DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 20 de xaneiro do 2012

A Oficina de Medio Ambiente publicará o primeiro estudo sobre a evolución das emisións de carbono

A Universidade de Vigo logrou reducir a súa pegada de CO2 nun 10% nos últimos tres anos

A mobilidade, co 60% das emisións, é o maior ‘handicap’ pola situación xeográfica e o alto número de alumnos


ImagePegada de carbono: indicador que mide a totalidade de gases de efecto invernadoiro emitidos de xeito directo ou indirecto. Moi sensible con este tema, hai anos que a Universidade de Vigo pensa en verde e aplica medidas para paliar o seu impacto ambiental. Ese traballo deu xa os seus froitos: nos últimos tres anos esta institución conseguir reducir nun 10% a súa pegada de CO2, chegando á emisión de arredor de 22.500 toneladas de dióxido de carbono á atmosfera. Un descenso aínda máis acusado cando o que se valora son as emisións por persoa. “Conseguiuse unha redución do 17%, un dato importante pero que depende moito da concienciación de cada usuario”, explica Nicolás Legido, un dos encargados de recompilar os datos para facer o primeiro estudo da Universidade de Vigo sobre a evolución das emisións de carbono entre 2008 e 2010.

Noemí Rey | Vigo
Pegada de carbono: indicador que mide a totalidade de gases de efecto invernadoiro emitidos de xeito directo ou indirecto. Moi sensible con este tema, hai anos que a Universidade de Vigo pensa en verde e aplica medidas para paliar o seu impacto ambiental. Ese traballo deu xa os seus froitos: nos últimos tres anos esta institución conseguir reducir nun 10% a súa pegada de CO2, chegando á emisión de arredor de 22.500 toneladas de dióxido de carbono á atmosfera. Un descenso aínda máis acusado cando o que se valora son as emisións por persoa. “Conseguiuse unha redución do 17%, un dato importante pero que depende moito da concienciación de cada usuario”, explica Nicolás Legido, un dos encargados de recompilar os datos para facer o primeiro estudo da Universidade de Vigo sobre a evolución das emisións de carbono entre 2008 e 2010.

A Oficina de Medio Ambiente (OMA) é a encargada de elaborar este informe, do que se están ultimando os detalles para a súa próxima publicación. Para predicar co exemplo e contribuír a ese descenso continuo de emisións, o estudo editarase en papel cun número moi limitado de exemplares e a maior parte da súa difusión farase a través de internet.

Mellores datos que outras universidades

Obter uns datos tan bos non foi unha tarefa doada, sobre todo tendo en conta a gran desvantaxe coa que ten que convivir a Universidade de Vigo: a súa situación xeográfica. Estar a 15 quilómetros da cidade e ter un elevado número de alumnos fai que o 60% das emisións se produzan pola mobilidade. “O campus está lonxe e, a pesar de campañas como Cheo por favor, moita xente vén en coche. Hai que seguir incentivando á xente para que empregue medidas alternativas, como o transporte urbano. O ideal sería chegar a un punto no que á xente lle compensara usar o autobús en lugar de subir en vehículo propio”, recorda Legido.

Pero a Universidade de Vigo tamén destaca pola súa baixa pegada ecolóxica, un índice que mide o impacto ambiental xerado pola demanda humana tendo en conta os recursos dispoñibles no ecosistema e a capacidade da terra de rexeneralos. Con 0,15 hag/per cápita, a institución viguesa está por debaixo de outras universidades como a de Santiago (0,27), León (0,45) ou a de Ontario, en Canadá (1,04).

Aforro enerxético e económico

A OMA é a encargada de executar o Plan de Sostibilidade e Medio Ambiente (Plan SuMA), que integra todas as accións e iniciativas da Universidade relacionadas co progreso sostible e que está dirixido dende a vicerreitoría de Economía e Planificación. En total, sete programas que inclúen dende a reciclaxe ou o uso das enerxías renovables ata a sensibilización e que derivan nun “aforro tamén económico”, como subliña Benedicto Soto, responsable da área de Prevención e Calidade Ambiental. Algunhas son ben visibles, outras “máis pequenas e ocultas: cambiar as lámpadas, apagar as luces do campus ás 00 horas excepto nas zonas de seguridade, mudar pezas nas caldeiras, poñer sensores de movemento nas portas, dobre ventá... “, subliña Soto.

Outras das medidas levadas a cabo son xa “a longo prazo, con instalacións feitas que se amortizan aos tres ou cinco anos”. Trátase da aposta polas enerxías alternativas, coa colocación de instalacións xeotérmicas (en Citexvi, CACTI, Edificio Administrativo de Ourense e na Biblioteca Central e de Ciencias Experimentais), fotovoltaicas (en Ciencias Sociais, Citexvi e no pavillón estudiantil do campus ourensán), termosolares (nos pavillóns deportivos dos tres campus, CACTI, ECIMAT e na Escola de Enxeñería Industrial) e dunha caldeira de biomasa na escola infantil do campus de Pontevedra. “A través dos recibos podes valorar claramente como inflúe no consumo enerxético. Sen embargo, as emisións da mobilidade son estimativas e feitas a través de enquisas periódicas entre o estudantado”, recalcou Soto.

De este plan de aforro non se libra nin a auga, xa que “a que sae da depuradora tamén ten un custe de CO2”. En este momento, por exemplo, xa se están a regar os campos de fútbol coa auga dos pozos propios dos que dispón a Universidade por todo o campus. O seguinte paso será “valorar como están as nosas reservas hídricas e ver ata onde podemos chegar en deixar de empregar a da traída”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós