DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 17 de outubro do 2011

Premios Nacionales a la Excelencia en el Rendimiento Académico Universitario 2008-2009

Na Universidade de Vigo a excelencia académica ten nome de muller

Segundo posto para Ana Sánchez e Sheila Pazos e terceiro para Belén Gómez; dous rapaces, mencións especiais


ImageTeñen algúns dos expedientes máis brillantes de España e iso nunca cae en saco roto. O Ministerio de Educación distinguiu a cinco estudantes da Universidade de Vigo dentro de diferentes categorías nos Premios Nacionales a la Excelencia en el Rendimiento Académico Universitario, concedidos ao alumnado con mellores notas que remataran os seus estudos superiores no curso 2008-2009. As mulleres son as claras protagonistas destes galardóns na universidade viguesa, xa que acadaron dous segundos premios dotados con 2650 euros cada un e un terceiro con 2200 euros; mentres, outros dous estudantes foron galardoados con dúas mencións especiais sen asignación económica. "É o recoñecemento a tantas horas investidas", asegura Sheila Pazos, unha das galardoadas.

Noemí Rey | Vigo
Teñen algúns dos expedientes máis brillantes de España e iso nunca cae en saco roto. O Ministerio de Educación distinguiu a cinco estudantes da Universidade de Vigo dentro de diferentes categorías nos Premios Nacionales a la Excelencia en el Rendimiento Académico Universitario, concedidos ao alumnado con mellores notas que remataran os seus estudos superiores no curso 2008-2009. As mulleres son as claras protagonistas destes galardóns na universidade viguesa, xa que acadaron dous segundos premios dotados con 2650 euros cada un e un terceiro con 2200 euros; mentres, outros dous alumnos foron galardoados con dúas mencións especiais sen asignación económica e con efectos exclusivamente académicos.

O campus de Pontevedra, o rei

Dos 7500 euros que estes galardóns deixaron na Universidade de Vigo, o 70% foron a parar ao campus de Pontevedra, xa que alí é onde cursaron os seus estudos as dúas alumnas que conseguiron o segundo premio. “É o recoñecemento a tantas horas investidas, aínda que máis que supoñer un esforzo foi dar o mellor de min mesma “, asegura Sheila Pazos, ex alumna de Belas Artes e a que mellor puntuación acadou entre todos os premiados vigueses: un 9,24 de nota media, dous puntos por riba da súa promoción e con 1,10 puntos extra polos seus méritos, como as tres exposicións que ten abertas nestes intres máis a que inaugurará en xaneiro en Madrid. “A miña produtividade artística é importante para a idade que teño e non a vou deixar, pero debo seguir abrindo portas, porque ter un expediente brillante non significa que che vaian chamar dunha empresa para facerche una oferta”, subliña a recentemente matriculada en Esdemga.

O outro segundo premio foi a parar a Ana Sánchez, enxeñeira técnica forestal cun expediente académico de 8,44 e que recomenda “botarlle tempo, pórlle interese, ir a clase para ir tendo nocións e non deixar todo para o final, aínda que o día a día é complicado”. O terceiro premio acadado pola Universidade viguesa foi para Belén Gómez, antiga estudante de Enxeñaría Técnica Agrícola no campus de Ourense cunha media na carreira de 8,40. “Para min supón un orgullo, porque ás veces parece que non che recompensan todo o esforzo que fas. É cuestión de vontade e de ter conciencia de que no día hai tempo para todo, para divertirse ou relaxarse e para cumprir coas túas obrigas”, explica esta investigadora que está a preparar a tese de doutoramento e para quen o galardón supuxo “máis oportunidades á hora de pedir bolsas e de que te teñan en conta academicamente”.

Ademais destes tres galardóns, o Ministerio de Educación decidiu conceder dous mencións especiais a outros dous estudantes vigueses: por un lado, a Fernando Aneiros, licenciado en Ciencias do Mar cun 8,36 de nota media nos seus estudos superiores; por outro, a Mario Maruenda, enxeñeiro de Telecomunicacións cun expediente de 8,53.

Máis de medio millón de euros en premios

Co obxectivo de incentivar e recoñecer o rendemento académico e a cultura do mérito e a excelencia, os antigos Premios Nacionales de Fin de Carrera repartiron nesta edición 514.000 euros entre os alumnos de toda España que cursaran con máis brillantez os seus estudos universitarios: en total se concederon 66 primeiros premios, 63 segundos, 59 terceiros e 101 mencións especiais que leva aparellado tan só un diploma acreditativo. Os galardóns, concedidos ao estudantado que rematou os seus estudos superiores no curso 2008-2009, fállase sempre con varios anos de diferenza porque se conceden sempre despois dos que dependen das distintas comunidades autónomas.

Os interesados poden presentar a súa candidatura vía telemática na web do Ministerio de Educación incluíndo un breve currículo e a documentación. O xurado, composto por distintos membros da comunidade universitaria, ten en conta os méritos de cada aspirante e a nota media do seu expediente académico comparándoa coa da promoción do estudante e tendo en conta distintas táboas de equivalencia se parte da carreira se cursou nun centro estranxeiro.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós