DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 24 de xaneiro do 2012

David Ruano prepara a súa tese neste eido despois de gañar o 11º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

A partida contra o correo lixo tamén se xoga desde Ourense

No marco da liña de investigación ‘antispam’ do SING Group


ImageA mediados do mes de decembro David Ruano, investigador do SING Group da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, gañou o 11º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos de Expourense co proxecto de unha ferramenta de filtrado de correos lixo chamada Wirebrush4SPAM. Detrás da súa proposta non hai un traballo puntual senón toda unha liña de investigación que busca mellorar os actuais programas antispam para que usuarios e entidades dispoñan de ferramentas de comunicación electrónicas máis eficientes e seguras contra ese 80% de correos que cada día se manexa no mundo e que son lixo.

Rosa Tedín | Ourense
A mediados do mes de decembro David Ruano, investigador do SING Group da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, gañou o 11º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos de Expourense co proxecto de unha ferramenta de filtrado de correos lixo chamada Wirebrush4SPAM. Detrás da súa proposta non hai un traballo puntual senón toda unha liña de investigación que busca mellorar os actuais programas antispam para que usuarios e entidades dispoñan de ferramentas de comunicación electrónicas máis eficientes e seguras.

“O uso fraudulento do correo electrónico para a distribución de publicidade medrou nos últimos anos ata niveis impensables, como o demostra o feito de que dos 247 billóns de correos electrónicos que se envían de media cada día máis dun 80% son correos lixo”, explica Ruano. Contra esta situación, destaca, a medida empregada habitualmente consiste en aplicar os chamados antispam. A problemática xorde porque estes filtros automáticos, capaces de analizar o contido das mensaxes e de identificar o correo lixo, son cada día máis complexos porque necesitan adaptarse á constante evolución do spam.

Segundo explica o investigador, con este escenario e grazas a unha subvención do Plan Galego de I+D+i da Xunta, xurdiu a idea no SING Group, con José Ramón Méndez á cabeza, Noemí Pérez e Álvaro Pérez, e coa colaboración Ultreia Comunicaciones, Redegal e OpenHost, de construír un novo middleware e framework para a execución, desenvolvemento e despregue de filtros antispam para correo e outros medios de comunicación electrónicos, como blogs e foros.

Mellorando o referente do sector

No caso concreto do correo electrónico que ocupa a Ruano, o partir dun estudo minucioso da plataforma SpamAssassin, referente en este eido, e da identificación das súas deficiencias xurdiu a idea de Wirebrush4SPAM, un proxecto de software libre que nace da modificación de software xa existente e da aplicación nel de novas técnicas de I+D+i. Como versión mellorada, a proposta de Ruano, gañadora do galardón de Expourense, é capaz de clasificar 150 mensaxes en menos de sete segundos, fronte aos máis de 2 minutos que precisa SpamAssassin para facer exactamente o mesmo.

Baseándose en estes resultados previos, explica o investigador, “pódese concluír que Wirebrush4SPAM pode ser ata 10 veces máis rápido que SpamAssassin, un factor que ten un efecto importante cando se desenvolven e despregan filtros complexos que usan unha ampla variedade de complicadas técnicas de filtrado”.

Tras a realización do traballo de fin de carreira e de mestrado sobre este tema, David Ruano continúa esta liña de investigación no SING Group e na realización da súa tese de doutoramento, que agarda presentar o vindeiro ano e na que desenvolverá un modelo para a optimización da execución de filtros de contidos antispam que será unha evolución do Wirebrush4SPAM. En todo caso e contra as posibles expectativas, advirte o investigador que “o antispam definitivo non existe porque o correo lixo evoluciona cada día”.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós