DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 11 de xullo do 2011

A intervención pódese visitar en excursións organizadas os martes e xoves

Armea descubre os seus segredos en vivo e en diferido

Na canle de Youtube do Laboratorio de Arqueoloxía iranse publicando vídeos do proxecto arqueolóxico


ImageDesde principios de xullo os arqueólogos da Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo traballan nas estruturas rupestres do Monte do Señoriño en Armea-Santa Mariña de Augas Santas no marco do proxecto de posta en valor deste complexo arqueolóxico, historico-artístico e natural. Debido ao interese suscitado por esta descuberta e ao afán divulgador do laboratorio, o traballo de campo desta investigación vén acompañado por unha ampla actividade divulgadora co obxectivo de contribuír ao coñecemento e ao respecto destas estruturas en particular e do traballo dos arqueólogos en xeral.

Rosa Tedín | Ourense
Desde principios de xullo os arqueólogos da Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo traballan nas estruturas rupestres do Monte do Señoriño en Armea-Santa Mariña de Augas Santas no marco do proxecto de posta en valor deste complexo arqueolóxico, historico-artístico e natural. Debido ao interese suscitado por esta descuberta e ao afán divulgador do laboratorio, o traballo de campo desta investigación vén acompañado por unha ampla actividade divulgadora co obxectivo de contribuír ao coñecemento e ao respecto destas estruturas e do traballo dos arqueólogos en xeral.

O proxecto de Armea está liderado polo Laboratorio de Arqueoloxía-Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo e conta coa participación do Concello de Allariz e dos arqueólogos David Pérez e Celso Barba, ademais de ter o patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense. Na súa presentación Adolfo Fernández, director da intervención, explicou a pretensión do seu equipo de que “queremos que sexa unha intervención o máis aberta posible, que os veciños e os interesados poidan coñecer in situ o traballo que facemos os arqueólogos”.

Con este obxectivo organízanse os martes, ás 11.00 h, e o xoves, ás 17.00 h, visitas guiadas ás escavacións que están canalizadas a través dos servizos de Turismo do Concello de Allariz. O seu obxectivo é que as persoas interesadas poidan coñecer da man dos propios arqueólogos que traballan alí o valor deste xacemento. “Alén das características da estrutura de Monte Señoriño, a visita tamén permite que a xente ver en persoa en que consiste o traballo dun arqueólogo”, salienta Fernández.

Para aqueles que non poidan achegarse ata Allariz a realizar esta visita ou para aqueles que unha vez feita queiran seguir ao tanto da evolución do proxecto, o Laboratorio de Arqueoloxía vén de poñer en marcha a súa propia canle de vídeo en Youtube. Nela, e na medida das súas posibilidades, irán publicando pezas audiovisuais gravadas polos propios arqueólogos nas que dan conta de diferentes actividades que están levando a cabo. O primeiro vídeo xa está dispoñible e nel pódese ver a Adolfo Fernández explicándolle a Manuel Losada, descubridor da estrutura do Monte Señoriño, as liñas xerais do proxecto de Armea.

Vídeo e redes sociais

Ademais desta presentación a Manuel Losada e como parte da actividade de divulgación do proxecto, os arqueólogos tamén explicaron a intervención que están a realizar na zona o aos veciños de Santa Mariña de Augas Santas, nun encontro celebrado no local social da vila o día 7 de xullo. Con esta reunión, os responsables do proxecto quixeron facer partícipes del aos veciños, por considerar que o seu papel é fundamental, xa que foi un veciño o que descubriu a estrutura e son os veciños os que permiten as escavacións nos terreos, os que xogarán un papel moi importante na súa conservación e os que se ven afectados pola existencia desta estrutura de valor arqueolóxico na súa localidade.

Para os seguidores das redes sociais, o laboratorio tamén informa periodicamente das novidades, avances e estado do proxecto de Armea e doutras iniciativas de arqueoloxía nas súas canles en Twitter, Facebook e no seu blog.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós