DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 14 de decembro do 2011

PictoDroid Lite foi deseñada por enxeñeiros de Telecomunicación en colaboración con pedagogos

Unha aplicación para Android baseada en pictogramas mellora a comunicación de persoas con discapacidade

Froito da cooperación do grupo GTI e o CEE Manuel López Navalón nace o proxecto Accegal


ImageTras varios anos de traballo conxunto entre o Grupo de Tecnoloxías da Información da EE de Telecomunicación e o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela esta colaboración vén de consolidarse coa creación de Accegal, un proxecto para a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles. A acollida social destas achegas desinteresadas para mellorar a comunicación das persoas con necesidades especiais está sendo moi boa, especialmente entre os pais e nais con fillos con problemas como parálise cerebral ou autismo. Froito desta cooperación desinteresada veñen de lanzarse tres novas aplicacións, unha delas, o PictoDroid Lite, presentada recentemente no AppCircus, un concurso de aplicacións móbiles organizada ao abeiro de MobileConGal, a conferencia de creadores para móbiles de Galicia á que asistiron 150 profesionais.

M. Del Río | Vigo
Tras varios anos de traballo conxunto entre o Grupo de Tecnoloxías da Información da EE de Telecomunicación e o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela esta colaboración vén de consolidarse coa creación de Accegal, un proxecto para a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles. A acollida social destas achegas desinteresadas para mellorar a comunicación das persoas con necesidades especiais está sendo moi boa, especialmente entre os pais e nais con fillos con problemas como parálise cerebral ou autismo. Ao fronte de Accegal están Enrique Costa Montenegro, profesor do grupo GTI e Fátima García Doval, pedagoga e directora do centro educativo compostelano. Froito desta cooperación desinteresada veñen de lanzarse tres novas aplicacións, unha delas, o PictoDroid Lite, presentada recentemente no AppCircus, un concurso de aplicacións móbiles organizada ao abeiro de MobileConGal, a conferencia de creadores para móbiles de Galicia na que se deron cita preto de 150 profesionais.

Unha aplicación que aposta polos pictogramas

PictoDroid Lite é unha aplicación para dispositivos Android que permite aos usuarios comunicarse a través do uso de pictogramas, signos que representan esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. Esta versión Lite unicamente permite expresar accións moi concretas, sen a posibilidade de crear oracións complexas. Por exemplo, permite crear frases con suxeitos como "imos a…" ; "quero xogar…" ; "quero ir ao baño"; "quero beber…" ; "quero comer ...", etc. Ao completar a selección de pictos, o sistema procederá á lectura da frase formada. Outra vantaxe é que todos os pictos poden ser modificados ou eliminados e é posible engadir tantos como sexa necesario.

PictoDroid Lite está dispoñible no Android Market e pode descargarse directamente da páxina de Accegal, na que está tamén o manual de usuario. Ademais, a web ofrece vídeos titoriais tanto sobre o uso como sobre a instalación e os creadores están á disposición dos usuarios que precisen a súa axuda para adaptalo a necesidades e condicións concretas, así como para actualizado segundo as demandas. A aplicación emprega os pictos de ARASAAC, creados por Sergio Palao e distribuídos con licencia Creative Commons, aínda que é posible configurala para utilizar outros pictos e incluso imáxes reais.

Contra os prezos obscenos de aplicacións accesibles

A pesar de non ter gañado no AppCircus, dado que os criterios eran basicamente comerciais, Enrique Costa explica que “o feito de ser finalistas neste tipo de certames e ter a oportunidade de falar do noso traballo ante un público tan especializado e con posibilidade de alianzas futuras é xa todo un premio”. Neste foro, os directores de Accegal xunto con Jonathan Juncal, enxeñeiro do proxecto, defenderon o valor de aplicacións como as súas nos plans de responsabilidade social das empresas. E é que unha das loitas destes investigadores é a prol da tecnoloxía accesible en todos os termos, tamén no económico e denuncian prezos “obscenos e desorbitados” de aplicacións imprescindibles para determinadas persoas que representan un “público sensible e cautivo”. Con todo, destacan que non están en contra da comercialización de aplicacións, “non cremos que todas deban ser de balde”, incide Costa, pero subliñan a necesidade dunha accesibilidade real con independencia dos recursos económicos das familias.

Proxectos de futuro

Dende Accegal continúan traballando conxuntamente con outros centros, asociacións e particulares, de modo totalmente desinteresado e sen ánimo de lucro para que as aplicacións sexan de balde e funcionen en dispositivos de baixo custo, de modo que sexan accesibles para calquera usuario e permitan expresarse a calquera persoa con discapacidade ou necesidades comunicativas especiais.

Entre os proxectos que están comezando a desenvolver está unha aplicación Android para persoas con discapacidades auditivas para o visionado de subtítulos en cines. Por outra banda, avanzarán tamén no deseño e desenvolvemento de unha aplicación Android para a modificación de conducta mediante alarmas, que permita lembrar determinados eventos e accións a persoas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós