DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 18 de novembro do 2011

Tres investigadores de Ciencias do Mar participan nun proxecto coa Universidade de California

15.000 quilómetros ata Hawaii na procura dun caranguexo de 3 cm

Levan varios anos estudando o crustáceo anomuro do xénero Hippa


ImagePreto de 15.000 quilómetros separan Vigo de Hawaii. Alí, no arquipélago estadounidense, tres investigadores da Facultade de Ciencias do Mar, en colaboración coa Universidade de California en Santa Bárbara, realizan un estudo centrado no crustáceo anomuro do xénero Hippa. O decano, Jesús Souza Troncoso; o vicedecano, Jesús López e o profesor Mariano Lastra embarcáronse neste proxecto en 2006, cando realizaron a primeira campaña nestas illas. Un ano máis tarde volveron a Hawaii para continuar coa investigación á que agora poñen punto e final. En estreita colaboración con expertos californianos, os tres representantes da Universidade de Vigo analizan, ata o vindeiro 26 de novembro, as características de este caranguexo de apenas 3 centímetros. Explican que traballan en praias areosas para estudar a densidade da poboación deste animal en función da granulometría e do hidrodinamismo da cada praia; a coloración que adopta en función do tipo de area; a súa velocidade de enterramento; a fecundidade ou a as preferencias alimentarias.


M. Del Río | Vigo
Preto de 15.000 quilómetros separan Vigo de Hawaii. Alí, no arquipélago estadounidense, tres investigadores da Facultade de Ciencias do Mar, en colaboración coa Universidade de California en Santa Bárbara, realizan un estudo centrado no crustáceo anomuro do xénero Hippa. O decano, Jesús Souza Troncoso; o vicedecano, Jesús López e o profesor Mariano Lastra embarcáronse neste proxecto xa en 2006, cando realizaron a primeira campaña nestas illas. Un ano máis tarde volveron a Hawaii para continuar coa investigación á que agora, coa terceira expedición, poñen punto e final.

En estreita colaboración con expertos do campus de Santa Bárbara da universidade californiana, os tres representantes da Universidade de Vigo analizan, ata o vindeiro 26 de novembro, as características de este caranguexo de apenas 3 centímetros. A idea xurdiu precisamente de anteriores colaboracións e estancias na institución anglosaxona, especialmente por parte de Mariano Lastra. Souza Troncoso explica que traballan en praias areosas para estudar, entre outras variables, a densidade da poboación deste animal en función da granulometría e do hidrodinamismo da cada praia; a coloración que adopta en función do tipo de area; a súa velocidade de enterramento no medio natural; a fecundidade ou a as súas preferencias alimentarias.

As anteriores expedicións centráronse en areeiros de Big Island e Oahu, desta volta traballan en algunhas praias de Oahu que lles quedaron atrás e na illa de Maui, nas que realizarán os experimentos e sondaxes para determinar cada un destes parámetros. Por exemplo, para determinar a súa preferencia alimentaria proban “con varios tipos de alimentos, como o autóctono que é a Physalia, un hidrozoo pleustónico, con luras e con peixes”, exemplifica o decano da facultade viguesa.

Por que o xénero Hippa?

Esta especie de crustáceo é endémico das illas do Océano Pacífico e posúe varias características que o fan merecedor da atención da comunidade científica pola súa capacidade de especiación xeográfica. Fronte á maior parte dos hípidos, que son filtradores, Hippa é carroñeiro, consecuencia da súa adaptación ao medio pobre en alimento como son as illas Hawaii. Segundo apunta Souza Troncoso, “ao vivir en augas oligotróficas, con moi pouco pláncton deixaron de filtrar, houbo unha especiación que, en millóns de anos, fixo que nesta contorna o xénero Hippa se volvese preeiro, en detrimento da estratexia de microfiltrador a través das antenas”.

Outra característica deste caranguexo tamén relacionada coa adaptación ao medio é relativa á cor. Nas praias volcánicas, dunha intensa cor negra, “esta especie mimetízase coa area e vólvese escura”, puntualiza Troncoso. As diferenzas de cor entre os espécimes son palpables segundo a tonalidade da area de cada praia e esta é unha das peculiaridades que se estudarán neste proxecto.

No tocante á densidade, os investigadores subliñan que parten da premisa de que praias con maior impacto humano, o número de individuos será menor. Isto non significa que nos areeiros máis urbanos ou concorridos a vida se vexa reducida, pero si muda. “A praia é unha das zonas que sufre unha presión máis grande por parte do seres humanos, que adulteran un ecosistema no que hai vida, pero non a autóctona”, explica Troncoso.

Obxectivos e resultados

O decano de Ciencias do Mar destaca a utilidade deste tipo de traballos ecolóxicos para o coñecemento e conservación da biodiversidade. “O obxectivo é coñecer esta especie, as súas características e comportamento”, xa que estes datos servirán para axudar a manter este ecosistema. Souza Troncoso incide en que moitas das praias se atopan en zonas despoboadas, nas que unha pequena alteración pode implicar unha grave consecuencia na poboación de Hippa ou de calquera outro animal. “Unha perda brusca de biodiversidade pode alterar todo o ecosistema e facer que non sexa viable a vida para unha especie X, e esa especie pode ser a humana en algún momento; por iso é necesario coñecer o que hai e mantelo”.

Os datos obtidos en Hawaii poderán cruzarse cos obtidos noutras zonas do Pacífico como California ou Chile, para poder obter unha visión global e detallada da especie segundo a zona. No tocante a prazos, o investigador adianta que agardan poder presentar algunhas conclusións no Congreso Internacional de Praias que terá lugar en Sudáfrica o vindeiro ano.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós