DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 12 de xaneiro do 2011

Os primeiros premios foron para o estudantado aínda que tamén participou o PAS e o profesorado

O outono na lagoa da Facultade de Filoloxía e Tradución gaña o certame de fotografía da OMA


Image O pasado mes de novembro a Oficina de Medio Ambiente (OMA) convocou un certame de fotografía baixo o lema 'Coñece o teu campus no outono' que xa ten gañadora: Laura Gómez. Esta estudante de Ciencias do Mar alzouse co primeiro premio cunha imaxe titulada 'Outono na Lagoa', mentres que o segundo posto foi para Pablo de Miguel, un estudante de Enxeñaría Industrial que presentou unha fotografía na que a Biblioteca Central e o Edificio Miralles se mesturan coa vexetación. A iniciativa tentaba achegar os valores naturais e paisaxísticos á comunidade universitaria e ao público en xeral cun reto interesante.

Anabel Vila | Vigo
O pasado mes de novembro a Oficina de Medio Ambiente (OMA) convocou un certame de fotografía baixo o lema Coñece o teu campus no outono que xa ten gañadora: Laura Gómez. Esta estudante de Ciencias do Mar alzouse co primeiro premio cunha imaxe titulada Outono na Lagoa, mentres que o segundo posto foi para Pablo de Miguel, un estudante de Enxeñaría Industrial que presentou unha fotografía na que a Biblioteca Central e o Edificio Miralles se mesturan coa vexetación. A iniciativa tentaba achegar os valores naturais e paisaxísticos á comunidade universitaria e ao público en xeral e pódese dicir que o conseguiu, tal e como asegura De Miguel quen recoñece que “ recorrendo o campus coñecín zonas polas que non estivera antes, camiños, sendeiros, vistas que me gustaron moito”.

O prazo de entrega de traballos estivo aberto ata o pasado día 22 de decembro, cando entregou as súas propostas Laura Gómez. “Gústame a fotografía e levo un par de anos dedicándolle algo máis de tempo, pero ao final a imaxe gañadora fíxena o último día”, recoñece esta estudante, quen cre que este tipo de iniciativas da OMA “son moi importantes, porque permiten dar a coñecer servizos e actividades que doutro xeito pasan desapercibidas”. É que para Gómez o problema non é a ausencia de conciencia ecolóxica dentro da Universidade “senón que ás veces o que falta é que non sabes onde tes que ir”. Por iso gaba estas accións. "Todo o que se faga neste eido está moi ben”, aseguran.

Tres xuíces para decidir o premiado

Un membro da OMA, un do Servizo de Xardinería e un PAS conformaron o xurado que escolleu as obras. Pablo de Miguel quedou en segundo lugar. Para a realización das tres fotografías que podía presentar cada candidato, De Miguel optou por subir ata o campus “un fin de semana antes de Nadal, cando menos xente hai”, explica. Este estudante de Enxeñaría Industrial asegura que tivo coñecemento do concurso “un pouco tarde, aínda así tiven tempo de coñecer zonas novas que doutro xeito non vería”.

As fotografías de Laura Gómez e Pablo de Miguel coparon os primeiros postos dun certame que segundo asegura Marta Pérez, da OMA, “foi todo un éxito”. Presentáronse tanto estudantes como profesores e membros do PAS, aínda que foron os primeiros os que se alzaron co triunfo. “Case todo os participantes optaron por presentar as tres fotos ás que tiñan dereito”, explica Pérez, quen destaca, ademais, que “a maior parte dos traballos procedían do campus de Vigo”. Agora todas as obras están a disposición da comunidade universitaria, nunha galería creada na páxina da OMA.

Concienciación co Medio Ambiente

Tanto a primeira como o segundo clasificado recoñecen que a concienciación da comunidade universitaria coa defensa do Medio Ambiente “depende das persoas, pero en xeral si se preocupan”, asegura De Miguel. No que ambos coinciden é en que “falta un pouquiño máis de promoción” .
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós