DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 11 de abril do 2011

A rede RIARTAS estuda o uso de residuos industriais para mitigar a problemática ambiental

Serrín, cortiza e cáscaras de ovo poden absorber a contaminación de augas e solos

16 grupos danse cita estes días en Vigo para poñer en común as súas investigacións


ImageO uso dos residuos industriais para o tratamento de augas e solos contaminados, non só contribúe a diminuír o impacto ambiental, senón que achega un valor engadido a uns materiais de desfeito que, doutro xeito se converterían tamén en desperdicios incluso potencialmente contaminantes. Para avanzar neste eido e establecer un sistema coordinado de investigación entre os grupos de España, Portugal e os países latinoamericanos, naceu a finais do pasado ano a Red Iberoamericana de Aprovechamiento de Residuos Industriales para el Tratamiento de Suelos y Aguas Contaminadas, RIARTAS.

M. Del Río | Vigo
O uso dos residuos industriais para o tratamento de augas e solos contaminados, non só contribúe a diminuír o impacto ambiental, senón que achega un valor engadido a uns materiais de desfeito que, doutro xeito se converterían tamén en desperdicios incluso potencialmente contaminantes.

Para avanzar neste eido e establecer un sistema coordinado de investigación entre os grupos de España, Portugal e os países latinoamericanos, naceu a finais do pasado ano a Red Iberoamericana de Aprovechamiento de Residuos Industriales para el Tratamiento de Suelos y Aguas Contaminadas. A súa primeira xuntanza celébrase estes días en Vigo e reúne a representantes dos 16 grupos que conforman RIARTAS, 14 procedentes de universidades e centros de investigación e 2 de empresas, de Chile, Colombia, Brasil, Arxentina, Costa Rica, España e Portugal. Danse cita así algún dos maiores expertos internacionais sobre técnicas de inmobilización e concentración de contaminantes nunha posta en común que, como explica o coordinador da reunión, o profesor do Departamento de Enxeñaría Química, Claudio Cameselle, “debe servir para buscar sinerxías e sumar esforzos para desenvolver novas técnicas e tecnoloxías para a xestión ambiental”.

Desperdicios moi útiles

O uso de residuos industriais para absorber contaminación de solo e augas require dun exhaustivo estudo previo pero tamén a posteriori, buscando as mellores alternativas, a súa efectividade en cada terreo e a súa eliminación unha vez usados. Os estudos destes grupos apunta dúas alternativas innovadoras, o serrín e a cáscara de ovo como absorventes entre outras técnicas sobre as que traballan como a remediación electrocinética, o tratamento electroquímico ou o uso do cortiza.

Como explica o profesor Cameselle “a nosa proposta é desenvolver unha metodoloxía de tratamento ambiental para remediar augas e solos contaminados con compostos inorgánicos como metais pesados ou orgánicos como microtoxinas e fármacos, empregando materiais absorbentes modificados elaborados con serrín e cáscara de ovo”. Trátase así de empregar os propios residuos da industria para solucionar problemas ambientais, de “inmobilizar ou concentrar contaminantes mediante o uso destes materiais que poden proceder de diversas industrias como a agroalimentaria ou a forestal”.

A idea é que o traballo desenvolvido por esta rede iberoamericana permita xerar unha metodoloxía que podida ser estendida tanto a outros residuos industriais como a outros contaminantes, xa que estes residuos teñen “un prezo reducido ou mesmo son de balde”, o que representa unha vantaxe importante para o seu uso contra a contaminación.

Tres días de relatorios

O propio profesor Cameselle foi o encargado de abrir o ciclo de relatorio paralelo á xuntanza que se celebrará na EE Industrial ata o mércores financiado por CYTED, programa iberoamericano de ciencia e tecnoloxía para o desenvolvemento. No seu relatorio explicou as dificultades do proceso de identificación dos solos contaminados e tamén da fraxilidade do terreo e, por conseguinte, das augas. O Plan de Descontaminación de Suelos 1995-2005 falaba de 4532 sitios potencialmente contaminados en España, un cifra que pronto se quedou curta, xa que a Xunta de Galicia buscaba posteriormente 7000 sitios con actividades potencialmente contaminantes. Ante esta situación, con industria e modos de vida actuais tan perigoso para o medio ambiente resulta imprescindible traballar na contención, delimitación e limpeza deses terreos e, sobre todo, facelo dun xeito coordinado de modo que cada grupo poida coñecer en que traballan os demais avanzando cara un tratamento sostible e respectuoso da contorna natural.

As xuntanzas internas da rede celébranse polas tardes mentres que as mañás dedícanse a relatorios dos membros da rede, que poden así explicar tanto aos seus compañeiros como á comunidade universitaria en xeral os avances neste campo. Entre outros temas trátanse a remediación electrocinética, a eliminación de herbicidas ou de residuos mineiros, a cortiza como absorbente natural para o tratamento das augas ou o tratamento electroquímico de efluentes de fundicións de cobre.

 

 

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós