Galicia, centrarase na análise da utilización que se está a facer da Web 2.0 tanto na educación universitaria como en primaria e secundaria, “xa que se trata dun sistema que a día de hoxe aínda está a dar os seus primeiros pasos”, tal como explica Carlos López Ardao, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática e moderador da mesa redonda.

Romina Vázquez | Vigo
Debater sobre aspectos e experiencias innovadoras no uso das novas tecnoloxías no proceso de aprendizaxe é o obxectivo da mesa redonda que baixo o título Redes sociais e educación 2.0 organiza a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dentro dos actos conmemorativos do seu 25 aniversario. O encontro, que se celebrará este xoves ás 20.00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia, centrarase na análise da utilización que se está a facer da Web 2.0 tanto na educación universitaria como en primaria e secundaria, “xa que se trata dun sistema que a día de hoxe aínda está a dar os seus primeiros pasos”, tal como explica Carlos López Ardao, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática e moderador da mesa redonda, que engade que “o noso propósito é concienciar aos docentes do enorme potencial destas ferramentas para desenvolver o seu labor”.

A chegada do Espazo Europeo de Educación Superior ten posto de manifesto a necesidade de incorporar as TIC ao proceso educativo na procura da innovación pedagóxica, potenciando o traballo en grupo e as relacións sociais, así como o desenvolvemento da aprendizaxe cooperativa. O ensino tradicional está moi baseado en coñecementos explícitos, pero “non debemos obviar que tamén existe unha cultura tácita, non recollida en libros nin tratados, que é difícil de compilar e de transmitir, polo que a finalidade da aprendizaxe social é ter acceso a todos estes datos dun xeito sinxelo e rápido”, conclúe López Ardao.

A utilidade das redes sociais non se limita ás relacións entre o docente e o alumno ou alumna, senón que tamén poden resultar moi útiles para a formación permanente do profesorado ao permitirlle compartir experiencias e resolver dúbidas dun xeito inmediato.

Relatores de todos os ámbitos

Para reunir distintos puntos de vista e experiencias complementarias, a mesa redonda contará, ademais de coa participación de López Ardao, cos profesores da Universidade de Vigo, Daniel Martí e José Vicente Novegil, que “xa están a empregar as redes sociais nas materias que imparten cun enorme éxito entre o alumnado”, segundo explica o moderador. En representación do ensino non universitario acudirá José María Aguilera, mestre de secundaria e asesor de Tecnoloxías da Información e da Comunicación no Centro de Formación e Recursos de A Coruña.

A mesa complétase coa presenza de José Luis Orihuela, profesor da Universidade de Navarra, e Tíscar Lara, vicedecana de Cultura Digital na Escola de Organización Industrial EOI, “dous persoeiros ilustres no tema que van achegar experiencias de alto valor”, segundo palabras do coordinador da mesa.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós