DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 09 de decembro do 2011

Iníciase no campus de Ourense e Vigo o proxecto de divulgación científica Science&cook

A Universidade de Vigo e o Grupo Nove maridan ciencia e cociña

Investigadores e destacados chefs galegos impartirán obradoiros para escolares e adultos


ImageCiencia e cociña forman unha parella con moita química e moito futuro. Esta idea é o motor de Science&cook, un proxecto de divulgación científica que nace da maridaxe da Universidade de Vigo e do Grupo Nove de Gastronomía de Galicia, entidade que agrupa aos máis destacados chefs galegos. O seu primeiro menú, composto por obradoiros para escolares e adultos, servirase do 12 ao 19 de decembro nos campus de Ourense e Vigo. Neles, investigadores e chefs amosarán o frutífera que pode ser a simbiose ciencia-gastronomía, coñecemento-creatividade, teoría-práctica e investigación-empresa.

Rosa Tedín | Ourense
Ciencia e cociña forman unha parella con moita química e moito futuro. Esta idea é o motor de Science&cook, un proxecto de divulgación científica que nace da maridaxe da Universidade de Vigo e do Grupo Nove de Gastronomía de Galicia, entidade que agrupa aos máis destacados chefs galegos. O seu primeiro menú, composto por obradoiros para escolares e adultos, servirase do 12 ao 19 de decembro nos campus de Ourense e Vigo. Neles, investigadores e chefs amosarán o frutífera que pode ser a simbiose ciencia-gastronomía, coñecemento-creatividade, teoría-práctica e investigación-empresa.

Science&cook é un proxecto colectivo no que participan investigadores das facultades de Ciencias de Ourense e Química de Vigo, do Centro de Investigación, Trasferencia e Innovación CITI de Ourense e algúns dos mellores chefs galegos, que forman o Grupo Nove, contando con financiamento da Universidade de Vigo, do Consello Social da Universidade de Vigo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología FECYT, do Ministerio de Ciencia e Innovación.

A iniciativa xorde no contexto da celebración do Ano Internacional da Química 2011 e tendo en conta aspectos como que a alimentación e a gastronomía son un factor económico relevante e estratéxico para Galicia; que a sociedade ten cada vez unha maior preocupación e interese pola alimentación; e que a cociña constitúe unha das afeccións máis comúns entre os adultos. Tendo en conta todo isto, na Universidade de Vigo e no Grupo Nove fíxose a pregunta de que poden achegar os investigadores aos chefs galegos e os chefs á investigación galega. A resposta: coñecemento e crecemento a través da divulgación e da transferencia, un camiño no que proxecto Science&cook quere pór o seu gran de area.

Obradoiros para escolares e adultos

Os obradoiros comezarán o día 12 de decembro e están pensados para que os participantes, nuns casos escolares e noutros adultos, gocen vendo a parellas de investigador-cociñeiro amosar de xeito sinxelo, participativo, ameno e divertido toda a ciencia que se agocha detrás de algo tan cotiá como a cociña e como os avances científicos poden ser aplicados á gastronomía. O obxectivo é esperar a curiosidade polo coñecemento e quizais algunha vocación científica ou gastronómica.

No campus de Ourense celebraranse obradoiros para adultos e escolares. Os obradoiros para escolares terán lugar os días 12, 14 e 19 de decembro na Facultade de Ciencias, coa participación dos investigadores Carlos Lodeiro e José Luis Capelo, do Grupo Bioscope; Conchi Pérez Lamela, do Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias ; e Inmaculada Franco, do Departamento de Enxeñaría Química. Por parte do Grupo Nove estarán os chefs Alberto González, do restaurante Silabario; Gonzalo Rei, do restaurante El Mercadito, e Javier Olleros, do restaurante A Culler de Pau. Tamén no campus de Ourense, neste caso no CITI, terá lugar un obradoiro para adultos coa técnica do centro Beatriz Díaz e co cociñeiro Héctor López, do restaurante España.

No campus de Vigo, os obradoiros, destinados a adultos, terán lugar na Facultade de Química o mércores días 14 de decembro e o xoves día 15, a partir das 18.00 horas, estando aos fogóns investigadores do Departamento de Química Orgánica da Universidade de Vigo, coordinados por Martín Pérez, e os cociñeiros Rafael Centeno, do restaurante Maruja Limón, e Beatriz Sotelo, do restaurante A Estación.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo nos obradoiros para adultos dos dous campus no blog http://www.scienceandcook.org
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós