DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 07 de outubro do 2011

Representantes de 12 países darase cita nun workshop organizado pola FAO do 11 ao 13 deste mes

Investigadores, administracións e empresas buscarán en Vigo mellorar os métodos de identificacións dos peixes

Co obxectivo de certificar que o consumidor recibe a especie que merca


Para asegurarlle ao consumidor a orixe e etiquetado correcto dos peixes que mercan precísase contar cun proceso de identificación sinxelo e eficaz. Na actualidade existen varios, con cadansúas vantaxes e inconvenientes, entre eles o sistema IPez, deseñado polo profesor, Cástor Guisande, representante da Universidade de Vigo na FAO, Organización da Nacións Unidas para a Agricultura e Alimentación. Para avaliar e analizar estes diversos sistemas reúnense a próxima semana en Vigo representantes de 12 países nun workshop organizado pola FAO baixo o título Fish identification tools for biodiversity and fishery assessments.

Duvi | Vigo
Para asegurarlle ao consumidor a orixe e etiquetado correcto dos peixes que mercan precísase contar cun proceso de identificación sinxelo e eficaz. Na actualidade existen varios, con cadansúas vantaxes e inconvenientes, entre eles o sistema IPez, deseñado polo profesor, Cástor Guisande, representante da Universidade de Vigo na FAO, Organización da Nacións Unidas para a Agricultura e Alimentación.

Para avaliar e analizar estes diversos sistemas reúnense a próxima semana en Vigo representantes de 12 países nun workshop organizado pola FAO baixo o título Fish identification tools for biodiversity and fishery assessments. O obxectivo é comparar os métodos e, segundo explica Guisande, “propoñer un novo que probablemente sexa a combinación de algúns dos xa existentes”.

A reunión desenvolverase dende o martes ata o xoves e contará coa presenza de científicos, responsables do sector pesqueiro na administración, responsables políticos de xestión pesqueira e do sector empresarial. Deste workshop sairá un informe do que a Universidade de Vigo será partner e que terá ampla difusión en todo o mundo “ e servirá de guía á hora de poder seleccionar o método máis adecuado de identificación segundo as circunstancias”, explica Cástor Guisande.

A primeira xornada terá varios bloques centrados en taxonomía, xenética e recoñecemento de imaxes e morfometría, este último coordinado polo propio creador do IPez. Na segunda e terceira xornada os asistentes dedicaranse á elaboración do informe final, que a FAO distribuirá, aínda que sen carácter vinculante, entre institucións, organismos, administracións e empresas “para que o empreguen como guía de referencia”. Segundo explica Cástor Guisande na orixe desta iniciativa está o firme compromiso de que o consumidor adquira a especie de peixe que en teoría se lle está vendendo, que se corresponda efectivamente co etiquetado. “Salvo as especies máis comerciais e coñecidas, identificar outras especies require de moita experiencia” e un método que se adapte ás diferentes circunstancias.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós