DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 14 de decembro do 2011

O grupo de investigación Bioscope e o chef Alberto González ofrecen un obradoiro sobre ciencia e cociña

De sobremesa, unha bica con estrela e xeado de nitróxeno líquido

No marco do proxecto Science and Cook da Universidade de Vigo e do Grupo Nove de Gastronomía


ImageBica galega feita por un chef recentemente galardoado cunha Estrela Michelín acompañada por xeado de vainilla feito con nitróxeno líquido. Este foi un dos pratos que os escolares asistentes ao obradoiro Frío frío frío… puideron elaborar e degustar este mércores no campus de Ourense da man dos investigadores do grupo Bioscope da Universidade de Vigo e do cociñeiro Alberto González, do restaurante Silabario. Con esta e outras receitas espectaculares e moi ricas gastronomía e ciencia e tradición e innovación compartiron fogóns e prato, no marco do proxecto Science and Cook, para espertar a curiosidade dos máis novos por coñecer.

Rosa Tedín | Ourense
Bica galega feita por un chef recentemente galardoado cunha Estrela Michelín acompañada por xeado de vainilla feito con nitróxeno líquido. Este foi un dos pratos que os escolares asistentes ao obradoiro Frío frío frío… puideron elaborar e degustar este mércores no campus de Ourense da man dos investigadores do grupo Bioscope da Universidade de Vigo e do cociñeiro Alberto González, do restaurante Silabario. Con esta e outras receitas espectaculares, e moi ricas, gastronomía e ciencia e tradición e innovación compartiron fogóns e prato, no marco do proxecto Science and Cook, para espertar a curiosidade dos máis novos por coñecer.

O obradoiro, celebrado na Facultade de Ciencias, foi o terceiro que se celebra no campus de Ourense de Science and Cook, un proxecto colectivo no que participan investigadores das facultades de Ciencias de Ourense e Química de Vigo, do Centro de Investigación, Trasferencia e Innovación CITI de Ourense e algúns dos mellores chefs galegos, que forman o Grupo Nove, contando con financiamento da Universidade de Vigo, do Consello Social da Universidade de Vigo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología FECYT, do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Receitas-experimento

O decano da Facultade de Ciencias, Pedro Araújo, foi o encargado de dar a benvida ao centro aos alumnos, animándoos a espertar a súa curiosidade e vocación polo coñecemento científico. Trala súa benvida celebráronse dúas sesións do obradoiro nas que participaron en total arredor de 60 escolares de primeiro de Bacharelato do IES 12 de Outubro e do IES As Lagoas de Ourense. Para eles e con eles, pois tratouse dunha sesión moi participativa, os investigadores e cociñeiro prepararon varias receitas de cociña molecular, como xeados de nitróxeno líquido con sabores de laranxa, fresa e vainilla, e margaridas de lima sen alcol con xeo seco. Entre pipetas fumeantes, os asistentes puideron ver como os coñecementos da física e a química se aplican á cociña, participar na elaboración destes produtos e a mellor parte, catalos.

Entre receita-experimento e receita-experimento, os investigadores Carlos Lodeiro, José Luis Capelo, Cristina Núñez, Javier Fernandez-Lodeiro, Elisabete Oliveira e Hugo M. Santos ían explicando aos escolares os conceptos científicos que se agochaban detrás dos efectos espectaculares que estaban vendo e probando. Pola súa banda, Alberto González quixo facer conscientes aos rapaces de que ciencia e cociña van da man, pois desde a elaboración dunha maionesa a un proceso de cocción, en todo na cociña a química e a física son os protagonistas.

Máis obradoiros

Os obradoiros Science and Cook continuarán este xoves nos campus de Ourense e Vigo, nesta ocasión dirixidos a adultos. En Ourense celebrarase no CITI Centro de Investigación, Transferencia e Innovación o obradoiro Cociña de vangarda coa técnica do centro Beatriz Díaz e o cociñeiro Héctor López, do restaurante España, que amosarán como ciencia e tecnoloxía forman unha simbiose moi produtiva empregando diferentes tipos de hidrocoloides para conseguir sorprendentes efectos e texturas. En Vigo, na Facultade de Química, o obradoiro estará a cargo de investigadores do Departamento de Química Orgánica da Universidade de Vigo e a cociñeira Beatriz Sotelo, do restaurante A Estación, que explicarán de xeito sinxelo, ameno e divertido a ciencia que se agocha detrás de algo tan cotiá como a cociña e como os avances científicos poden ser aplicados á gastronomía.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós