DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 11 de xaneiro do 2012

Valora Consultores achegará 10.000 euros ao Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible

Unha aposta pola formación e a profesionalización en tempos de crise

A empresa galega ofrecerá prácticas remuneradas aos alumnos deste posgrao con mellor expediente


ImageNovos profesionais que sexan capaces de “coller o ritmo” que marcan os novos tempos. Iso é o que trata de atopar no mercado a empresa galega Valora Consultores, que por segundo ano consecutivo colaborará coa Universidade de Vigo achegando 10.000 euros ao Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible xa que “o perfil do traballador é coherente coa nosa proxección”, asegurou Senén Ferreiro, director xeral da entidade. “Estamos especializados en sostenibilidade e colaboramos con multinacionais españolas de primeiro nivel, por iso precisamos profesionais cun coñecemento especializado e vocación para traballar duro en novos frontes”, recalcou.

Noemí Rey | Vigo
Novos profesionais que sexan capaces de “coller o ritmo” que marcan os novos tempos. Iso é o que trata de atopar no mercado a empresa galega Valora Consultores, que por segundo ano consecutivo colaborará coa Universidade de Vigo achegando 10.000 euros ao Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible xa que “ten un perfil de traballador coherente coa nosa proxección”, asegurou Senén Ferreiro, director xeral da entidade. “Estamos especializados en sostenibilidade global, colaborando con multinacionais españolas de primeiro nivel e traballando fóra de España e para iso proxectamos un sustento de coñecemento. Por iso precisamos profesionais cun coñecemento especializado, con capacidade de internacionalizarse e con vocación para traballar duro en novos frontes”, recalcou Ferreiro.

Moi satisfeito co resultado do anterior convenio, a empresa destinará parte da achega a crear unha bolsa coa que ofrecer prácticas na propia consultora aos alumnos do posgrao que teñan os mellores expedientes. Un complemento para a formación do estudantado co que facer unha inmersión real no eido económico, industrial e empresarial galego co que o alumno poderá traballar de xeito remunerado polo menos 300 horas en Valora. “É de agradecer a confianza que a entidade ten depositada na Universidade de Vigo e que se transforma en algo tanxible, xa que non so permite aos estudantes ter unha visión global da empresa, senón que colabora cunha montante económico significativo que facilita o desenvolvemento do mestrado. Este é o camiño polo que a Universidade quere apostar e ao que quere invitar a todo o tecido empresarial a participar”, subliñou o reitor Salustiano Mato.

Crear profesionais útiles

Nun momento tan difícil para as empresas é importante que unha das principais entidades galegas do eido da sostenibilidade, a responsabilidade social e a innovación busque un cadro de persoal ben formado nestas temáticas. O convenio de colaboración co posgrao ofrece unha oportunidade de ouro para “aliñar os intereses teóricos co tecido empresarial, algo que nun máster profesionalizante é fundamental, xa que busca crear profesionais útiles para as empresas”, asegurou o seu director, Xavier Labandeira. Cunha docencia individualizada, especializada e con prácticas titorizadas, o mestrado pretende responder á demanda de profesionais polivalentes formados técnica e intelectualmente no campo da enerxía.

Outro dos obxectivos do máster é que a propia empresa tamén xere coñecemento, algo no que tanto a consultora Valora como o resto de empresas colaboradoras teñen os deberes feitos. “Xa estamos facendo uns cambios estruturais no posgrao que implantaremos de cara ao ano que vén”, explicou Labandeira.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós