DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 31 de outubro do 2011

Universidade e empresa automobilísticas asinaron un convenio de cooperación educativa

Alumnado do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible estrea prácticas no centro vigués de PSA


Image O grupo automobilístico PSA Peugeot Citröen vén de sumarse á longa relación de empresas e entidades nas que o alumnado do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible realiza as prácticas profesionais contempladas nos seus estudos de posgrao. O convenio asinado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o director do centro de produción de Vigo de Peugeot Citroën, Pierre Ianni, permite establecer un programa para a realización de prácticas profesionais do alumnado do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible que durante seis meses, prorrogables por outros seis, previo acordo das partes, poderá desenvolver a súa actividade nas instalacións da factoría viguesa.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
O grupo automobilístico PSA Peugeot Citröen vén de sumarse á longa relación de empresas e entidades nas que o alumnado do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible realiza as prácticas profesionais contempladas nos seus estudos de posgrao. O convenio asinado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o director do centro de produción de Vigo de Peugeot Citroën, Pierre Ianni, permite establecer un programa para a realización de prácticas profesionais do alumnado do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible que durante seis meses, prorrogables por outros seis, previo acordo das partes, poderá desenvolver a súa actividade nas instalacións da factoría viguesa da multinacional gala. “É evidente que ter unha empresa como PSA dentro das colaboradoras co mestrado é un indicador e un sinal moi positivo para nós”, asegura Xavier Labandeira, coordinador do máster que considera que o alumnado “verase claramente beneficiado pola posibilidade de cursar prácticas nun lugar onde poderán coñecer técnicas moi avanzadas de xestión ambiental empresarial”. Estas prácticas que lle proporcionarán ao estudantado unha visión global da empresa considera Labandeira que “nos obrigan a traballar aínda máis para mellorar o deseño e funcionamento do mestrado para non defraudar as expectativas creadas”.

Ademais das prácticas que se desenvolverán na factoría viguesa de PSA Peugeot Citroën, o mestrado contará con expertos da firma automobilística para impartir algunhas materias. Esta dobre participación da multinacional gala é valorada moi positivamente polo coordinador do mestrado que confirma que “tivemos unhas interaccións moi boas co responsable de Medio ambiente de PSA Vigo, Rogelio Méndez, e o seu equipo que están especialmente interesados en que os nosos alumnos aprendan e se formen axeitadamente”.

Máis de medio cento de estudantes realizaron prácticas desde o inicio do mestrado

Desde o seu inicio no curso 2008-2009 cincuenta e cinco alumnos realizaron prácticas ao abeiro do mestrado en máis dunha trintena de empresas e institucións. Así: Iberdrola, Hidria, Alcoa, a Xunta de Galicia, Anfaco, Endesa, Valora, Zona Franca ou o Porto de Vigo, foron receptores do alumnado dun mestrado profesionalizante e que por tanto busca a inserción rápida no mercado laboral dos e das súas tituladas. A esta ampla representación de sectores Xavier Labandeira recoñece que nun futuro engadiríase o da construción “polos seus importantes impactos ambientais e polas posibilidades que se abrirán no futuro na rehabilitación enerxético-ambiental dos edificios”.

Na súa cuarta edición o Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible ten 25 alumnos matriculados, dos que nove non proceden da Universidade de Vigo e catro son estranxeiros chegados de Perú, Haití, México e Colombia. Ademais, catro alumnos do mestrados son bolseiros do Banco Santander, da Fundación Iberdrola, do Campus do Mar e do programa de axudas para Haití da CRUE.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós