DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 15 de xuño do 2011

O profesor Luis Navarro acaba de coroar o teito de África

De Vigo á cima do Kilimanjaro divulgando o coñecemento científico

Atópase nun congreso en Tanzania sobre a adaptación ao cambio climático no mundo tropical


ImageA cima de África, o monte Kilimanjaro, é unha das zonas do mundo nas que cambio climático se fai máis evidente. Nos últimos 20 anos perdeu boa parte dos glaciares que o coroaban evidenciando o deterioro que está a sufrir “este impresionante ecosistema”, tal e como o define o profesor Luis Navarro, tras baixar da súa cima. O investigador responsable do proxecto Divulgare atópase aínda en Tanzania realizando un traballo de investigación sobre as interaccións mutualistas entre plantas e animais e asiste ao Congreso Internacional da Asociación para a Bioloxía Tropical e Conservación, no que se afonda sobre a adaptación dos ecosistemas tropicais ao cambio climático. De aí á cima do Kilimanjaro tan só o separaron 5895 metros e sete días de esforzo.

M. Del Río | Vigo
A cima de África, o monte Kilimanjaro, é unha das zonas do mundo nas que cambio climático se fai máis evidente. Nos últimos 20 anos perdeu boa parte dos glaciares que o coroaban evidenciando o deterioro que está a sufrir “este impresionante ecosistema”, tal e como o define o profesor Luis Navarro, tras baixar da súa cima. O investigador responsable do proxecto Divulgare atópase aínda en Tanzania realizando un traballo de investigación sobre as interaccións mutualistas entre plantas e animais e asiste ao Congreso Internacional da Asociación para a Bioloxía Tropical e Conservación, no que se afonda sobre a adaptación dos ecosistemas tropicais ao cambio climático. De aí á cima do Kilimanjaro tan só o separaron 5895 metros e sete días de esforzo.

Como explica o profesor do Departamento de Bioloxía Vexetal, “aproveitando a estancia en Tanzania xurdiu como un reto subir ao teito de África”. Este monte é nestes momentos unha das áreas más afectadas polo cambio climático, polo que a idea da viaxe, “ademais dun pequeno reto persoal, era poder tomar evidencias deste deterioro que está a sufrir este ecosistema e intentar transmitir o problema á sociedade”, apunta Navarro. Este espírito divulgador foi o motor que puxo en marcha o proxecto Divulgare, un equipo de traballo xurdido no seo do Grupo de Ecoloxía e Evolución das Plantas, co fin de achegar os contidos científicos ao público en xeral, creando materiais entendibles e accesibles, pero tamén atractivos para todo tipo de persoas e colectivos. Por iso, nos vindeiros meses co material e a información recollida en África “trataremos de preparar algún material divulgativo para explicar dun xeito gráfico á sociedade algúns dos problemas e evidencias que xa temos enfronte, relacionados co cambio climático”.

Sete días de dura ascensión

Tras sete días de dura ascensión, o esforzo pagou a pena. O teito de África baixo os pés e un horizonte infinito a vista de paxaro, a 5895 metros de altura. Navarro relata a subida destacando que foi “algo máis dura do que agardábamos e os dous últimos días foron realmente esgotadores”. O principal problema foi a falta de oxíxeno, sobre todo a partir dos 3500 metros e, “aínda que non sufrimos ningún percance, agora entendemos un pouco mellor os accidentes de montaña que se producen despois de coroar as cimas”.

No último día de subida, foron 1200 metros de desnivel ata o cumio pero outros 2800 de baixada na mesma xornada, “para evitar problemas relacionados coa falta de oxíxeno e o descenso deixounos exhaustos, pero o logro mereceu a pena e agardamos que poida servir para mentalizar a algunhas persoas máis do problema que xa temos patente ante os nosos ollos: o cambio climático”.

Á volta da viaxe, comezará o traballo co material colectado para ir dándolle forme e preparar algún documento divulgativo que veña a continuar coa exitosa e premiada traxectoria de Divulgare, que xa obtivo o premio do público que outorga a revista The Scientist por un vídeo sobre os lagartos nos ecosistemas insulares e un galardón na Bienal Internacional de Cine Científico. Neste 2011 presentaron xa dúas novas pezas audiovisuais, unha sobre as estratexias adaptativas a través da bioluminiscencia da algas Noctiluca scintillans e outra sobre o perigo de animais invasores como o visón americano.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós