DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 07 de novembro do 2011

Por quinto ano consecutivo, a ETSE de Minas abre as súas portas na Semana da Ciencia

Cinco días para tocar a química coas mans

1000 estudantes de ESO e Bacharelato visitan ata o venres a escola


ImageUn ano máis, e xa van cinco, a ETSE de Minas, mergúllase de cheo na celebración da Semana da Ciencia. Dende hoxe e ata o venres visitarán o centro vigués arredor de 1000 rapaces e rapazas de 25 centros de ensino medio de toda Galicia para achegarse á ciencia de primeira man e a través de experimentos e demostracións. Nesta ocasión é a química a gran protagonista das actividades, coincidindo co Ano Internacional desta disciplina, polo que nestas xornadas de portas abertas, os asistentes coñecen as instalacións do centro e a relación que une esta profesión coa química a través da enerxía, os novos materiais ou o medio ambiente.

Bea Feijoo/M. Del Río | Vigo
Un ano máis, e xa van cinco, a ETSE de Minas, mergúllase de cheo na celebración da Semana da Ciencia. Dende hoxe e ata o venres visitarán o centro vigués arredor de 1000 rapaces e rapazas de 25 centros de ensino medio de toda Galicia para achegarse á ciencia de primeira man e a través de experimentos e demostracións. Nesta ocasión é a química a gran protagonista das actividades, coincidindo co Ano Internacional desta disciplina, polo que nestas xornadas de portas abertas, os asistentes coñecen as instalacións do centro e a relación estreita que une esta profesión coa química a través da enerxía, os novos materiais ou o medio ambiente.

Unha mañá no laboratorio

Os primeiros en cruzar as portas da ETS de Enxeñaría de Minas na edición da Semana da Ciencia 2011, organizada a nivel estatal por Fecyt.Ministerio de Ciencia e Innovación, topáronse xa coa primeira das sorpresas, unha cámara termográfica empregada no estudo de eficiencia térmica en edificacións coa que puideron visualizar a distribución de temperatura corporal dos visitantes. A idea é que o estudantado de secundaria se achegue á realidade e utilidade da ciencia e da tecnoloxía na vida cotiá, ao tempo que se tentan espertar vocacións científicas entre as novas xeracións. Javier Tamajón, un dos monitores da visita, explicoulles que “existen móbiles con este tipo de cámaras que axudan a xeneralizar o seu uso”, en actividades tan habituais, como por exemplo, para que un fontaneiro poida detectar unha fuga de auga. María Loureiro, profesora de Tecnoloxía do IES 1º de Marzo de Baiona sinala o interese que este tipo de visitas xeran entre o seu alumnado pois “axudan a explicar fenómenos científicos que non podemos ensinar nos centros pola falta desta maquinaria especializada”.

Nas dúas horas que duran as visitas, e repartidos en grupos pequenos, os adolescentes foron percorrendo espazos lúdicos de aprendizaxe/divulgación nunha clonación do que é o modelo convencional dun museo interactivo. Outra das paradas foi nun simulador real de biomasa como exemplo da investigación no eido das enerxías renovables para descubrir despois un láser 3D co que obtiveron un modelo tridimensional do interior da sala na que se atopan e que habitualmente é empregado na análise de pontes, barcos ou mesmo entes patrimoniais de envergadura.

Outra das actividades que se mantén ano tras ano e que máis interese esperta é a manipulación dos materiais dun kit de explosivos de demostración que simulan aos empregados habitualmente nas grandes infraestruturas de obra civil subterránea como por exemplo os túneles do AVE.

Un bo sabor de boca

Entre todo o aprendido en esta xornada na ETSE de Minas, o alumnado salienta en primeiro termo os experimentos levados a cabo no laboratorio de materiais. Así, coñeceron de primeira man como devolver ao estado orixinal envases das botellas de auga e de iogur grazas á influencia do calor dun forno ou a forma de crear espuma de plástico, moi empregada nas embalaxes industriais. “Sorprendeume a gran variedade de materiais que teñen no laboratorio, especialmente os materiais que segundo a tensión que se lles aplique, se manteñen ríxidos ou non”, comenta Sara González, alumna de 4º de ESO do IES 1º de Marzo. O láser en tres dimensións tamén chamou especialmente a atención dos futuros universitarios ao comprobar como a ferramenta pode recrear un espazo real dixitalmente. “O aparello reproduciu os 360 graos da sala na que estabamos e foi impresionante ver como a partir diso extraen un modelo en 3D”, destacou Jorge Costas, alumno de 2º Bacharelato do IES 1º Marzo.

Tras a visita, foron moitos os adolescentes que se sentiron atraídos polas titulacións do eido científico.“A parte práctica é apaixonante e, aínda que as titulacións de enxeñería esixan moita dedicación e estudo, estamos dispostas a facer o esforzo", comentan alumnas de 4º ESO do Colexio Sagrado Corazón de Celanova. Pola súa banda, Jonathan Fontán, estudante de 2º de bacharelato do IES 1º de Marzo confesou que xa antes da visita tiña a intención de cursar unha carreira científica, “pero agora aínda máis, polo ambiente que se vive e as excelentes instalacións”.

As visitas continuarán en horario de mañá e tarde ao longo de toda a semana nun esforzo divulgativo para poñer freo a unha porcentaxe preocupante: un 30% da poboación amósase desinteresada pola ciencia porque non a entende.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós