DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 24 de outubro do 2011

A institución obtivo a distinción do Ministerio de Educación para 13 programas propios e 7 interuniversitarios

A Universidade de Vigo, décimo primeira en España na excelencia dos seus doutoramentos

É a mellor posicionada das galegas e confirma a calidade da súa oferta de posgrao


ImageO Ministerio de Educación vén de recoñecer a calidade, proxección e competitividade dos programas de doutoramento da Universidade de Vigo outorgándolle a Mención cara a Excelencia a 20 de eles. Isto sitúa á institución viguesa no décimo primeiro posto a nivel estatal e á cabeza do Sistema Universitario de Galicia.
Esta distinción vén a substituír á antiga Mención de Calidade pero continúa poñendo en valor a solvencia científico-técnica e formadora dos programas de doutoramento das universidades españolas, así como dos grupos de investigación ou departamentos que se ocupan da formación de doutores. Nesta convocatoria 2011-2012 o Ministerio distinguiu con estas mencións 13 programas propios da Universidade de Vigo e outros 7 interuniversitarios nos que participa.

M. Del Río | Vigo
O Ministerio de Educación vén de recoñecer a calidade, proxección e competitividade dos programas de doutoramento da Universidade de Vigo outorgándolle a Mención cara a Excelencia a 20 de eles. Isto sitúa á institución viguesa no décimo primeiro posto a nivel estatal e á cabeza do Sistema Universitario de Galicia.

Esta distinción vén a substituír á antiga Mención de Calidade pero continúa poñendo en valor a solvencia científico-técnica e formadora dos programas de doutoramento das universidades españolas, así como dos grupos de investigación ou departamentos que se ocupan da formación de doutores. Nesta convocatoria 2011-2012 o Ministerio distinguiu con estas mencións 13 programas propios da Universidade de Vigo e outros 7 interuniversitarios nos que participa. Cun total de 20 doutoramentos, Vigo sitúase no posto 11 da táboa, dominada pola Universidade do País Vasco con 32 programas distinguidos e seguida da Universidade de Barcelona con 31.

Para a vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estévez, “este é un moi bo resultado e supón un selo de calidade; a valoración é moi positiva tanto no resultado a nivel español como a nivel galego”, sendo a Universidade de Vigo a primeira clasificada da comunidade, seguida un posto por detrás por Santiago de Compostela, con 16 doutoramentos con esta mención, 15 propios e 1 interuniversitario. Con todo, Estévez subliña que Vigo participa en 5 destes doutoramentos de Santiago, o que pon de manifesto o gran potencial das universidades galegas. Pola súa banda, A Coruña ocupa o posto 18 con 11 programas distinguidos, cinco deles propios e seis interuniversitarios.

Programas propios

As Mencións cara a Excelencia que lle foron outorgadas á Universidade de Vigo recoñecen a calidade dos seguintes programas propios: Enxeñaría Química; Teoría do Sinal y Comunicacións; Tecnoloxía Medioambiental; Ordenación Xurídica do Mercado; Sistemas Software Intelixentes e Adaptables; Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida; Ciencia e Tecnoloxía de Coloides e Interfases; Investigación en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria; Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria; Ecosistemas Terrestres, Uso Sostible e Implicacións Ambientais; Física Aplicada; Administración Integrada de Empresas: Responsabilidade Social Corporativa, Calidade e Medio Ambiente e Enxeñaría Telemática.

A estes hai que engadir os programas de doutoramento interuniversitarios nos que participa Vigo xunto con outras institucións e que tamén recibiron este recoñecemento do Ministerio de Educación: Química Teórica e Modelización Computacional; Ciencia e Tecnoloxía Química; Estatística e Investigación Operativa; Acuicultura; Endocrinoloxía; Métodos matemáticos e simulación numérica en enxeñaría e ciencias aplicadas e Enxeñaría Térmica.

Dos programas propios, dez pertencen ao campus de Vigo, principalmente ao eido científico e tecnolóxico, a excepción do programa de Administración Integrada de Empresas, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e do de Ordenación Xurídica do Mercado, da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Os outros tres programas impártense no campus de Ourense, dous na Facultade de Ciencias e un na ESE Informática.

Un referente internacional

Segundo explica a vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións esta convocatoria do Ministerio consta de dúas fases. Á primeira delas presentáronse 23 programas de doutoramento para seren avaliados pola ANECA e acadar o pase á segunda fase. De estes, conseguiron o informe favorable 18 e, posteriormente na seguinte fase, 13 foron distinguidos coa Mención cara a Excelencia. Os programas de doutoramento desta convocatoria de excelencia constituirán, segundo o Ministerio de Educación, “un referente internacional polo seu rendemento e resultados”. Isto favorecerá a mobilidade de profesores, doutores e estudantes europeos e de outras partes do mundo, coincidindo así coa estratexia de internacionalización da Universidade de Vigo.

Entre os criterios de valoración empregados pola comisión para avaliar os candidatos, destacan o historial investigador dos profesores e investigadores; o rendemento en teses do programa de doutoramento; o rendemento científico das teses; a mobilidade de estudantes; a adecuación e accesibilidade da normativa do programa ou a intensidade da colaboración con outras universidades e entidades para o desenvolvemento do programa. A maioría destes criterios de valoración refírense ao período dos últimos seis anos, polo que Margarita Estévez destaca o potencial de futuro para outros programas de doutoramento da Universidade de recente creación que poderán concorrer nas vindeiras convocatorias. O período de validez destas mencións será para os cursos académicos 2011-2012, 2012-2013 e 2013-2014.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós