DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 04 de xullo do 2011

Comeza o campamento organizado ao abeiro do Campus do Mar

A vocación científica tamén é para o verán

A maioría do alumnado participante procede de Andalucía e Comunidade Valenciana


ImageSon algúns dos mellores expedientes de Secundaria e Bacharelato e, quen sabe, pode que os investigadores do futuro. Este luns 30 rapaces, a maioría procedentes de Andalucía (30%) e Comunidade Valenciana (20%), tomaron o campus de Vigo na primeira xornada dun campamento científico organizado ao abeiro do Campus do Mar no que os estudantes sorprenderon a docentes e investigadores por como se desenvolven nun laboratorio. “Pensei que ían chegar máis verdes, pero están a levar a cabo sen problemas técnicas reais”, explica Paloma Morán, encargada de dirixir unha das primeiras prácticas. Divididos en catro grupos, os participantes percorreron as praias e os laboratorios da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, da EE de Telecomunicación e do Edificio de Ciencias Experimentais.

Noemí Rey | Vigo
Son algúns dos mellores expedientes de Educación Secundaria e Bacharelato e, quen sabe, pode que os investigadores do futuro. Este luns 30 rapaces, a maioría procedentes de Andalucía (30%), Comunidade Valenciana (20%) e Castela e León (13,3%), tomaron o campus de Vigo na primeira xornada dun campamento científico organizado ao abeiro do Campus do Mar no que os estudantes sorprenderon a docentes e investigadores por como se desenvolven cando están diante dunha pipeta ou dun problema tecnolóxico. “Pensei que ían chegar máis verdes, pero están a levar a cabo sen problemas técnicas reais dun laboratorio”, explica Paloma Morán, a investigadora encargada de dirixir unha das primeiras prácticas da mañá. Divididos en catro grupos, os participantes percorreron as praias e os laboratorios da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, da EE de Telecomunicación e do Edificio de Ciencias Experimentais, onde oito deles probaron por primeira vez a pescudar a través de técnicas xenéticas se o que tiñan entre mans era troita ou salmón.

Un programa educativo pensado para axudar a espertar a vocación científica entre os 60 mozos e mozas de 15 e 16 anos que gozarán deste campamento en dúas quendas durante un mes de xullo cheo de conferencias, encontros cos investigadores ou actividades de ocio, sempre vencelladas ao mar. Durante dúas semanas, polas mañás os estudantes participarán en catro programas científicos que os porá en contacto directo cos grupos de investigación das áreas de oceanografía, bioloxía, bioloxía molecular e TIC e enxeñaría, mentres que polas tardes terán tempo de lecer e conferencias temáticas sobre xeoloxía, economía mariña, bioxeoquímica ou pesca. “Son un grupo moi motivado de alumnos que pasaron un proceso de selección complexo. Non están aquí por casualidade ou obrigados, polo que están atentos, con gañas de traballar e aprender… e iso nótase moito, sobre todo comparando co promedio que temos habitualmente nas aulas”, relata Juan Hermida, un dos seis profesores de secundaria que farán durante todo o mes de “enlace” e apoio do alumnado.

Por un mundo mellor

Pero, ademais de aprender e collerlle o gusto á investigación, os participantes neste campamento científico teñen outra misión: axudar a mellorar o mundo sendo nun futuro non só bos profesionais, senón esforzándose por cambiar “o modelo e o modo de vida ao que estamos acostumados” para poder vivir nunha sociedade máis sostible. Nada mellor que facelo empapándose da nova visión do mundo que teñen todas as universidades que participan no Campus do Mar coñecendo de primeira man “as formas de abordar o coñecemento científico e os problemas que xorden do mar coa intención de que poidan gozar del as xeracións vindeiras”, recordou o reitor Salustiano Mato ao dar a benvida aos estudantes. “Agora estamos nun momento de crise, moi preto do colapso, e se non tomamos conciencia diso non poderemos seguir vivindo neste planeta. Poderiamos chegar á extinción, porque os humanos somos o meteorito que acabou cos dinosaurios e isto non é como nos videoxogos, non hai outro planeta que colonizar”, subliñou.

Un intenso programa de actividades que servirá ao rapaces e rapazas para mergullarse no que é o Campus do Mar e a súa relevancia nunha Galicia moi ligada ao mar historicamente, con 1500 quilómetros de costa xunto co norte de Portugal que a converten na maior rede de investigación mariña de España e das máis grandes de Europa. Nese contexto a concienciación para a conservación é fundamental: o 25% dos gases de efecto invernadoiro emitidos cada ano rematan no mar, “2000 millóns de toneladas de CO2 que fixo aumentar a temperatura da auga en Galicia 0,1 graos centígrados cada década nos últimos 45 anos”, recordoulles Emilio Fernández, director do Campus do Mar, nun achegamento sobre o que se van a atopar estes días.

Programación das actividades de todo o mes de xullo (440.74 Kb)
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós