DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Xoves, 19 de xaneiro do 2012

Y. Lawrence Yao, catedrático da universidade neoiorquina, é considerado unha eminencia neste campo

De Columbia a Vigo na procura dos últimos avances no procesamento de materiais con láser

Ambas institucións buscan asinar un convenio de colaboración para favorecer o intercambio de estudantes


ImageNo procesamento de materiais no ámbito industrial, a tecnoloxía láser é a raíña polo amplo número de vantaxes que presenta fronte ás ferramentas tradicionais. Tras anos de traballo, o Departamento de Física Aplicada da Escola de Enxeñería Industrial sitúase á vangarda neste campo, atraendo a eminencias internacionais ata os seus laboratorios. O último foi Y. Lawrence Yao, catedrático da Universidade de Columbia, en Nova York, que realizou unha estadía de cinco meses na Universidade de Vigo para desenvolver parte das liñas de investigación actuais abertas no Manufacturing Research Laboratory que el mesmo dirixe.

Noemí Rey | Vigo
No procesamento de materiais no ámbito industrial, a tecnoloxía láser é a raíña polo amplo número de vantaxes que presenta fronte ás ferramentas tradicionais. Tras anos de traballo, o Departamento de Física Aplicada da Escola de Enxeñería Industrial sitúase á vangarda neste campo, atraendo a eminencias internacionais ata os seus laboratorios. O último foi Y. Lawrence Yao, catedrático da Universidade de Columbia, en Nova York, que realizou unha estadía de cinco meses na Universidade de Vigo para desenvolver parte das súas liñas de investigación actuais. Os traballos levados a cabo polo profesor Fernando Lusquiños no seu paso pola universidade neoiorquina o ano pasado chamou a atención de Yao, que escolleu Vigo para traballar tras gañar a prestixiosa Bolsa Académica Fullbright, unha das máis importantes a nivel internacional. A isto hai que engadirlle que o académico estadounidense mantén dende hai anos unha estreita colaboración profesional co actual director da EEI, Juan Pou.

Durante a súa estadía, Yao tratou de coñecer de primeira man os avances científicos que a Universidade de Vigo está a facer no campo do procesamento de materiais con láser, un traballo centrado sobre todo no tratamento con láser de alta potencia de materiais non metálicos. Ademais, o profesor aproveitou para explicar as técnicas que actualmente están desenvolvendo no Manufacturing Research Laboratory, un laboratorio do Departamento de Enxeñería Mecánica que el mesmo dirixe e no que traballan con novas técnicas como o micro-Laser Shock Peening (mLSP). A parte de ser o encargado de impartir a lección inaugural do Máster de Investigación en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria, o profesor de Columbia tamén realizou diversos seminarios con membros da comunidade científica.

Liña directa con Nova York

A presenza de Lawrence Yao en Vigo permitirá abrir unha liña directa de cooperación coa Universidade de Columbia. Durante estes cinco meses, Elena Martín, subdirectora de Relacións Exteriores da Escola de Enxeñería Industrial, estivo en contacto directo co catedrático para tentar establecer un convenio de colaboración co que fomentar a mobilidade de estudantes e que permita ao alumnado da universidade viguesa realizar parte dos seus estudos en Nova York.

As contribucións académicas e científicas do profesor Yao no campo do procesamento de materiais con láser son recoñecidas a nivel internacional. As súas liñas de traballo abranguen dende a industria médica ou a restauración de obras de arte ata a robótica industrial e xa ten colaborado con importante compañías privadas, como General Electric ou Boeing. Con máis dun cento de publicacións, o catedrático é membro do Láser Institute of America (LIA) e un dos editores do prestixioso American Society of Mechanical Engineers (ASME).

Novas perspectivas

Na carreira sen límites para conseguir a mellora do procesamento de materiais o láser ten un alto protagonismo, sobre todo na utilización industrial, onde se foron abrindo novas perspectivas para todo tipo de superficies. Nas súas investigacións, o Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo fai especial fincapé no tratamento mediante láser de alta potencia de materiais non metálicos, enfocando as súas principais liñas de traballo á produción de recubrimentos biocompatibles e ao procesamento de materiais cerámicos, de granito ou de pizarra, unha idea pioneira considerada prioritaria dada a relevancia do sector extractivo en Galicia. Pero ademais coidan outras liñas de investigación emerxentes, como o tratamento de materiais ultraduros como o diamante ou o carburo de silicio, onde xa obtiveron resultados prometedores.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós