DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 10 de febreiro do 2011

Inauguración da exposición 'Nunca tal vira' abandeirada por Lucía García e Hugo Aldatz

Porque as cousas non son o que parecen

Inclúese dentro do programa de actividades da duodécima edición do Salón do Libro de Pontevedra


Image As aparencias enganan. Este dito popular foi o que quixeron representar Lucía García e Hugo Aldatz, alumnos da Facultade de Belas Artes, coa exposición Nunca tal vira, incluída dentro do programa de actividades da duodécima edición do Salón do Libro de Pontevedra, e que ten como principal tema a mentira. Baixo o nome colectivo de The Green Family, os dous artistas queren dar a súa visión particular de “elementos que viven na nosa cabeza e de que dalgunha forma non se poden levar a cabo polo que caen na falsidade”, aclaran. A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 19 de marzo na sala de exposicións de Sargadelos.

Bea Feijoo | Pontevedra
As aparencias enganan. Este dito popular foi o que quixeron representar Lucía García e Hugo Aldatz, alumnos da Facultade de Belas Artes, coa exposición Nunca tal vira, incluída dentro do programa de actividades da duodécima edición do Salón do Libro de Pontevedra, no que xa colaboraron en anos anteriores cos decorados. Baixo o nome colectivo de The Green Family, os dous artistas afondan no concepto de mentira e dan a súa visión particular de “elementos que viven na nosa cabeza e de que, de algunha forma, non se poden levar a cabo polo que caen na falsidade”, aclaran.

Nunca tal vira é unha expresión que se atopa moi relacionada coa temática xeral da mentira, querendo expresar ese estado de novidade no espectador, unha sensación de “non ter visto iso antes porque son cousas que están na nosa cabeza e os demais nunca puideron ver ou vivir”, aclara Lucía García. Trátase dunha mostra que definiron como “bidimensional e multidisciplinar” na que cada un achega as súas propostas individuais ademais de obras realizadas en común. Ningunha das pezas ten título coa intención de que “todas as obras fosen unha soa”, subliñan. Sempre tiveron claro que a exposición debía ser “toda unha, sen diferenciacións, como un pequeno microcosmos no que nada é o que parece e creado por nós”. Isto foi posible grazas á liberdade de creación que a comisaria e docente Ana Seoane lles outorgou aos artistas, “unicamente debían respectar a temática xeral”, aclara.

Fotografías que xogan coa perspectiva

Lucía García mostra na exposición dúas series de fotografías que teñen como obxecto principal enganar a mirada do espectador mediante a creación de ilusións ópticas a través do cambio de perspectiva. Así cuncas de café que “beben da rúa” ou rapaces deitados no chan que parecen que patinan. “Están tomadas desde unha terraza e, cunha panorámica cenital, dá a sensación de que está a suceder de fronte”, explica a súa creadora. Así mesmo esta nova forma de concibir a realidade xurde “de planificar o que quero fotografiar en vez de retratar simplemente o que vexo”, engade.

A presenza da natureza

Na liña do engano, Hugo Aldatz traballa a idea do xogo como modo de vivir, porque considera “que a vida xa é bastante desgraciada polo que hai que aproveitala e pasalo o mellor que poidas”. Recorre á esencia da natureza “que tamén queda pouca” botando man das fantasías que ten persoalmente, caendo “de novo na mentira porque non se poden facer”, apunta o artista. Así emprega materiais aproveitados de troncos serrados da cidade pontevedresa para crear unha paisaxe e un patín.

Así mesmo bota man da técnica do collage para crear unha cidade imaxinaria a partir “de fotos persoais de diferentes viaxes mesturadas con recortes de revistas para evocar unha metróple fantasma, falsa, imaxinaria”. Pero conxuntamente tamén idearon un site specific, unha peza única que xoga co último momento. “Aproveitamos os buratos da parede de exposicións anteriores que forman unha especie de constelación que iluminan a un paxariño que está mirando as estrelas”, en palabras dos artistas. Nunca tal vira estará aberta ao público ata o vindeiro 19 de marzo na sala de exposicións de Sargadelos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós