DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Luns, 30 de xaneiro do 2012

O estudante de doutoramento Stefan Stefanov foi premiado nun congreso internacional

O Grupo de Novos Materiais atrae talento europeo

Os investigadores destacan o enriquecemento mutuo e o valor engadido destas colaboracións


Image20 investigadores compoñen o Grupo de Novos Materiais, un dos máis punteiros internacionalmente da Universidade de Vigo. Deles, 6 son estranxeiros, unha circunstancia que non fai máis que mellorar a potencialidade e a excelencia deste equipo de investigadores ao fronte do cal estivo durante anos a catedrática xa xubilada Betty León Fong.
Un deses investigadores é o búlgaro Stefan Stefanov, que ven de recibir un premio ao mellor póster no 7th International Conference on Si Epitaxy and Heterostructures celebrado na cidade belga de Leuven. Stefanov é un exemplo da capacidade de captar talento que ten este grupo, proceda de onde proceda ese talento. Pero ese fluxo constante está comezando a ter un dobre sentido e os investigadores vigueses poñen a súa vista no estranxeiro, sobre todo en Alemaña, para facer estadías en algún dos mellores grupos de investigación do mundo.

M. Del Río | Vigo
20 investigadores compoñen o Grupo de Novos Materiais, un dos máis punteiros internacionalmente da Universidade de Vigo. Deles, 6 son estranxeiros, unha circunstancia que non fai máis que mellorar a potencialidade e a excelencia deste equipo de investigadores ao fronte do cals estivo durante anos a catedrática xa xubilada Betty León Fong.
Un deses investigadores é o búlgaro Stefan Stefanov, que ven de recibir un premio ao mellor póster no 7th International Conference on Si Epitaxy and Heterostructures celebrado na cidade belga de Leuven. Stefanov é un exemplo da capacidade de captar talento que ten este grupo, proceda de onde proceda ese talento. Pero ese fluxo constante está comezando a ter un dobre sentido e os investigadores vigueses poñen a súa vista no estranxeiro, sobre todo en Alemaña, para facer estadías en algún dos mellores grupos de investigación do mundo no eido dos novos materiais.

Para Stefano Chiussi, un dos investigadores principais deste grupo, este intercambio non supón máis ca vantaxes, “tanto para os que veñen de fóra, que aprenden a "forma de vivir" de aquí, un ou dous idiomas máis, e dende logo moito sobre láseres, nanotecnoloxía, caracterización de materiais e semicondutores ou biomateriais, dependendo da liña de investigación na cal se incorporan”. Pero destaca Chiussi que é unha experiencia tamén moi positiva para “os alumnos da casa", que tamén aprenden moito. Por unha banda inglés e, por outra, a forma de traballar de excelentes alumnos estranxeiros, que adoita ser moi eficiente, sobre todo no caso dos alemáns, que traballan de forma moi concentrada e autónoma”.

De Bulgaria a Vigo, previo paso por Alemaña

A historia de Stefan Stefanov é un bo exemplo do perfil dos estranxeiros no Grupo de Novos Materiais. Nado en Bulgaria, estudou en Alemaña o Bachelor en Enxeñaría Fisíca e chegou a Vigo por primeira vez en 2004 para facer o proxecto fin de carreira cunha bolsa Erasmus, algo obrigatorio nesta titulación. A pesar de que a relación entre o grupo vigués o o alemán era estreita, recoñece que na decisión de vir a Vigo influíu tamén a praia de Patos, algo lóxico para un afeccionado ao surf.

En Galicia pasou seis meses “duros” e destaca que o “nivel do grupo no campo de novos materiais biocompatibles e no procesamento con láseres é moi alto”, sobre todo para un estudante de Bachelor, polo que agradece a axuda dos profesores Betty León e Juan Pou. En 2008, co proxecto do máster entre mans, volveu a Vigo, “pero xa todo foi máis sinxelo”, apunta. Unha bolsa permitiulle quedar 18 meses en Vigo e realizar o traballo de investigación. Tras regresar ao país xermano por un cuadrimestre para presentar o proxecto volveu a Vigo para cursar o doutoramento. Agora, 8 anos despois de pisar Galicia por primeira vez, e xa con dominio do español, Stefan non se plantexa marchar de Vigo nin deixar atrás a ondas de Patos, “o meu obxectivo é acabar o doutoramento e sacar o máximo beneficio do meu traballo e gustaríame facelo en Vigo”.

Un prestixioso premio

Stefan Stefanov traballa no campo dos novos materiais semicondutores con aplicación na nano e optoelectrónica baseada no silicio. A finalidade é obter aliaxes compatibles co silicio cuxas propiedades son moito mellores cas do silicio. O futuro pasa por mesturar xermanio, silicio e estaño para competir co grafeno, “un material moi interesante e actual, pero pouco compatible coa electrónica baseada en silicio”, destaca Stefanov.

A consecución do premio ao mellor póster neste congreso internacional, un do máis relevantes do mundo neste campo, foi á vez unha sorpresa e un orgullo para o investigador e para todo o grupo. A súa era a única contribución española no simposio e competía con profesionais de centros de excelencia de Xapón, China, América e toda Europa, “xente moi coñecida neste campo que se achegou a pedirmos colaboracións”, o que supón unha dobre satisfacción, apunta.

Stefano Chiussi destaca que o traballo espertou interese e houbo un aluvión de interesados con preguntas moi específicas. Tras o congreso, o grupo ten varias ofertas de cooperación novas, sobre todo de Xapón, EEUU, Bélxica e Alemaña, ofertas que se centran na investigación conxunta e no intercambio de estudantes. “Isto é bo para todos, tamén para a Universidade de Vigo”, subliña Schiussi.

Un grupo convertido nunha ONU

Italianos, portugueses, búlgaros, alemáns... polo grupo de Novos Materiais teñen pasado ao longo dos anos unha boa mostra de talentos internacionais, moitos deles co nexo común de ter estudado en Alemaña, unha potencia neste campo. En parte estranxeira era tamén Betty León, panameña formada en Alemaña e outras dúas venezolanas ademais dos alumnos estranxeiros que recalan en Vigo para facer traballos de investigación. “A gran maioría vén de Alemaña (habitualmente 2-3 ao anos), pero tamén tivemos alumnos de Suecia, Polonia, China, Cuba e Francia...”, apunta Chiussi. Agora que este fluxo comeza a ser en dobre sentido e podemos nós tamén enviar nós xente moi cualificada, sobre todo a Alemaña, os beneficios multiplícanse e únense á vantaxe de traballar nun grupo verdadeiramente multidisciplinar, formado por físicos, químicos, biólogos, farmacéuticos e enxeñeiros. Isto achega tamén interesantes experiencias que poden ser aproveitadas por todo o grupo e polos propios visitantes, un aspecto que os estranxeiros consideran como importante valor engadido.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós