DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 16 de xaneiro do 2012

Alumnado e docentes da Facultade de Historia ultiman a III Viaxe de Estudos Arqueolóxicos

Destino: a fronteira entre o Imperio Romano e os bárbaros en Alemaña

A expedición, na que participarán 25 persoas, terá lugar do 19 ao 26 de febreiro


ImageAprendizaxe, aventura e convivencia. Estes son os tres principais ingredientes das viaxes de estudos arqueolóxicas que desde o ano 2010 organizan o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo e a Delegación de Alumnos da Facultade de Historia de Ourense. Despois de Reino Unido e Turquía, este ano a meta é Alemaña suroccidental, a fronteira entre o Imperio Romano e os bárbaros. 25 estudantes e docentes de Ourense realizarán a mediados de febreiro un percorrido que comezará na cidade medieval de Ronthenburg e que rematará no campamento romano reconstruído de Mainz.

Rosa Tedín | Ourense
Aprendizaxe, aventura e convivencia. Estes son os tres principais ingredientes das viaxes de estudos arqueolóxicas que desde o ano 2010 organizan o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo e a Delegación de Alumnos da Facultade de Historia de Ourense. Despois de Reino Unido e Turquía, este ano a meta é Alemaña suroccidental, a fronteira entre o Imperio Romano e os bárbaros. 25 estudantes e docentes de Ourense realizarán un percorrido que comezará na cidade medieval de Ronthenburg e que rematará no campamento romano de Mainz.

“Coa excelente experiencia de Escocia e da exótica viaxe de Turquía na memoria, propuxemos este ano a realización de unha nova viaxe de estudos arqueolóxicos a Alemaña, seguindo coma sempre a filosofía de que sexan expedicións autoxestionadas, alternativas e económicas, fóra dos tradicionais circuítos turísticos”, explica Fermín Pérez, director do Laboratorio de Arqueoloxía. Para acadalo, salienta, desde a Delegación de Alumnos organizaron unha viaxe na que os participantes se “patean” o lugar de destino en coche, durmindo en albergues, sen guías e con moitas gañas de aprender e gozar da experiencia.

En esta edición os organizadores escolleron a zona do sur occidente de Alemaña, as “limes germanicus”, unha liña de fortes fronteirizos que separaba o Imperio Romano das tribos xermánicas non sometidas desde o ano 83 ao 260. Este percorrido levará ás 25 persoas participantes polo Val do Mosela e as súas vilas romanas reconstruídas, á cidade de Tréveris e á súa Porta Nigra e aos restos e museos de lugares como Saalburg e Colonia, dentro dun longo etcétera de cidades e vilas a visitar. Durante o percorrido tamén haberá espazo para achegarse a elementos históricos de interese de outras épocas, como a siderurxia do século XIX de Völklingen ou a catedral de Aquisgrán.

A importancia de como se ven as cousas

O grupo partirá o 19 de febreiro e regresará o día 26. Será unha semana “na que agardamos repetir a excelente experiencia de anos anteriores, que foi moi boa no aspecto académico e formativo pero tamén no aspecto persoal de convivencia e de coñecer outras culturas e países”, apunta Fermín Pérez. Como historiadores, advirte, non só é importante ver as cousas e os lugares senón que tamén hai que ter en conta “a forma en como se ven”, en este caso desde os ollos da curiosidade e a aventura.

Será a terceira edición de unha experiencia da que os seus participantes atesouran coñecementos pero tamén moitas anécdotas, desde as consecuencias derivadas de conducir pola man contraria en Escocia e ver nevar en Turquía ata gozar das vistas de Santa Sofía de Constantinopla desde unha pequena habitación dun albergue no que 14 persoas buscaban oco para durmir. Pero, como historiadores, unha das imaxes máis chocantes que se traen de estas viaxes “é ver como restos polos que aquí mataríamos en países como Turquía son empregados como garaxes para coches”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós